Guía de procedementos e servizos

PE209B

Axudas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 01/02/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

Consellería do Mar

Sobre o procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209B).

Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención de conformidade con esta orde, proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) As que se centren en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños.

b) As actividades destinadas á redución da contaminación física e química.

c) As medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna, incluída a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, aplicando os principios da infraestrutura verde que se enuncian na Comunicación da Comisión titulada «Infraestrutura verde-mellora do capital natural de Europa» (COM(2013) 249 final, do 6.5.2013).

d) As actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación dos hábitats e especies.

2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.

3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria nas zonas de actuación propostas no proxecto.

4. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder de dous exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

 Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de redacción do proxecto técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionable.

b) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos para realizar algunha das seguintes accións:

i. Limpezas, remocións ou emendas do substrato.

ii. Dragaxes, achegas ou traslados de áridos.

iii. Eliminación de obstáculos que modifican as correntes.

iv. Prevención, control e eliminación de especies exóticas invasoras.

v. Rareos, traslados ou sementeiras de especies marisqueiras.

vi. Outras actuacións que contribúan á consecución dos obxectivos da orde referidos no artigo anterior.

c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións descritas no punto anterior.

d) Os de adquisición de semente de especies marisqueiras autóctonas, coas seguintes condicións:

d.1) Soamente se poderán repoboar zonas onde se teña constatado un fallo no recrutamento natural das especies obxectivo, polo menos no último ano.

d.2) A semente deberá proceder exclusivamente de criadeiro.

d.3) En calquera caso requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción coa excepción dos custes relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribiran de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2023, sen prexuízo dos prazos que se fixen nas distintas ordes de convocatoria. A data límite enténdese, en todos os casos, sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. No entanto, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda; a ditos efectos, será necesario realizar un acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, demostrarase mediante a data da factura correspondente. A realización da acta de comprobación previa, en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos del sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) Imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto cando non sexa recuperable e sexa costeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, de 28 de novembro de 2006 relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

k) Custos indirectos.

l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Poderán ser beneficiarios das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de co-xestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico

Servizo de Xestión de Proxectos

Rúa dos Irmandiños, s/n - Salgueiriños

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547483

Fax: 981546138

Email: cma.dxdesenvolvemento@xunta.gal

http://mar.xunta.gal

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/02/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59

Para esta convocatoria do ano 2022 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

3. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

4. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

5. Como máximo cada unha das entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderá formular dúas solicitudes de axuda de proxectos por convocatoria, sexan individuais ou conxuntas.

Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumpridos as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as solicitudes formuladas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

h) A condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A presentación da solicitude de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

 Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde de bases reguladoras. Esta memoria deberá conter, polo menos:

b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e grao de consecución dos obxectivos esperados.

b.2) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.3) Descrición das accións que se pretende acometer.

b.4) Calendario de realización das accións previstas.

b.5) Plano de localización de todas as accións previstas no proxecto coas coordenadas xeográficas dos vértices, indicando o sistema de referencia empregado.

b.6) Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

b.7) Datos complementarios, necesarios para a valoración do proxecto.

Para a realización desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o Modelo A: Memoria do proxecto PE209B que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/).

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado. En todo caso, cada anualidade deberá ser una fase susceptible de producir efectos independentes.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.

d) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

f) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

h) No caso das solicitudes nas que se proxecte a execución de accións en zonas incluídas nun plan de explotación e xestión conxunto con outras entidades, a entidade solicitante deberá achegar escrito de conformidade co proxecto dos demais cotitulares do plan.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación dos puntos a.1), a.2), b.1), b.2), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao corrente do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao corrente do pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao corrente no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de solicitudes conxuntas esta consulta se realizará para cada una das entidades.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 20 do 31 de xaneiro de 2022).

    • Resolución do 11 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como expediente anticipado de gasto (DOG nº 167 do 2 de setembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PE155C

Axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 19/12/2025 00:00 - 19/01/2026 23:59

PE301A

Recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE301B

Retirada do recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE401B

Permiso de explotación a pé.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano