Guía de procedementos e servizos

ED010A

Comisión de servizos do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Prazo pechado: 14/07/2025 00:00 - 22/07/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adscrición de forma temporal, en comisión de servizos, a tarefas propias do seu corpo en prazas distintas do destino que se ocupa e para as cales estea habilitado, do persoal funcionario de carreira e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, por motivos de conciliación da vida familiar e laboral (código de procedemento ED010A)

2. Tamén poderá solicitar esta adscrición o persoal funcionario de carreira en expectativa de destino, o persoal nomeado funcionario en prácticas, o persoal que superou o procedemento selectivo correspondente e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas e o persoal funcionario interino docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. Esta adscrición temporal en comisión de servizos estará supeditada á existencia de praza vacante ou necesidade de profesorado para o curso académico correspondente e que lle corresponda a adxudicación dunha praza das solicitadas de acordo cos criterios establecidos na regulación da adxudicación de destinos provisionais para o curso académico que corresponda.

4. A adscrición provisional do persoal que superou o procedemento selectivo e está pendente de ser nomeado funcionario en prácticas realizarase inmediatamente despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal funcionario de carreira.

5. A adscrición provisional do persoal funcionario interino docente realizarase despois da adxudicación de destinos provisionais ao persoal que ese ano superou o procedemento selectivo para ingreso ou acceso no corpo correspondente e estará, ademais, supeditada a que lle corresponda prestar servizos en función do número de prazas ofertadas da especialidade e do número de orde na adxudicación da persoa funcionaria docente interina.

Poderán solicitar adscrición temporal a tarefas propias do seu corpo en réxime de comisión de servizos por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, a distinta localidade, se é o caso, do seu centro de destino:

a) O persoal funcionario dos corpos docentes regulados na Lei orgánica de educación, dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que se encontre en situación de servizo activo, de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

b) O persoal que superou o procedemento selectivo de ingreso ou acceso no corpo correspondente e estea pendente de ser nomeado funcionario en prácticas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

c) O persoal laboral docente dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que se encontre en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de familiares ou de excedencia por violencia de xénero no prazo de solicitude establecido no artigo 7.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Edificio Administrativo San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544482/ 981545440/ 981957825/ 981545495/ 981544487

Fax: 881999241

Email: persoal.primaria@edu.xunta.es

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Servizo de Profesorado de Ed. Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545406/ 981545407/ 981545408/ 981545409

Fax: 981545484

Email: persoal.secundaria@edu.xunta.es

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

18/07/2019 00:00 - 29/07/2019 23:59

25/05/2020 00:00 - 05/06/2020 23:59

24/05/2021 00:00 - 04/06/2021 23:59

14/07/2021 00:00 - 26/07/2021 23:59

19/04/2022 00:00 - 02/05/2022 23:59

13/07/2022 00:00 - 21/07/2022 23:59

15/05/2023 00:00 - 29/05/2023 23:59

06/07/2023 00:00 - 24/07/2023 23:59

15/04/2024 08:00 - 26/04/2024 23:59

15/07/2024 00:00 - 23/07/2024 23:59

23/05/2025 00:00 - 05/06/2025 23:59

14/07/2025 00:00 - 22/07/2025 23:59

Apertura do prazo para o persoal opositor que supere o procedemento selectivo convocado pola Orde do 31 de xaneiro de 2024 de conformidade co artigo 7.2 da Orde do 15 de abril de 2019.

Prazo: 14/07/2025 ao 22/07/2025, ambos incluidos.

1. Tipo I) Ter un fillo ou filla menor de catro anos, ou ter e convivir cun fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo II) Ter dous fillos ou fillas menores de seis anos ou un fillo ou filla menor de seis anos cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo III) Ter tres fillos ou fillas menores de doce anos ou dous fillos ou fillas menores de doce anos se un deles ten un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos ou fillas computarase o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior a aquel en que se efectúa a solicitude.

Poderá, así mesmo, efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

2. Ter, se é o caso, destino definitivo nunha localidade a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia.

Non será exixible este requisito a aquelas persoas que presten servizos nos centros de educación infantil, educación infantil e primaria, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros de educación especial e centros públicos integrados que teñen réxime de xornada partida.

3. Ter solicitado, de reunir os requisitos, agás casos excepcionais que serán valorados pola comisión de valoración, praza no último concurso de traslados para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos.

4. Cando ambos/as os/as cónxuxes ou parella de feito sexan persoal docente, só unha das dúas persoas poderá solicitar a comisión de servizos.

5. Poderán solicitar esta comisión as dúas persoas proxenitoras nos supostos de custodia compartida en virtude de sentenza xudicial.

Solicitudes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do fomulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos http://www.edu.xunta.es/cadp e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Petición a centros e/ou localidades.

As persoas interesadas deberán solicitar en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, agás os centros penitenciarios, os centros de educación permanente de adultos e os centros ordinarios en que se imparten ensinanzas de adultos e aqueloutros centros en que se imparten ensinanzas en réxime de xornada partida, que serán de solicitude voluntaria.

Poderán engadirse voluntariamente peticións a centros ou localidades que se consideren convenientes, tendo en conta que, neste caso, é preceptivo solicitar os centros ou localidades a que se fai referencia no parágrafo anterior.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

    • a) Informe médico coa data probable de parto cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude, se for o caso. No informe deberá constar, así mesmo, se o embarazo é simple, duplo ou de triplo.

    • b) Certificación literal de nacemento ou copia do libro de familia actualizado, en todo caso.

    • c) Copia da sentenza xudicial pola cal se establece a custodia compartida, se for o caso.

    • d) Copia da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción ou o acollemento permanente ou preadoptivo, se for o caso.

    • e) Copia da resolución administrativa de acollemento permanente ou preadoptivo cando non fose expedida pola Xunta de Galicia, se for o caso.

    • f) Copia da resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que non se modificasen as circunstancias familiares. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

  • b) Certificado de residencia da persoa solicitante.

  • c) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos cando fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación.

  • d) Resolución administrativa de acollemento permanente ou preadoptivo respecto dos fillos ou fillas menores de dezasesis anos na dita situación cando fose expedida pola Xunta de Galicia, para aquelas circunstancias en que sexa de aplicación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionamente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 15 de abril de 2019 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral (DOG nº 82 do 30 de abril de 2019).

    • Orde do 14 de maio de 2020 pola que se abre o prazo para que o persoal docente solicite comisión de servizos por motivos de saúde, en atención á situación de conciliación da vida familiar e laboral, e o persoal docente interino e substituto solicite non participar na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21. (DOG nº 97 do 20 de maio de 2020).

    • Resolución do 10 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente do corpo de mestres, convocado pola Orde do 19 de outubro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 219, do 30 de outubro) (DOG nº 94 do 21 de maio de 2021).

    • Resolución do 31 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación, convocado pola Orde do 26 de outubro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 214, do 8 de novembro) (DOG nº 73 do 18 de abril de 2022).

    • Resolución do 4 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente do corpo de mestres (código de procedemento ED012A), convocado mediante a Orde do 4 de outubro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 196, do 14 de outubro) (DOG nº 91 do 12 de maio de 2023).

    • Orde do 21 de xuño de 2023 pola que se fai pública a relación de persoal que superou os procedementos selectivos extraordinarios de estabilización para o ingreso, mediante concurso de méritos, aos corpos de profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño e de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001B) (Diario Oficial de Galicia número 206, do 28 de outubro; corrección de erros, Diario Oficial de Galicia número 216, do 14 de novembro) (DOG nº 124 do 30 de xuño de 2023).

    • Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (código de procedemento ED012A) (DOG nº 72 do 12 de abril de 2024).

    • Resolución do 12 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas, de música e artes escénicas, de artes plásticas e deseño, profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, así como inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación (DOG nº 96 do 21 de maio de 2025).

    • Resolución do 19 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados entre persoal funcionario docente do corpo de mestres (código de procedemento ED012A) convocado mediante a Orde do 21 de outubro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 212, do 4 de novembro). (DOG nº 97 do 22 de maio de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED011A

Actualización e/ou modificación do expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte ensinanzas non universitarias en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Aberto todo o ano

ED301A

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED301C

Autorización de centros privados para impartir ensinanzas artísticas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED321A

Certificación persoal na manipulación de gases fluorados

Tramitar en liña

Aberto todo o ano