Guía de procedementos e servizos

MR362A

Axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 23/04/2025 00:00 - 27/05/2025 23:59

Consellería do Medio Rural

A concesión das axudas á participación de agricultores en réximes de calidade no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

Gastos subvencionables e contía das axudas.

1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento dos requisitos do réxime. Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol.

No caso das persoas beneficiarias por comezaren a actividade nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.

2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación. Poderase cobrar un máximo de cinco anualidades e sempre dentro dos sete anos posteriores á incorporación ao réxime de calidade.

3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2, ou que participasen por primeira vez nos cinco últimos anos. En todo caso, a data de alta debe ser anterior á data final do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.

2. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do simple autoconsumo.

3. Quedan excluídas destas axudas as entidades que teñan a consideración de empresas en crise, segundo os criterios establecidos no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, así como as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Área de Calidade Alimentaria

Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria

Avenida do Camiño Francés, nº 10

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981540063

Fax: 981540018

Email: agacal@xunta.gal

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Prazo de presentación: ABERTO

23/04/2025 00:00 - 27/05/2025 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 27 de maio de 2025.

Non poderán ter a consideración de beneficiarios aqueles solicitantes que non cumpran os requisitos que se establecen para eles no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).

De acordo co establecido na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e co previsto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser realizada mediante unha declaración responsable do solicitante no caso de que as axudas que se concedan non superen por beneficiario ou beneficiaria e axuda o importe de 1.500 euros.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse anualmente en formulario dirixido á Axencia conforme o anexo I, acompañado da documentación complementaria.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.

b) Certificación do consello regulador correspondente, no caso de que a Axencia delegase nel a xestión do réxime de calidade, que acredite a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.

c) No caso de agricultores/as que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que acredite que se inicia a actividade nesta nova orientación produtiva e que esta ten dimensión suficiente para ter a consideración de actividade comercial. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV. No anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, a dimensión mínima para ter a consideración de actividade comercial.

d) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente que acredite a súa inscrición, no caso de que a Axencia delegase nel a xestión do réxime de calidade. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 10 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 76 do 22 de abril de 2025).

    • Extracto da Resolución do 10 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á cooperación para promover a participación de agricultores en réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 76 do 22 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

MR101B

Solicitude de certificados de propiedade ou de transmisión da propiedade en concentración parcelaria

Aberto todo o ano

MR203A

Autorización para impartir cursos de manipulador aplicador de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR237C

Inicio de actividade/baixa/modificación na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano