Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT402C
Subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais de artes escénicas e musicais
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e ou musicais e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non poderán ser persoas beneficiarias desta convocatoria de subvencións:
a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881 996 077/ 881 996 078
Email: agadic@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
26/05/2026 09:00 - 26/08/2026 14:00
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase transcorridos dez (10) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos tres meses.
A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte e entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da apertura do prazo de presentación de solicitades no mes de vencemento.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Estas bases de subvención comprenden as modalidades seguintes:
A. Artes escénicas.
Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional, consistente na realización dun mínimo de catro funcións en tres espazos escénicos distintos, como mínimo, e en ningún caso máis de catro no mesmo espazo escénico.
Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto exhibición de espectáculos en feiras ou festivais do sector das artes escénicas que se realicen fóra de Galicia.
Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.
Modalidade A.4: subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.
Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución de espectáculos de artes escénicas pola Comunidade Autónoma de Galicia, cos seguintes requisitos:
a) En espazos de titularidade pública, excluídos os espazos adheridos á Rede galega de teatros e auditorios, o número mínimo por proxecto será de cinco representacións e, en ningún caso, o mesmo espazo poderá acoller máis de tres representacións.
b) En espazos de titularidade privada só se poderán acoller dúas representacións.
Todas as representacións que conformen o proxecto terán que ter contraprestación económica, sexa mediante caché ou billeteira.
B. Música.
Modalidade B.1: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional, consistente na realización dun mínimo de catro concertos en tres espazos distintos, como mínimo, e en ningún caso máis de catro concertos no mesmo espazo.
Modalidade B.2: subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto de exhibición de concertos en feiras ou festivais do sector da música que se realicen fóra de Galicia.
Modalidade B.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.
Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se realicen fóra da Comunidade Autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.
2. Requisitos: ademais dos requisitos xerais, as persoas solicitantes deberán ter en conta os seguintes requisitos segundo as modalidades:
Modalidades:
Artes escénicas A.1/A.2/A.4
Música B.1/B.2
Requisitos:
Alta no IAE correspondente.
Estar en posesión dos contratos/convite/s con contido económico da actividade que se vai realizar en feira.
Estar en posesión do convite para a representación promocional en feira.
Modalidades:
Artes escénicas A.3
Música B.3
Requisitos:
Alta no IAE correspondente.
Inscrición de asistencia ou mercado de artes escénicas ou compromiso de inscrición no caso de non estar aberto o dito período.
Acreditación da vinculación da persoa asistente coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.
3. Todas as actividades para as cales se solicita subvención deben desenvolverse entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación xeral:
1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.
1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, deberá presentar:
a) Nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.
b) Compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.
c) Compromiso de non disolución mentres dure a actividade subvencionada.
1.3. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.
1.4. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
b) Documentación específica:
2.1. Modalidade A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia):
2.1.1. Ficha do proxecto e orzamento de gastos (anexo III).
2.1.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.
2.1.3. Convite para a representación promocional en feira.
2.2. Modalidade A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais fóra de Galicia).
2.2.1. Ficha do proxecto e orzamento de gastos (anexo III).
2.2.2. Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado, ou compromiso de inscrición mediante declaración asinada pola persoa solicitante no caso de non estar aberto o dito período. Deberá achegarse a dita inscrición posteriormente no caso de ser subvencionado.
2.2.3. De ser o caso, contrato ou declaración asinada pola persoa solicitante da relación dos asistentes coa entidade.
2.3. Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).
2.3.1. Ficha de contratación e orzamento de gastos (anexo IV).
2.3.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
8. Se prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Imposto de actividades económicas (IAE).
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
– Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais de artes escénicas e musicais, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).
-
Extracto da Resolución do 29 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais de artes escénicas e musicais, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano
Creación/modificación substancial de centros museísticos
Aberto todo o ano
Modificación non substancial/disolución de centros museísticos
Aberto todo o ano
Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Aberto todo o ano