Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN607A
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i - GRC.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i - GRC.
1. Poderán ser beneficiarias das axudas das modalidades A, B e C as entidades sinaladas a continuación e destinaranas aos seus grupos de investigación, incluídos os dos centros adscritos ao SUG, recoñecidos como tales polas distintas entidades, e ao persoal investigador que proceda, que cumpran na data de publicación desta convocatoria os requisitos establecidos no artigo 4 e no número 2 dos anexos I, II e III (segundo cada caso).
a) As universidades públicas do SUG.
b) Os organismos públicos de investigación de Galicia.
c) As fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC e Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur). No caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS, INIBIC, IISGS e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas desta convocatoria a través destas entidades.
d) Os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias que se indican no artigo10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Área de Xestión
R/ Airas Nunes s/n
15702 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541096
Email: xestion.gain@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cada un dos grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento que as entidades presenten a esta convocatoria deberá cumprir os requisitos sinalados no número 2 do anexo correspondente á modalidade a que concorra.
Non se poderá solicitar unha axuda das modalidades A ou B para un grupo de investigación que teña vixente outra axuda de calquera destas modalidades.
Cada investigador/a poderá formar parte da composición dun único grupo das modalidades A ou B.
Cada investigador/a poderá liderar ou formar parte do equipo dun único proxecto de excelencia da modalidade C desta convocatoria.
O persoal investigador que figure como coordinador dun grupo das modalidades A ou B non poderá liderar nin formar parte do equipo dun proxecto de excelencia da modalidade C.
O persoal investigador que forme parte da composición dun grupo das modalidades A ou B, sen figurar como coordinador do grupo, poderá ademais liderar ou formar parte do equipo dun único Proxecto de excelencia da modalidade C.
Para o cumprimento dos requisitos tomarase en consideración o seguinte:
1. A certificación de ingresos de I+D do grupo será a referida ao período do 1 de xaneiro de 2023 ao 31 de decembro de 2025 e unicamente poderán contabilizarse aqueles que se produzan na entidade que presenta a solicitude ou naqueles entes en que a entidade teña unha participación superior ao 20 %.
Para os grupos vinculados ao SUG, contabilizaranse os que se produzan no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga), na Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e nas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria cando se correspondan cos institutos de investigación sanitaria do ámbito do Sistema público de Saúde de Galicia. Para os grupos vinculados aos institutos de investigación sanitaria de Galicia (IDIS, INIBIC e IISGS) contabilizaranse, ademais dos ingresos producidos nas entidades solicitantes, os ingresos producidos no resto das entidades integrantes dos citados institutos. En todos estes casos, tanto para os grupos vinculados ao SUG como para os grupos vinculados aos institutos de investigación sanitaria de Galicia, a certificación de ingresos I+D deberá indicar o grupo en concreto ao cal corresponden os citados ingresos.
No caso de ingresos asentados noutras entidades distintas das anteriores, vinculados coa actividade dos grupos de investigación, se poderán contabilizar as cantidades que fosen efectivamente reingresadas na entidade solicitante.
Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso e non o de concesión ou sinatura, isto é, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro de 2025, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios sexan anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2025 aínda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.
2. Para a certificación dos ingresos de I+D do grupo e dos méritos sinalados no número 2 dos anexos I e II, teranse en conta as seguintes situacións:
a) Se un/unha investigador/a abandonou o grupo durante o período de cómputo, o grupo computará os méritos e ingresos durante o período en que esa persoa estivo nel.
b) Se un/unha investigador/a se integrou no grupo durante o período de cómputo, o grupo poderá computar os méritos e ingresos unicamente desde que esa persoa causou alta nel.
c) Se un grupo incorpora un/unha investigador/a entre o 31 de decembro de 2025 e a data de publicación da convocatoria, esa persoa poderá contar para os efectos dos mínimos de composición, pero non poderá achegar méritos ao grupo. Neste caso, a entidade solicitante deberá presentar unha certificación da relación específica dos membros que se incorporan neste período.
d) Nos casos excepcionais de grupos que se creasen ex novo durante 2025, poderanse computar como ingresos e méritos aqueles que os/as investigadores/as que integran o novo grupo tivesen no período 2023-2025, con independencia de onde se contabilizasen e/ou producisen, incluídos aqueles que procedan de fóra do Sistema galego de I+D. Para o caso dos grupos das universidades públicas do SUG, deberán estar inscritos como tal no Rexistro da súa entidade antes do 30 de xuño de 2025.
e) No caso de fusión de grupos ou de absorción dun grupo ou grupos por outro, o novo grupo resultante poderá computar os méritos e ingresos de I+D do persoal investigador daqueles grupos que se integre como consecuencia da fusión ou absorción durante o período entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025. Neste caso, a entidade solicitante deberá presentar unha certificación que acredite a desaparición de, cando menos, un dos grupos implicados na fusión ou absorción e a data en que se produce esta, así como unha relación dos membros que se integren no novo grupo.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, no caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, ou IN607A (anexo VI bis) na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica, con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados, dos documentos que deban asinar os/as representantes das entidades solicitantes, os/as coordinadores/as do grupo e os/as investigadores/as principais.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).
Solicitude segundo o Anexo VI (bis).
1. Certificado emitido pola entidade solicitante a que pertence o grupo (ou estea adscrito no caso das universidades), que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos neste anexo.
2. Certificado asinado pola persoa representante legal da entidade solicitante de que se conta con toda a documentación exixida na lexislación para a investigación con animais, de ser o caso.
3. Certificado da composición do grupo na data de publicación da convocatoria, emitido pola entidade solicitante, no cal se deberán indicar o código e/ou denominación do grupo, así como a categoría de cada un dos seus membros. A composición certificada será a completa do grupo na data de publicación desta orde de convocatoria e deberá incluír a data de inscrición no Rexistro da entidade e todas as altas e baixas que se produciron no grupo no período do 1 de xaneiro de 2023 ao 31 de decembro de 2025. Nesta certificación e para os grupos do SUG faranse constar, de xeito específico, os membros do grupo que pertencen na data de publicación desta convocatoria a centros de investigación con acreditación de excelencia, centros colaborativos, campus de especialización acreditados e, subsidiariamente, a campus periféricos e, no caso de entidades alleas ao SUG, o persoal investigador de centros periféricos da entidade solicitante localizados nas provincias de Lugo ou Ourense, así como na comarca de Ferrolterra.
4. De ser o caso, certificado, conforme o establecido no artigo 4.2.c) desta orde, da relación específica dos membros que se incorporaron ao grupo entre o 31 de decembro de 2025 e a data de publicación da convocatoria.
5. De ser o caso, e para os grupos das universidades públicas do SUG, certificado, conforme o establecido no anexo IV, epígrafe E, para o cómputo da puntuación outorgada pola participación nun grupo de persoal investigador que figure adscrito a un centro de investigación do SUG con acreditacion de excelencia ou a un centro de investigación do SUG co recoñecemento de centro colaborativo.
6. No caso de fusión ou absorción de grupos, certificado, conforme o establecido no artigo 4,2.e), que acredite a desaparición dos grupos implicados que conten, ou non, con esta axuda activa en 2025 e a data na que se produce esta, así como unha relación dos membros que se integren no novo grupo.
7. Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polo grupo de investigación computados de acordo co sinalado nos artigos 2 e 4 da convocatoria, onde debe figurar tanto o importe total dos proxectos como o desagregado das anualidades que se certifican.
8. Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato obrigatorio desta memoria está no enderezo web http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal, e deberá ir asinado polo coordinador ou coordinadora do grupo de investigación.
9. No caso de grupos que conten con esta axuda activa en 2025 e desaparezan para integrarse nun novo grupo creado por fusión ou absorción doutros, Memoria descritiva da súa traxectoria durante o período en que contou coa axuda e ata a data da súa desaparición.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
b) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das débedas á Administración da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios de inicio e achegar os ditos documentos. Estes documentos poderán substituírse por unha declaración responsable do solicitante, de conformidade co artigo 11 de Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores .
Todos os trámites administrativos que as persoas solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (DOG nº 11 do 19 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Orde do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (DOG nº 11 do 19 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG - GPC
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG - GRC.
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG-Proxectos de excelencia.
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Rexistro de instalacións con equipos de presión.
Aberto todo o ano