Guía de procedementos e servizos

MR709B

Axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 22/07/2025 00:00 - 02/11/2026 23:59

Consellería do Medio Rural

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Concesión de axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, traballos técnicos e de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover calquera instrumento e/ou procedemento de mobilización e recuperación da terra agraria de Galicia, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas correspondentes ás permutas de especial interese agrario xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas, as agrupacións de persoas xurídicas e as comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conten coa resolución da persoa titular da Dirección da Axencia que declare o especial interese agrario da permuta de que se trate ou que teñan presentado o proxecto de permutas que inclúa os requirimentos establecidos no artigo 62 e seguintes da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

b) Ser titulares dalgún dos predios a que se refira a permuta de que se trate.

2. En relación coas axudas correspondentes á posta en marcha de polígonos agroforestais de iniciativa privada ou outras iniciativas de recuperación e mobilización de terras, xestionadas tamén a través destas bases reguladoras, poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos, en liña co establecido nos artigos 68 e 71 da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia:

a) Que se acredite a disposición do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % das terras incluídas no perímetro proposto de polígono agroforestal.

b) Acreditar mediante informe técnico que existe unha situación produtiva que permita presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras no ámbito de actuación.

c) Ter remitido á Axencia a documentación necesaria para a posible aprobación do polígono agroforestal e para dar cumprimento ao artigo 103 da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia (https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/poligonos-agroforestais/).

En caso de participación dun monte veciñal en man común, segundo os termos establecidos no artigo 18.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no proceso de constitución do polígono agroforestal o monte veciñal en man común de que se trate terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos desta particularidade, salvo acordo favorable coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada Lei 13/1989, os montes veciñais en man común que estean xestionados preventivamente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.

d) Que acordase o inicio do expediente a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. As persoas beneficiarias deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase antes de ditar a proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 13 desta resolución.

4. Non poderán acceder a estas axudas as persoas que estean afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Subdirección de Mobilidade de Terras

Lugar da Barcia, nº 56 - Laraño

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997193

Email: agader.direccionxeral@xunta.gal

https://agader.xunta.gal/

Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

22/07/2025 00:00 - 02/11/2026 23:59

 O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2026. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Solicitudes

1. As solicitudes, dirixidas á Axencia presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/ (inclúese como anexo I).

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregadas públicas.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito aprobado na convocatoria.

 Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria (se procede):

a) Copia da escritura notarial da permuta xunto coa acreditación da correspondente liquidación do imposto de transmisións patrimoniais. De ser o caso, nota simple da inscrición da permuta de que se trata ou da inmatriculación dos predios afectados.

b) Facturas relativas aos gastos para os cales solicita a axuda debidamente desagregadas por conceptos.

c) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas:

No xustificante bancario do pagamento debería constar a data de pagamento, o número da factura, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento (que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda) e a identificación da persoa destinataria do pagamento (que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura).

No caso de empregar efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado, deberán acompañarse da documentación bancaria en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria da axuda dentro do prazo de xustificación.

Todos os xustificantes de pagamento deberán estar validados co selo da entidade bancaria.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período subvencionabilidade.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

d) Documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado pola persoa beneficiaria e que non é recuperable.

e) No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá achegar debidamente cuberto o anexo II (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola persoa designada como representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se presenten documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código do procedemento e o órgano responsable del, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que estean en poder da Administración actuante ou que elaboren as administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) NIF da entidade representante, de ser o caso.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Concesión de axudas recibidas pola regra de minimis.

i) Concesión de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG nº 94 do 21 de maio de 2021).

    • Resolución do 7 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover instrumentos de mobilización e de recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada, en réxime de concorrencia non competitiva, e se anuncia a convocatoria para os anos 2025 e 2026 (DOG nº 138 do 21 de xullo de 2025).

    • Extracto da Resolución do 7 de xullo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover instrumentos de mobilización e de recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada, en réxime de concorrencia non competitiva, e se anuncia a convocatoria para os anos 2025 e 2026 (DOG nº 138 do 21 de xullo de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR200A

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector subministrador de medios de defensa fitosanitaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200B

Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de tratamentos fitosanitarios

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR200C

Rexistro Oficial de Produtores e peradores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO) - sector de asesoramento fitosanitario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano