Guía de procedementos e servizos

ED504B

Actividades de formación en linguas extranseiras

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 04/02/2026 00:00 - 03/03/2026 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Toda a información relacionada co estado das solicitudes ou coa adxudicación de prazas farase a través da páxina principal da web https://www.edu.xunta.gal/axudasle/, que se actualizará periodicamente.

Sobre o procedemento

Convocar axudas para realizar as actividades de formación dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando, no réxime xeral ordinario, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2025/26, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2024/25.

c) Ter acadado no curso 2024/25, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensino secundario obrigatorio para as prazas ofertadas para o 1º curso de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas ofertadas para o 2º curso de bacharelato.

d) Non ter concedida, neste curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso, nin o/a solicitante nin as persoas representantes/membros da unidade familiar, nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte.

2. As axudas poderán ser solicitadas polas persoas proxenitoras ou titoras legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa

Servizo de Innovación e Programas Educativos

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997426 // 881997419

Email: axudasle@edu.xunta.gal

https://www.edu.xunta.gal/axudasle

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

04/02/2026 00:00 - 03/03/2026 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

 Solicitudes.

1.Con base no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para esta convocatoria de axudas establécese a presentación electrónica obrigatoria, por considerarse que está acreditado que as persoas solicitantes dispoñen de acceso e dos medios electrónicos necesarios, en caso contrario, as persoas que o requiran poderán solicitar asistencia para a tramitación da solicitude no seu centro educativo, conforme o disposto no artigo 11.4 desta orde.

A solicitude (anexo I) presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Cada participante poderá presentar unha única solicitude; de existiren varias, só se considerará válida a última rexistrada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do libro ou libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia das persoas proxenitoras, deberase acreditar que o/a solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

b) O alumnado que cursou o ano académico 2024/25 nunha comunidade autónoma diferente a Galicia deberá achegar a certificación académica das cualificacións numéricas de todas as áreas ou materias cursadas nese ano.

O alumnado que cursou o ano académico 2024/25 no estranxeiro, deberá achegar a homologación da certificación orixinal onde conste a nota media do expediente do curso 2024/25 e as cualificacións numéricas de todas as materias cursadas.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros da unidade familiar:

– As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, se é o caso, as persoas titoras do alumnado.

– Os/as fillos/as menores de idade coa excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar ou garda con fins de adopción legalmente constituídos.

– Os/as fillos/as maiores de idade con discapacidade cando teñan modificada xudicialmente a súa capacidade xurídica mediante a constitución de curatela representativa ou cando estean suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.

– Os/as fillos/as solteiros/as entre 16 e 25 anos que convivan no domicilio familiar.

– As persoas proxenitoras separadas legalmente ou divorciadas con custodia compartida forman unha unidade familiar cos/coas fillos/as que teñan en común.

– A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/da alumno/a, excepto nos casos de custodia compartida.

– Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polas persoas proxenitoras ou persoas de situación análoga e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos anteriores.

Non terá a consideración de membro computable:

• A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación ou divorcio, excepto no caso de custodia compartida.

• O agresor no caso de violencia de xénero.

Na medida na que a Consellería poida dispoñer destas informacións, non se exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

De conformidade co previsto no número 1 do artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte a documentación preceptiva, con indicación de que, de non facelo así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21.1 da dita lei.

2. No caso de alegarse, deberá presentar a seguinte documentación:

c) Copia da xustificación de separación ou divorcio.

d) Copia da xustificación de viuvez.

e) Copia da xustificación de titoría legal.

f) Copia da documentación xustificativa das alegacións que se fagan constar como outras circunstancias familiares.

g) Certificado de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera outro membro da unidade familiar, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Título de familia numerosa, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

A Consellería poderá solicitar ás persoas interesadas aclaracións da documentación presentada. O anexo II non se presentará coa solicitude, pero poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE do/da solicitante, da persoa representante e dos membros computables da unidade familiar maiores de 16 anos.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Nivel de renda (IRPF) para o ano 2024 dos membros computables da unidade familiar maiores de 16 anos.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria dos membros computables da unidade familiar maiores de 16 anos.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia dos membros computables da unidade familiar maiores de 16 anos.

f) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos membros computables da unidade familiar maiores de 16 anos.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

g) Título de familia numerosa da persoa solicitante, no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Discapacidade da persoa solicitante e/ou dos membros computables da unidade familiar segundo o establecido no artigo 6.1), no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

i) Situación de pensionista por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou a equivalente de clases pasivas da persoa solicitante ou dos membros computables da unidade familiar segundo o establecido no artigo 6.1), a través da consulta co Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal, Maternidade e Paternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 7 de xaneiro de 2026 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2026, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 22 do 03 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 7 de xaneiro de 2026 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2026, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 22 do 03 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

CT110A

Bolsas de formación en materia de arquivos.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 13/01/2026 00:00 - 12/02/2026 23:59

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED333B

Programa retorna talento FP

Prazo aberto: 27/01/2026 00:00 - 30/04/2026 23:59