Guía de procedementos e servizos

IN606C

Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral.

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 22/01/2022 00:00 - 21/02/2022 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

1. Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Gain, para completar a etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481D e IN606C).

2. O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

3. A finalidade é darlle continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria a través dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación.

Número, duración e importe das axudas.

Convócanse 23 axudas (20 para as universidades do SUG e 3 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 1 de maio de 2022 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 7.000 euros en 2022, 10.000 euros en 2023 e 8.000 euros en 2024.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

c) Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e del IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881999213

Fax: 981541039

Email: axudas.gain@xunta.es

http://gain.xunta.es

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Secretaría Xeral de Universidades

Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995152/ 881995157

Fax: 881999135

Email: sxu@edu.xunta.es

http://www.edu.xunta.es

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

22/01/2022 00:00 - 21/02/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que se atopen na data de peche da convocatoria nalgún dos seguintes supostos:

a) Que estiveran contratadas na modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2018 e que non renunciaran ao contrato.

b) Que estiveran contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2017, que tiveron unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei, que finalizaron o contrato e que non se presentaron á convocatoria de axudas para completar a etapa de formación posdoutoral de 2021.

3. As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei e que non finalizaran o seu contrato na data límite de presentación de solicitudes, poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2023. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2023.

4. O contrato deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.

Forma e lugar de presentación de solicitudes.

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481D (anexo I), no caso das universidades do SUG, e IN606C (anexo I bis) no caso das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo II, no que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria.

– A rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe.

– A declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade, para os casos de desempate.

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo III).

c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, manifestando a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo IV).

d) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña propia de investigación que se pretende establecer e ao seu orzamento, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata.

e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

f) Un arquivo pdf precedido dun índice no que, en relación ao CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se queiran alegar, así como as ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou ligazóns achegadas neste arquivo.

Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Gain, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

g) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada na etapa inicial de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

h) Certificado da entidade solicitante no que se faga constar que a persoa candidata foi contratada ao abeiro da modalidade A do programa de formación posdoutoral da convocatoria de 2018 e a data de finalización do contrato; ou que foi contratada ao abeiro da modalidade A da convocatoria de 2017 e a data de finalización do contrato.

i) Documentación que acredite os permisos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3.

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no recadro correspondente do anexo II, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da entidade solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 14 do 21 de xaneiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 14 do 21 de xaneiro de 2022).

    • Resolución do 5 de maio de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 94 do 16 de maio de 2022).

    • Resolución do 31 de maio de 2022 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 5 de maio de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 107 do 6 de xuño de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED431J

Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN603A

Rexistro de instalacións con equipos de presión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605A

Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605B

Excepcionalidade para refuxios ou espazos libres en ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano