Guía de procedementos e servizos

ED481D

Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

A concesión de axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) radicadas en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

 As universidades públicas do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica-Inibic, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995152

Email: sxu@edu.xunta.gal

Secretaría Xeral de Universidades
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en adiante, DOG). 

1. Poderán acceder a estas axudas os organismos e as entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutoramento que se atopen na data de peche da convocatoria nalgún dos seguintes supostos:

a) Que estivesen contratadas na convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral de 2023 e que non renunciaran ao contrato.

b) Que estivesen contratadas a través da convocatoria de axudas posdoutorais de 2021 e 2022, que tiveron unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei e que non se presentaron á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral en convocatorias anteriores.

2. As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei ou que non finalizaran o seu contrato antes do día 31 de outubro de 2026, poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2027, de ser convocada. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2027, de ser convocada.

3. O contrato deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.

Solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481D (anexo I), no caso das universidades do SUG, e IN606C (anexo I bis) no caso das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar as persoas representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas.

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

4. De se presentar máis dunha solicitude da mesma entidade para unha mesma persoa candidata, terase en conta a última solicitude presentada e considerarase que se desiste das outras.

5. Como se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos transcorrido o prazo de presentación destas. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas en prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente que se indicarán nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.

Documentación complementaria

1. As entidades e persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo II, en que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria.

– A rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe.

– A declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade, para os casos de desempate.

– Que se compromete a manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, no seu caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda con fins estatísticos.

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación, ou equivalente, aceptando á persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo. Este documento tamén deberá ser asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente manifestando a súa conformidade para a integración da persoa candidata na unidade correspondente. No caso de que sexan a mesma persoa, deberán facelo constar no dito documento. O arquivo denominarase «Anexo III».

c) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña de investigación propia, e ao seu orzamento, que se pretende establecer, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata. O arquivo denominarase «Plan de traballo».

En concreto, o cadro orzamentario completo da liña de investigación propia non poderá estar integrado neste documento, sen prexuízo das necesarias e imprescindibles referencias a este no Plan de traballo. Deberá aterse ao especificado nos dous parágrafos seguintes, polo que este orzamento deberá ser presentado aparte, de acordo co indicado na letra seguinte.

d) Cadro orzamentario completo da liña de investigación propia, que deberá cumprir coas limitacións establecidas nas letras d) e h) do artigo 4.1 respecto das viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda e respecto dos custos indirectos ou gastos xerais. Ademais, deberá adecuarse ás epígrafes de gastos establecidas polo citado artigo 4.1 e estar desagregado por anualidades.

O cadro co orzamento da liña de investigación propia deberá presentarse nun arquivo aparte co formato .ods da aplicación Calc da suite ofimática LibreOffice. Publicarase na sección da web correspondente a estas axudas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e na da Axencia Galega de Innovación un modelo deste cadro orzamentario. Este cadro deberá, ademais, presentarse en formato PDF asinado pola persoa candidata. Os arquivos denominaranse «Orzamento».

e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es. O arquivo denominarase «Currículo-CV».

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

f) Un arquivo PDF precedido dun índice no que, en relación ao CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se queiran alegar, así como os enlaces ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou enlaces achegados neste arquivo. O arquivo denominarase «Índice-méritos».

Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

g) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos en que foi contratada na etapa inicial de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

O arquivo denominarase «Memoria».

h) Certificado da entidade solicitante en que se faga constar que a persoa candidata foi contratada ao abeiro do programa de formación posdoutoral da convocatoria de 2023 e que non renunciou ao contrato antes da data de finalización prevista; ou que foi contratada a través da convocatoria de axudas posdoutorais de 2021 ou 2022, que tivo unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizou o contrato e que non se presentou a convocatoria ningunha das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral.

O arquivo denominarase «Certificado de contrato».

i) Certificación que acredite os permisos de nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación natural e incapacidade temporal asociada ao embarazo, parto ou lactación natural, ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no traballo no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3. O arquivo ou cartafol comprimido denominarase «Permisos».

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas. Esta documentación a achegar é a mesma para os dous procedementos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria referido á entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social referido á entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma da entidade solicitante.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, obrigatoriamente a través do procedemento ED481D ou IN606C e por cada expediente.

  • Fase de Solicitude
  • Aceptación no departamento, grupo de investigación, unidade de traballo ou equivalente (Anexo III)
  • Declaración da persoa candidata a ser destinataria da axuda (Anexo II)

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED481A

Axudas de apoio á etapa predoutoral

Tramitar en liña

Prazo pechado: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59

ED481B

Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral

Tramitar en liña

Prazo pechado: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59

IN606B

Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral

Tramitar en liña

Prazo pechado: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59

IN606C

Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59