Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN417Z
Subvencións para proxectos de mellora enerxética nas empresas - Programa Bono Enerxía Peme.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Subvencionanse inversións en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente destinadas a pemes e autónomos do sector servizos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Dirección Inega
Xerencia do Inega
Rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5 - San Lázaro
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981953543
Email: Inega.info@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
17/01/2025 09:00 - 25/06/2025 23:59
O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas e rematará o 25 de xuño de 2025, ás 23.59 horas. Se o último día do prazo é inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 2831/2023 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Solicitudes.
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou unha persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.
3. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:
– Nomeamento de representante (anexo II), cando proceda.
– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) .
4. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.
5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente. Polo tanto, a axuda máxima a conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.
De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.
6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Documentación complementaria.
1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación administrativa:
i. Nomeamento de representante (anexo II), cando proceda.
ii. Documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que correspondan coas seccións do CNAE 2009.
iii. Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.
O solicitante da axuda debe ter solicitado tres ofertas, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.
Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, salvo cando a actuación sexa inferior a 15.000 €, deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:
1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.
Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
O solicitante da axuda deberá achegar unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.
iv. Declaración responsable do representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
v. As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público ou ben non teñan o domicilio social en Galicia presentarán:
a. Documentación acreditativa da constitución.
b. Documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa.
vi. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización de algunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia.
b) Documentación técnica:
i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica ME dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).
ii. Fotografías da instalación actual, incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.
iii. Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.
iv. Etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, no caso de renovación de equipamentos do Bono equipamento ou Bono climatización, que así o requiran.
v. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.
d) DNI/NIE da persoa solicitante.
e) NIF da entidade solicitante.
f) NIF da entidade representante.
g) DNI/NIE da persoa representante.
h) Certificado de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.
i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
j) Concesión de subvencións e axudas.
k) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar, logo da a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 31 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2025 (DOG nº 6 do 10 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Resolución do 31 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2025 (DOG nº 6 do 10 de xaneiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Comunicación da información estatístico-contable anual dos corredores de seguros e reaseguros e dos axentes de seguros vinculados e dos operadores de banca-seguros vinculados.
Prazo aberto: 01/03/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano