Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG408B
Préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Publicar as bases reguladoras dos préstamos directos do Igape para o financiamento empresarial en Galicia, e convocar os ditos préstamos para o ano 2025 en réxime de concorrencia non competitiva.
Poderán ser persoas beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
San Lázaro. Complexo Administrativo
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151/ 981541147
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: ABERTO
07/02/2025 09:00 - 01/12/2025 14:00
Segundo a RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia número 7, do 13 de xaneiro de 2025, e número 8, do 14 de xaneiro de 2025 o novo prazo de solicitudes é o seguinte:
Data de inicio: 7.2.2025 ás 9.00 h.
Data de fin: 1.12.2025 ás 14.00 h, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no anexo I.
- Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I, poderán ser tamén persoas beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do anterior número 1. Cando non teñan personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como no acordo de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se van a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos arts. 35 e 63 da Lei 9/2007.
- Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias dos préstamos:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro Segundo do devandito Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.
c) Para as modalidades de préstamo que teñan axuda implícita, as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.
d) Para préstamos que inclúan subvencións implícitas ao tipo de xuro de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pago previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e as súas posteriores modificacións, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Presentación de solicitudes
Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.
2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo VII.1) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan a unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación específica sinalada no anexo I para cada modalidade de préstamo.
b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.
e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).
h) Se é o caso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
– Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación do financiador indicando importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar;
– Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.
i) Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de Actividades Económicas (IAE).
f) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
i) Certificado de renda (IRPF) no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis.
l) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo VII.1) e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).
-
Resolución do 31 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia número 7, do 13 de xaneiro de 2025, e número 8, do 14 de xaneiro de 2025 (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos Bonos Activa Comercio.
Prazo aberto: 09/04/2025 00:00 - 14/04/2025 23:59
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano