Guía de procedementos e servizos

BS607A

Programa Benestar en balnearios

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 27/05/2026 00:00 - 26/06/2026 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de "Benestar en balnearios".

1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2026 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.

e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e das quendas solicitadas.

g) Cumprir cos requisitos e coas obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:

a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa coa que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a). A dita circunstancia acreditarase mediante unha certificación de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito, o libro de familia, un certificado do Rexistro Civil ou, de ser o caso, mediante un certificado de empadroamento ou documentación equivalente que acredite a convivencia.

b) Un fillo ou unha filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a). Con carácter xeral, compartirá a habitación coas persoas proxenitoras solicitantes. De existir dispoñibilidade, poderá optar por unha habitación individual nos termos previstos nesta orde e aboará o suplemento correspondente, de acordo coas tarifas ofertadas polo establecemento.

c) Calquera outra persoa coa que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995994/ 881999183/ 881995791/ 881995995/ 881995965

Email: subxeaiss.politicasocial@xunta.gal

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

27/05/2026 00:00 - 26/06/2026 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando no mes de vencemento non exista día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código de procedemento BS607A.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implicará a aceptación expresa das condicións e das obrigas establecidas nesta orde, así como a aceptación da axuda.

Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación, de ser o caso:

a) Documento acreditativo da representación da persoa solicitante, cando actúe por medio de representante.

b) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o devandito certificado non foi expedido pola Xunta de Galicia.

c) Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia da persoa solicitante.

d) Copia do libro de familia da persoa solicitante, no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, para poder acceder a eles electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que a documentación complementaria se presente separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e, se se dispón del, o número de expediente.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, que consten en poder da Administración actuante ou fosen elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña expresamente á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, da persoa acompañante ou do fillo ou filla con discapacidade.

b) Datos de residencia con indicación da última variación no padrón da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante ou do fillo ou filla con discapacidade.

c) Nivel de renda procedente da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante ou do fillo ou filla con discapacidade.

d) Certificado das pensións recoñecidas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) á persoa solicitante e, de ser o caso, á persoa acompañante ou ao fillo ou á filla con discapacidade.

e) Certificado das pensións recoñecidas pola Xunta de Galicia á persoa solicitante e, de ser o caso, á persoa acompañante ou ao fillo ou á filla con discapacidade.

f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou da filla da persoa solicitante, se o dito certificado fose expedido pola Xunta de Galicia.

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante ou do fillo ou da filla con discapacidade.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante ou do fillo ou da filla con discapacidade.

i) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa acompañante ou do fillo ou da filla con discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

4. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón dos documentos asinados pola persoa acompañante e, de ser o caso, polo fillo ou pola filla con discapacidade que teña capacidade de obrar, mediante os que autorizan a comprobación dos seus datos por parte da Administración, conforme os modelos dos anexos II e III, respectivamente. Os ditos documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que calquera das persoas acompañantes, incluídas/os as/os fillas/os con discapacidade que teñan capacidade de obrar, se opoñan á comprobación dos seus datos, farao constar na dita declaración responsable e, en consecuencia, deberá achegar a documentación acreditativa correspondente.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente, en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do programa de Benestar en balnearios e axudas para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 12 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2026, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS105A

Presentación directa de reclamacións en materia de centros, servizos e programas de servizos sociais

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS105B

Remisión polas entidades prestadoras de servizos sociais de reclamacións presentadas no seu libro de reclamacións

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS309A

Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS312A

Recoñecemento oficial dos servizos de información xuvenil.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano