Guía de procedementos e servizos

CT207L

Subvencions para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical .

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 25/03/2026 00:00 - 24/04/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical .

1. Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia e que se dediquen ao management de artistas ou formacións musicais ou á edición fonográfica.

Enténdese por management a xestión, promoción, asesoramento e planificación da carreira profesional de artistas e formacións musicais nun mercado profesional e competitivo.

Enténdese por edición fonográfica a fixación de audio nun soporte para a súa comunicación ou publicación.

2. As persoas solicitantes deberán acreditar que están dadas de alta, cunha antigüidade mínima dun ano no momento da solicitude, nalgunha das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionadas coa actividade subvencionable de entre as que se enumeran a seguir:

Epígrafe 355.2. Edición de soportes de audio, vídeo e informática.

Grupo 983-Axencias de colocación de artistas.

Grupo 965-Espectáculos (excepto cine e deportes).

3. Ademais, as persoas beneficiarias terán que cumprir un dos seguintes requisitos:

Ter editado entre 2024 e 2025 un mínimo de 4 referencias discográficas, dentro do seu catálogo editorial, ou ben contar cun mínimo de 10 referencias no dito catálogo.

Enténdese por referencia discográfica a edición dun álbum cun mínimo de 30 minutos ou o seu equivalente en singles ou videosingles.

– Acreditar entre 2024 e 2025 un mínimo de 40 contratacións de concertos dun mínimo de tres (3) formacións musicais distintas.

4. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria:

a) As agrupacións de interese económico.

b) As asociacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

c) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán que non están incursas en tales circunstancias, conforme o establecido no anexo II desta convocatoria

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

Cidade da Cultura - Monte Gaiás, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996077/ 881996078

Fax: 881996080

Email: agadic@xunta.es

Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

25/03/2026 00:00 - 24/04/2026 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Requisitos dos proxectos:

– As persoas solicitantes deberán achegar un contrato co/coa artista ou formación musical para o cal se solicita a subvención. O dito contrato deberá estar asinado dixitalmente por ambas as partes e en vigor durante toda a duración do proxecto musical.

– Os artistas ou formacións musicais que participan ou forman parte do proxecto para o cal se solicita a subvención non poden ter participado en proxectos que resultaron beneficiarios das subvencións para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega (código de procedemento CT207L), aprobadas mediante a Resolución da Presidencia da Agadic do 21 de abril de 2022 (DOG do 6 de maio) nin ter formado parte de proxectos que resultaron beneficiarios desta subvención na convocatoria 2025.

– Deberá acreditarse documentalmente que o proxecto é obra orixinal e que posúen os dereitos suficientes para a súa reprodución e comunicación.

Os artistas ou formacións musicais que formen parte dos proxectos deberán desenvolver a súa actividade habitualmente en Galicia, entendendo como tal:

Para as formacións musicais cunha traxectoria previa, que a maioría dos seus concertos entre 2024 e 2025 tiveran lugar en Galicia.

Para as formacións emerxentes, sen traxectoria musical previa, que o proxecto para o que se solicita a subvención se desenvolva principalmente en Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Achegaranse as seguintes declaracións responsables que se recollen no anexo II:

3.1. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

3.2. Declaración responsable de que os artistas ou formacións musicais que forman parte do proxecto para o cal se solicita a subvención non participaron en ningún dos proxectos unitarios ou colectivos que resultaron beneficiarios das subvencións para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega (código de procedemento CT207L), aprobadas mediante a Resolución da Presidencia da Agadic do 21 de abril de 2022 (DOG do 6 de maio).

Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución, inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Documentación técnica:

2.1. Memoria xeral do proxecto para o cal se solicita a subvención (anexo IV), que conteña, cando menos, as seguintes epígrafes:

a) Traxectoria da persoa solicitante e xustificación documental do cumprimento dos requisitos para ser beneficiaria e avaliar os criterios de valoración, e en concreto:

– Antigüidade no imposto de actividades económicas nalgunha das epígrafes que se enumeran no artigo 2 destas bases reguladoras.

Documentación acreditativa do cumprimento do disposto no artigo 2.3 das bases, e en concreto:

Certificado da editorial discográfica no cal consten as referencias discográficas editadas ou relación dos concertos realizados entre 2024 e 2025, no cal se indiquen o nome do artista ou formación musical, o lugar, a data e a hora de realización dos concertos, xunto cos certificados de execución ou facturas emitidas polas persoas organizadoras.

– Relación dos contratos asinados con artistas ou formacións musicais da persoa solicitante na súa carteira de clientes na actualidade.

b) Descrición do proxecto e actuacións que se van desenvolver (máximo 10 páxinas).

c) Contrato asinado dixitalmente polas dúas partes co/coa artista ou coa formación musical que participa no proxecto para o cal se solicita a subvención. O dito contrato deberá estar en vigor durante toda a vixencia do proxecto musical.

d) Traxectoria do/da artista ou formación musical que formará parte do proxecto, onde se acredite o cumprimento do disposto na base 4.3, relativa ao desenvolvemento da súa actividade habitual en Galicia, para o cal deberá a base achegar a ficha artística-técnica, a relación de singles ou videosingles editados, a presenza do galego e os concertos realizados entre 2024 e 2025, ambos incluídos, en que se indiquen o lugar, a data e a hora de realización dos concertos, xunto cos certificados de execución ou as facturas emitidas polas persoas organizadoras.

e) Ficha de produción do proxecto musical, con indicación dos nomes, perfís, enderezo e roles das persoas que participan nel.

f) Cronograma de cada unha das actividades que conforman o proxecto.

g) Plan de desenvolvemento e difusión do proxecto.

2.2. Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes para a súa reprodución e comunicación, de ser o caso.

2.3.Orzamento do proxecto (anexo V): previsión de gastos e ingresos do proxecto, referencias para o seu cálculo e, de ser o caso, declaración doutras subvencións. O orzamento estará desagregado por conceptos e indicarase o seu custo con e sen IVE.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Imposto de actividades económicas (IAE).

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

– Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 5 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, e se procede á convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 55 do 24 de marzo de 2026).

    • Extracto da Resolución do 5 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, e se procede á convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 55 do 24 de marzo de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111C

Creación/modificación substancial de centros museísticos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT111D

Modificación non substancial/disolución de centros museísticos

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT113A

Depósito en réxime de comodato de fondos documentais en arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano