Guía de procedementos e servizos

IN519H

Axudas de Industria Dual

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Próxima apertura: 04/06/2026 09:00 - 04/09/2026 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

A concesión de subvencións a empresas con centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo.

Empresas, con independencia do seu tamaño, que proxecten levar a cabo un investimento, nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

Edif. Advo. San Caetado; Edificio 5, 4ª planta

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

04/06/2026 09:00 - 04/09/2026 14:00

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará as 14.00 horas do día en que se cumpran os tres(3) meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1.Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:

a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto nos apartados 7, 8 e 9 do artigo 5 destas bases.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.

d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003 e no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

e) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais (en diante, Lei 3/2004), para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

2. A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) 651/2014, así como a comprobación do tamaño das empresas (pequena, mediana ou grande empresa), para garantir que se aplica a intensidade de axuda pertinente en cada caso.

3. Tampouco poderán obter a condición de entidade beneficiaria as empresas que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003. En particular, non poderán obter a condición de entidades beneficiarias as empresas que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto á solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación xurídico-administrativa:

I. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

II. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as entidades beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a persoas provedoras, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:

1º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004. Poderán tamén acreditar esa circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.

2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

a. Certificación emitida por persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, determinado neste apartado, baseándose na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

b. En caso de que non sexa posible emitir a certificación de persoa auditora á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por unha persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, baseándose na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a persoas provedoras da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou, en caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

b) Documentación técnica:

As persoas solicitantes deberán presentar unha memoria descritiva do proxecto, cunha extensión máxima de corenta páxinas, que permita valorar a natureza, o alcance e a viabilidade da actuación proposta. En concreto, deberán presentar:

1º. Memoria técnica do proxecto, segundo o contido que se indica a continuación.

2º. Memoria económica.

O límite conxunto de ambas as dúas memorias é de corenta páxinas numeradas de tamaño DIN A4, tipo de letra Arial, Times New Roman ou similar, tamaño de letra non inferior a 11, interliñado non inferior a 1,2 e marxes tipo permitidas. O anterior enténdese sen prexuízo dos gráficos e táboas, que poderán presentarse en formato DIN A3. Non se valorarán as páxinas que excedan o anterior límite.

A memoria técnica deberá incluír:

• Obxectivos do proxecto e xustificación da súa necesidade.

• Descrición detallada das actuacións que se van realizar (adquisición de maquinaria, equipamentos, procesos de automatización, dixitalización, modernización industrial, etc.).

• Carácter dual da tecnoloxía (aplicacións tanto civís como de defensa ou seguridade).

• Innovacións tecnolóxicas ou melloras de procesos derivadas do proxecto.

• Impactos previstos do proxecto e aliñamento cos principios de igualdade de xénero e non discriminación.

• Equipo e organización dos traballos incluíndo o CV de cada membro.

Plan de execución e cronograma, incluíndo:

– Fases do proxecto e principais fitos.

– Plan de aprovisionamento, montaxe, validación e posta en marcha.

A memoria económica incluirá:

• Desagregación detallada dos custos por partida (equipos, obras, enxeñaría, licenzas, etc.).

• Orzamento total e subvencionable.

• Impacto económico, industrial e estratéxico esperado polo incremento da capacidade produtiva, mellora da competitividade e creación/mantemento de emprego e a contribución ao fortalecemento da base tecnolóxica e industrial na rexión.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados paro iso, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

4. Se algunha das persoas solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas polo solicitante, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. En caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o solicitante se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Imposto de Actividades Económicas (IAE).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria (AEAT).

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Certificado do Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR).

2. En caso de que as persoas solicitantes se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar a presentación dos documentos correspondentes aos solicitantes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de Industria Dual destinadas a apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 98 do 28 de Maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 26 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de Industria Dual destinadas a apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespacio, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 98 do 28 de Maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas co Igape

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/12/2026 14:00