Guía de procedementos e servizos

IN414B

Adhesión ao plan de axudas para a renovación de electrodomésticos, destinadas a particulares.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 02/03/2022 00:00 - 30/06/2022 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos en vivendas situadas en Galicia por parte de persoas físicas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

 Actuacións que se subvencionan.

1. As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Son subvencionables a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) nº 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das placas de cociña, é subvencionable a substitución da placa preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.

Electrodomésticos subvencionables:

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D

Lavadora A, B ou C

Lavalouza A, B ou C

Placas de cociña de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas)

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da instalación establecido no artigo 24 desta Resolución

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado nin o importe da subvención superar o custo do equipo.

Para os efectos desta resolución, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen no artigo 6 desta Resolución.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

Dirección Inega

Xerencia do Inega

R/ Avelino Pousa Antelo, 5 San Lázaro

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541534

Email: inega.info@xunta.gal

www.inega.gal

Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

02/03/2022 00:00 - 30/06/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución e rematará o 30 de xuño de 2022 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

a) Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venta de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nun ou varios dos epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:

– Epígrafe 653.2. Comercio polo miúdo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica.

– Epígrafe 661.1. Comercio en grandes almacenes, que ofrecen un repertorio amplio e, en xeral, profundo, de varias gamas de produtos.

– Epígrafe 661.2. Comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo un amplo repertorio de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.

– Epígrafe 662.1. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.

– Epígrafe 662.2. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

4º. Xustificación da axuda ante o Inega.

5º. Desconto directo da axuda na factura da actuación de xeito que o beneficiario non chegue a realizar o desembolso.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo establecido no artigo 4 da resolución de convocatoria.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora, aquelas nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Solicitudes.

1. As solicitudes de adhesión presentaranse pola entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

2. As solicitudes de axudas presentaranse polas entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónico para a realización de calquera tramite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, de acordo co disposto no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Adhesión de entidades colaboradoras.

a) Adhesión simplificada.

1º. Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das subvencións para a renovación de electrodomésticos, destinadas a particulares, reguladas na Resolución do 16 de marzo de 2021 (DOG núm. 59, do 29 de marzo) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das subvencións para a renovación de electrodomésticos, destinadas a particulares, para a anualidade 2022.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (Anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerándose un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

3º. Por defecto a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participaran no procedemento de xestión das subvencións para a renovación de electrodomésticos, da anualidade 2021.

4º. Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e a contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2021.

5º. Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade ao establecido.

b) Adhesión común (altas novas entidades colaboradoras).

1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no Diario Oficial de Galicia farase unicamente para os efectos informativos.

3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

I. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

II. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinados pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5º. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou tivese un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

c) Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

i. NIF da entidade colaboradora.

ii. DNI/NIE da persoa solicitante.

iii. DNI/NIE da persoa representante.

iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

vi. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

vii. Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

d) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

20 días hábiles

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolucion do 16 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 41 do 1 de marzo de 2022).

    • Extracto da Resolucion do 16 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 41 do 1 de marzo de 2022).

    • Corrección de erros. Resolución do 16 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 48 do 10 de marzo de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG500A

Novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do decreto 133/2002

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano