Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT238D
Axudas para o sector editorial galego, relativas aos gastos á produción editorial literaria
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións dirixidas a apoiar o sector editorial galego e a fomentar a edición e a difusión da literatura para o que se establecen varios programas de axudas á produción editorial que se desenvolverán con carácter bianual durante os anos 2026-2027
Poderán ser beneficiarias
As persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026 na epígrafe 476.1, edición de libros, do imposto de actividades económicas.
Non poderán ser beneficiarias
– As entidades que presenten solicitudes que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– As persoas físicas ou xurídicas que estean sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran nalgunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
– As comunidades de bens, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, de carácter público ou privado, así como outras entidades sen personalidade xurídica.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Cultura
Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro
Servizo do Libro e Publicacións
Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545804/981544845
Email: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
15/07/2026 09:00 - 17/08/2026 20:00
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que comezará a computarse ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do último día de presentación de solicitudes.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Requisitos xerais
Ademais dos requisitos específicos establecidos para cada programa, é necesario cumprir cos seguintes requisitos xerais:
a) Presentar un plan de edición, comercialización e, de ser o caso, distribución, individualizado para cada obra, tendo en conta as características específicas da edición en soporte físico e dixital, e as peculiaridades dos libros de lectura fácil e dos audiolibros.
b) As editoriais solicitantes deberán ter todos os dereitos de propiedade intelectual sobre os proxectos obxecto de subvención. Ademais, as obras deberán publicarse cumprindo co disposto na normativa vixente en materia de propiedade intelectual, e cumprindo os trámites legais para a asignación do ISBN e do depósito legal. Para as obras que se vaian editar unicamente en formato dixital ou audiolibros, será necesario presentar o resgardo de inscrición no ISBN.
c) As obras deben pertencer a algún dos seguintes xéneros literarios:
narrativa
poesía
teatro
banda deseñada
ensaio
divulgación científica e LIX (literatura infantil e xuvenil)
d) As obras subvencionables deben editarse para seren comercializadas. No caso de obras editadas en papel, a comercialización e distribución debe realizarse a través de librarías ou de plataformas físicas ou dixitais dos libros. No caso de publicacións exclusivamente en soporte dixital ou audiolibros, deberán estar presentes nalgunha plataforma de distribución dixital para a súa comercialización. Para os efectos desta orde, enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.
e) A edición, publicación, comerc ialización e, no caso da edición en soporte físico, a distribución das obras deberá realizarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de setembro de 2027, ambos inclusive.
f) A edición en papel das obras obxecto de subvención debe cumprir o seguinte:
– Ter unha tiraxe mínima de 400 exemplares, incluídas as reimpresións, agás as obras de poesía, teatro, ensaio e lectura fácil, que poderán ter un mínimo de 300 exemplares. Este requisito non será aplicable aos libros exclusivamente dixitais ou audiolibros, xa que se deberá acreditar o emprego das canles de venda axeitadas que aseguren a difusión da obra.
– Ter un mínimo de 60 páxinas por exemplar, agás os libros infantís e xuvenís, de teatro, poesía e banda deseñada.
g) Calquera outro tipo de publicación en que concorran as características establecidas na convocatoria de subvencións regulada por estas bases.
h) Idioma. Os libros obxecto de subvención que se publiquen en galego deberán estar correctamente realizados na dita lingua, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega).
i) Nos libros subvencionados ao abeiro desta orde, tanto en soporte físico como dixital, deberá constar, na páxina de créditos ou na faixa publicitaria, ou nun adhesivo, ou en calquera acción publicitaria, física ou dixital, que se realice desa obra «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia, que se obterá a través da seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal.
No caso de audiolibros, ao final da locución deberase escoitar o seguinte: «É unha obra subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia». Nos libros de lectura fácil, tamén deberá constar o logo de lectura fácil de acordo co disposto no número 2.2.d) deste artigo.
j) Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.) só poderá presentarse nunha delas.
k) Só se subvencionará a produción editorial dun mesmo título por programa. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra no mesmo programa, subvencionarase a solicitude que obteña máis puntos de acordo co artigo 16 e, en caso de empate, a presentada en primeiro lugar.
2. Requisitos específicos por programas
2.1. Programa 1. Produción editorial en calquera idioma en Galicia.
– Seren unha primeira edición dunha obra inédita en calquera idioma, ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, teña unha antigüidade de máis de 15 anos.
2.2. Programa 2. Produción editorial de libros de lectura fácil en formato físico ou dixital en galego.
a) Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego e da que non haxa adaptación en lectura fácil en galego.
b) Serán adaptacións á lectura fácil en galego de obras publicadas noutro idioma, estean ou non adaptadas para a lectura fácil, e das que non haxa adaptación en lectura fácil en galego.
c) A produción de libros de lectura fácil será comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital.
d) Os libros creados ou adaptados en formato de lectura fácil, tanto que se editen en formato físico como en formato dixital, deberán exhibir o logo de lectura fácil como selo de calidade, que se obterá a través das entidades de certificación oficiais que garantan o seguimento da normativa específica para a lectura fácil, entre outras, a norma UNE 153101 EX, e deberán contar coa correspondente certificación que acredite, por parte dunha entidade validadora oficial, que se realizou a adaptación e validación da obra.
e) Serán difundidos a través do mercado do libro e, se é o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.
f) O plan de edición, comercialización e distribución referido como requisito xeral no número 1.a) deste artigo debe conter, para as obras solicitadas no marco deste programa 2 de lectura fácil, a seguinte información:
• Características do libro adaptado á lectura fácil: contido, enfoque, traxectoria do/da autor/a, prazo estimado de edición, entidade/s de validación, proceso de produción, canles de venda, características técnicas e custo de produción.
• Referencia bibliográfica da obra orixinal a partir da cal se vai realizar a adaptación: o título, a autoría, o número de depósito legal, o ISBN e o número de edición.
• Indicación do número de palabras de que se compón a obra orixinal, dato que deberá cubrirse na epígrafe correspondente do anexo II.
2.3. Programa 3. Produción editorial de audiolibros en galego.
a) Os audiolibros en galego deberán ter como orixe unha obra cuxa primeira edición fose publicada previamente en galego ou en calquera outro idioma.
b) A produción en galego de audiolibros editados neste formato inicialmente noutro idioma.
c) Deberán ser unha reprodución fidedigna da obra en que teñan a súa orixe, en galego ou noutro idioma.
d) Non se subvencionará a produción de audiolibros xa existentes en galego.
e) Deberán editarse para a súa comercialización a través de plataformas de distribución dixital.
f) O plan de edición, comercialización e distribución referido como requisito xeral no número 1.a) deste artigo debe conter, para as obras solicitadas no marco deste programa 3 de produción editorial de audiolibros en galego, a seguinte información:
• Características do audiolibro: contido, enfoque, traxectoria do/da autor/a, traxectoria do/da director/a de dobraxe, traxectoria dos/das intérpretes da voz, prazo estimado de produción, proceso de produción.
• Referencia bibliográfica da obra orixinal a partir da cal se vai realizar o audiolibro, en que conste o título, a autoría, o número de depósito legal, o ISBN e o número de edición.
• Indicación do número de palabras de que se compón a obra orixinal, dato que deberá cubrirse na epígrafe correspondente do anexo II.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ) e o sistema cl@ve da Administración xeral do Estado.
4. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.
Documentación complementaria
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1. Documentación de carácter xeral referida ás editoriais:
– En caso de actuar a través de representante, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. Neste caso a representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.
– Escritura pública de constitución da entidade ou equivalente, de ser o caso.
– Poder do representante legal, de ser o caso.
– Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.
2. Documentación especifica referida á obra literaria:
2.1. Con carácter xeral, para todos os programas:
– Memoria xustificativa sobre o interese do proxecto presentado (obra e autor/a) indicando todos os aspectos que se van valorar segundo o artigo 16.2 desta orde, para o que deberán cubrir o anexo II, que se xunta coa solicitude. No caso de discrepancia entre os datos achegados pola entidade solicitante e os consignados no dito anexo II, prevalecerá o declarado neste último, salvo que se achegue outra aclaración ao respecto.
– Plan de edición, comercialización e distribución (de ser o caso) por cada obra: inclúe as características da edición, da comercialización e da distribución do libro, en soporte físico ou dixital para o cal se solicita subvención, coa desagregación do orzamento por conceptos de gasto (edición, distribución, comercialización), con impostos engadidos. O dito plan deberá conter a información específica referida ao programa para o cal se solicita a axuda, tal e como se recolle nos números 3.f) e 2.f) artigo 5.2 desta convocatoria.
2.2. Documentación específica por programas:
– Resgardo de inscrición no ISBN, de ser o caso (obras que se vaian editar unicamente en formato dixital ou audiolibros).
– Exemplar completo da obra orixinal en formato dixital editable, de ser o caso (só para os programas 2 e 3 da orde de convocatoria).
3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola persoa solicitante, que será responsable da súa veracidade.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
8. No caso de que algún dos documentos que se pretenda presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
j) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
k) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
l) Certificado de domicilio fiscal.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Memoria xustificativa sobre o interese do proxecto presentado (Anexo II)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector editorial galego, relativas aos gastos á produción editorial literaria para os exercicios 2026 e 2027 (DOG nº 126 do 08 de xullo de 2026).
-
Extracto da Orde do 22 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector editorial galego, relativas aos gastos á produción editorial literaria para os exercicios 2026 e 2027 (DOG nº 126 do 08 de xullo de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de Bibliotecas de Galicia.
Aberto todo o ano
Integración na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Aberto todo o ano
Creación de novos servizos de lectura.
Aberto todo o ano
Subvencións a festivais do sector audiovisual.
Prazo pechado: 23/12/2025 00:00 - 22/01/2026 23:59