Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED481A
Axudas de apoio á etapa predoutoral
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O obxecto do programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG.
Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades públicas do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que asinen coas persoas seleccionadas neste programa un contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal estas persoas quedarán vinculadas á institución onde desenvolvan a súa actividade, e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica
Edificio Administrativo San Caetano. Bloque 3.
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995152
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Edificio Administrativo San Caetano. 15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957649
Email: sxu@edu.xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. O prazo dun mes para a presentación de solicitudes é común para os dous procedementos.
1. A duración do contrato non poderá ser inferior a un ano nin exceder os catro, de conformidade co artigo 21.c) da Lei 14/2011. Se se concerta un contrato de duración inferior a catro anos, poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. Sen prexuízo do anterior, no suposto de que a persoa investigadora xa estea contratada baixo esta modalidade e o tempo que reste ata o máximo de catro anos sexa inferior a un ano, poderá concertarse o contrato ou a súa prórroga polo tempo que reste ata os catro anos.
A actividade desenvolvida será avaliada anualmente pola Comisión Académica do programa de doutoramento mentres dure a súa permanencia no programa, e o contrato poderá resolverse no caso de non superarse favorablemente esta avaliación.
2. No caso de que a persoa contratada obteña o título de doutoramento, poderá acceder, dentro do contrato predoutoral, a un período de orientación posdoutoral por un período máximo de doce (12) meses, conforme o establecido no artigo 21.a) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, onde se define como parte do obxecto do contrato predoutoral e sempre que a obtención deste título se produza durante o período de execución desta axuda.
3. Poderán acceder a estas axudas as entidades mencionadas no número 1 deste artigo que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se lles concederán a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 4.2 desta orde.
b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2025/26. Esta matrícula terá que estar formalizada necesariamente a tempo completo antes da sinatura do contrato.
c) Que a data de finalización dos estudos de grao ou equivalentes no Espazo europeo de educación superior (EEES) ou títulos equivalentes en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES), relacionados co programa de doutoramento en que está matriculada a persoa candidata e que serviron para o seu acceso, sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2022. Enténdese como data de finalización destes estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2019 nos seguintes casos:
1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do Sistema de formación sanitaria especializada.
2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que estaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2021.
3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
4º. As persoas que acrediten de forma fidedigna que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.
A data de expedición do título de mestrado debe ser posterior á data de expedición do título referido.
d) Contar no expediente académico cunha nota media mínima igual ou superior a 7,5, ou a 7 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 6.A.1.c).
No caso das persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, a nota media mínima do expediente académico será de 6,5.
4. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas as persoas que estean en posesión do título de doutoramento nin as persoas que fosen contratadas noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial, agás os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia.
No caso das persoas candidatas que foron seleccionadas noutros programas de axudas predoutorais e que non asinasen o contrato, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo II ED481A, para as universidades do SUG, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar os representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas.
2. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha entidade, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos. De se presentar máis dunha solicitude da mesma entidade coa mesma persoa candidata terase en conta a última solicitude presentada e considéranse as outras solicitudes como desistidas.
3. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II ou anexo II.bis). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para este concepto.
4. Como se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos transcorrido o prazo de presentación destas. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas en prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente, indicados nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.
Documentación complementaria.
A. Documentación complementaria obrigatoria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, que é a mesma para ambos os procedementos:
a) Declaración asinada pola persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo III), na cal conste:
– Que presenta a súa candidatura a través dunha única entidade solicitante.
– Que non foi contratada noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia. Non se inclúen nas incompatibilidades os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. No caso das persoas seleccionadas pero non contratadas noutros programas de axudas predoutorais, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.
– Que non ten o título de doutoramento.
– Que se compromete a manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda, con fins estatísticos.
b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese (anexo IV).
c) Certificación da universidade en que está matriculada a persoa candidata, asinada pola persoa titular do Vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue (anexo V), na cal se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. Programa de doutoramento en que está matriculada a persoa candidata no curso 2025/26.
2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.
3º. Nota media, aproximada a catro decimais, coa cal se concorre a esta convocatoria. Se a nota media certificada non ten os catro decimais, considerarase que os díxitos que faltan son ceros ata completar os catro díxitos decimais. Esta nota media deberá ser calculada de acordo cos criterios establecidos na disposición adicional desta orde.
d) Aprobación do proxecto de tese pola Comisión Académica do programa de doutoramento da universidade do SUG en que a persoa candidata está matriculada. Deberá constar o título da tese de doutoramento.
e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso.
f) Se non está expedido pola Xunta de Galicia, certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa candidata.
g) Proxecto de traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutoramento, cunha extensión máxima de 4.000 palabras, asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir a tese, no cal consten especificamente, polo menos, un índice e epígrafes específicos cos seguintes aspectos:
– Obxectivos e contidos básicos do traballo.
– Metodoloxía.
– Planificación temporal.
– Transferencia de resultados.
A omisión no proxecto dalgún dos aspectos citados implicará que se requirirá a súa emenda.
O proxecto de traballo deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución deste.
2. Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
7. Todas as sinaturas deben ser electrónicas con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados, salvo causas correctamente xustificadas, para as cales se aceptarán sinaturas manuscritas.
8. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude da axuda ou que conste nunha declaración responsable comportará a inadmisión da solicitude da axuda e será causa de resolución da axuda se se ten constancia despois da súa concesión.
B. Documentación complementaria para acreditar os méritos.
1. Para acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 10, polo que se regulan os criterios de selección das solicitudes, haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:
a) Certificación asinada pola persoa competente (a persoa titular do Vicerreitorado competente en materia de investigación, ou persoa en quen delegue, ou ben a persoa responsable do organismo/centro de investigación respectivo), referida á persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, na cal se fagan constar os seguintes aspectos:
1º. No caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, indicación do grupo, agrupación estratéxica ou centro de investigación a que pertence a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese e convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da cal obtivo financiamento, ou que está integrado nunha unidade de excelencia María de Maeztu ou nun centro de excelencia Severo Ochoa radicados en Galicia e con axuda vixente, ou que forma parte do equipo de investigación dunha persoa investigadora contratada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa Oportunius, ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG núm. 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, ou nun equipo de investigación do cal forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), ou a pertenza a un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia.
2º. No caso das demais entidades solicitantes indicadas no artigo 2.1, que a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese cumpra algún dos seguintes requisitos, indicando a referencia (código de procedemento, número de expediente, título de proxecto e tipo de participación nel) que permita identificar a axuda específica:
– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Axencia Galega de Innovación para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2022 e 2025.
– Ter sido beneficiario de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2022 e 2025.
– Que forme parte do grupo de investigación unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).
– Ter sido a persoa investigadora principal dalgún proxecto concedido polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2022 e 2025. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas.
– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2022 e 2025, no cal a entidade solicitante participe en calidade de socio.
– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2022 e 2025, no cal a entidade solicitante participe en calidade de líder.
A omisión da selección dalgún dos aspectos citados suporá que o número 2.a) non será puntuado.
Se a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese non cumpre con ningún destes requisitos, non será necesario achegar este documento.
b) Memoria da adecuación do proxecto de investigación a un dos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo no indicado no anexo I desta orde, asinada pola persoa candidata e pola persoa designada para dirixir a tese. Nesta memoria deberán constar, de forma obrigatoria, a totalidade dos seguintes aspectos e deberá presentarse conforme o modelo facilitado na web da Secretaría Xeral de Universidades e da Axencia Galega de Innovación:
1º. Título do proxecto de investigación.
2º. Resumo do proxecto de tese de doutoramento (cun máximo de 150 palabras). O texto deberá visualizarse de forma completa e lexible na memoria final asinada.
3º. Reto.
4º. Prioridade.
5º. Ámbito de priorización correspondente ao reto indicado (en relación co reto e prioridade seleccionados).
O contido das listas despregables do citado modelo en ningún caso deberá ser alterado.
A omisión dalgún dos aspectos citados suporá que esta memoria non será puntuada. Xunto con esta memoria, coas súas sinaturas correspondentes, deberá ser presentado, ademais, un arquivo informático á parte co formato .ods da aplicación Calc da suite ofimática LibreOffice de contido exactamente igual ao da memoria presentada.
c) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, no cal figure expresamente o nivel acadado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos, diplomas ou certificados recoñecidos por ACLES (Asociación de centros de linguas no ensino superior, segundo a revisión feita o 28 de xullo de 2025 ou revisión que a substitúa, de ser o caso, antes do remate do prazo de solicitudes). Admitiranse transitoriamente nesta convocatoria títulos ou diplomas recoñecidos segundo a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo) ou normativa modificativa.
d) Credencial ou certificación de concesión dunha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación e Formación Profesional e Deportes.
2. A documentación indicada neste artigo, no caso de ser achegada coa solicitude, deberá cumprir co disposto polos números 2 a 8 do artigo 6.A desta orde.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) DNI, NIE da persoa candidata á axuda.
c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da entidade solicitante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma da entidade solicitante.
f) Informe de vida laboral da persoa candidata.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata, expedido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores.
Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Obrigatoriamente faranse a través do procedemento ED481A ou IN606A e por cada expediente.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2026).
-
Extracto da Orde do 19 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Prazo aberto: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59
Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG
Prazo aberto: 28/01/2026 00:00 - 27/02/2026 23:59
Programa Ignicia proba de concepto.
Prazo pechado: 29/04/2025 00:00 - 28/05/2025 23:59
Participación no Living Lab de Saúde de Vigo da Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE)
Prazo pechado: 19/08/2025 00:00 - 20/10/2025 23:59