Guía de procedementos e servizos

VI435A

Subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 13/08/2022 00:00 - 15/11/2022 23:59

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición de vivenda previstas no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que se tramitarán co código de procedemento VI435A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2022.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Área Central. Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541982

Email: dx.igvs@xunta.es

http://www.igvs.es

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña

Praza de Luis Seoane, s/n

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184801

Fax: 981184860

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo

Avda. Ramón Ferreiro 28

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294602

Fax: 982294624

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense

Rúa Sáenz Díez, 1

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386271

Fax: 988386235

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra

Rúa Alcalde Hevia 7

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805610

Fax: 986805663

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/08/2022 00:00 - 15/11/2022 23:59

Segundo a Resolución do 23 de setembro de 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022), amplíase o prazo para a presentación de solicitudes de axudas á adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, previsto no ordinal vixésimo oitavo da Resolución do 1 de agosto de 2022, ata o 15 de novembro de 2022 e, en todo caso, ata o momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

c) Ter subscrito a partir da data sinalada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000,00 €.

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.

e) Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a seguir. O referido límite será de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles revogase nin fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

h) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

- No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

- Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, nos termos que se especifique na correspondente convocatoria, aquelas ás que, tendo presentado unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda ao abeiro de convocatorias inmediatamente anteriores, lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto.

Solicitudes.

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén poderán presentarse presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda.

d) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle revogou nin foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lle fose imputable.

h) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España, agás os supostos exceptuados no ordinal sexto 1.h).

i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

c) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude e a convocatoria prevexa o outorgamento das axudas para estes supostos.

d) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude e a convocatoria prevexa o outorgamento das axudas para estes supostos.

e) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos, no suposto de que na vivenda adquirida vaian residir, con carácter habitual e permanente, outras persoas.

f) Anexo III, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

g) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– Documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

h) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi obtida por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento.

i) No caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado acreditativo do cumprimento de obrigas tributarias coa AEAT, correspondente á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

e) Certificado acreditativo do cumprimento de obrigas coa Seguridade Social, correspondente á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), correspondente á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

h) Certificación de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

i) Certificación de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia, da consellería competente en materia de política social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras da persoa solicitante.

e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de que este documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de que deba ser expedido por outra Administración pública, deberá achegarse a correspondente documentación.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 154 do 12 de agosto de 2022).

    • Extracto da Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 154 do 12 de agosto de 2022).

    • Resolución do 23 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, previsto na Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).

    • Resolución do 15 de novembro de 2022 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 222 do 22 de novembro de 2022).

    • Resolución do 17 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade da relación de persoas beneficiarias de varios programas de axudas para a adquisición de vivenda, concedidas ao abeiro das convocatorias realizadas no ano 2022 (DOG nº 61 do 28 de marzo de 2023).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 106/2018, de 9 de marzo, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 (BOE nº 61 de 10 de marzo de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

VI409C

Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano