Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
AP400D
Selección de entidade colaboradora para a tramitación das subvencións para a execución de diversas actuacións de mellora nas infraestruturas de telecomunicacións en edificios.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Facenda e Administración Pública
1. Constitúe o obxecto desta resolución a aprobación das bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios (programa UNICO-Edificios) previstas no Real decreto 990/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro) (código de procedemento AP400C), así como a selección da entidade colaboradora que participará na súa xestión (código de procedemento AP400D), no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se inclúen como anexo I desta resolución.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as citadas subvencións para o período 2022-2023.
3. Procédese tamén a convocar a selección dunha entidade colaboradora para facilitar a xestión e o acceso das comunidades de propietarios ás axudas propostas.
a) Para facilitar a xestión e o acceso das comunidades de propietarios ás axudas propostas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través da Área de Sociedade Dixital, nos termos previstos no artigo 9 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá establecer acordos cunha asociación ou federación de empresas instaladoras e integradoras de telecomunicacións de forma que se faciliten os procedementos de xestión das convocatorias de subvencións.
b) Co fin de garantir o grao de coñecemento e especialización necesarios, exixirase que:
1º. A asociación ou federación represente de forma exclusiva empresas e asociacións de empresas instaladoras e integradoras de telecomunicacións, sexan persoas físicas ou xurídicas, e non a outros colectivos profesionais.
2º. Se constituíse, polo menos, un ano antes contado a partir da publicación da convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Facenda e Administración Pública
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
Área de Sociedade Dixital
Departamento de Sociedade e Talento Dixital
Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica- CeMIT
Monte Gaias, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545271
Email: amtega@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
07/09/2022 00:00 - 20/09/2022 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes para ser entidade colaboradora será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Non poderán obter a condición de entidade colaboradora:
1º. As entidades en que concorra algunha das circunstancias que prohiben a obtención da condición de entidade colaboradora, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incurso nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que de forma preceptiva deba efectuar o órgano instrutor.
2º. As empresas en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices da Comisión Europea sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01) Diario Oficial de la Unión Europea do 31.7.2014 e o disposto nos artigos 1.4.c) e 2.18) de Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (texto pertinente para efectos do EEE), Diario Oficial de la Unión Europea do 26.6.2014.
3º. As empresas que se encontren suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.
Presentación de solicitudes.
- As solicitudes serán presentadas pola persoa que acredite a súa representación segundo o indicado no artigo 10 (modelo anexo III).
- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
- Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo de dez (10) días, indicándolle que, se non o fai, se considerará por desistida a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Comprobación de datos.
a) Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
1º. Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.
2º. DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.
3º. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
4º. Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
5º. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
c) Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Documentación complementaria.
a) As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III) a seguinte documentación complementaria:
1º. Copia dos estatutos sociais en que se reflictan a súa denominación, obxecto e domicilio social e figure que representa de forma exclusiva empresas e asociacións de empresas instaladoras e integradoras de telecomunicacións, sexan persoas físicas ou xurídicas, e non outros colectivos profesionais.
2º. De ser o caso, acreditación de experiencia actuando como colaboradora coa Administración pública en programas de axudas. A acreditación desta experiencia poderase realizar mediante a certificación expedida polo órgano competente da Administración pública en que se acredite a dita actuación, presentación de copia do convenio de colaboración subscrito ou calquera outra documentación que permita verificar de forma fidedigna a existencia da dita experiencia.
3º. Acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude. Deberase acreditar a dita representación segundo o indicado no artigo 10.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
b) A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
c) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
d) No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Iniciación
- Solicitude (Anexo III)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 25 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios, así como a selección da entidade colaboradora que participará na súa xestión, no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2022-2023 (DOG nº 169 do 6 de setembro de 2022).
-
Extracto da Resolución do 25 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións en edificios, así como a selección da entidade colaboradora que participará na súa xestión, no marco do investimento C15.I4 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o período 2022-2023 (DOG nº 169 do 6 de setembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Acceso á información contida na Historia Social Única Electrónica.
Aberto todo o ano
Aprobación dos modelos oficiais de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados
Aberto todo o ano
Alta/renovación de usuario en Chave365.
Aberto todo o ano
Queixa.
Aberto todo o ano