Guía de procedementos e servizos

BS508C

Subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de voluntariado sénior.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 28/05/2022 00:00 - 27/06/2022 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior, que realicen proxectos do dito programa desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2022, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

2. O código de procedemento é BS508C.

3. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Proxectos subvencionables.

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas maiores de 55 anos. Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades orientadas á conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables.

d) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

e) Actividades orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.

f) Actividades orientadas á humanización das contornas rurais e urbanas partindo da experiencia e da realidade en que se moven de xeito habitual.

g) Actividades relacionadas co fomento da utilización das TIC por e para este colectivo.

h) Actividades orientadas á catalogación de necesidades comunitarias destinadas a recoller iniciativas de mellora dos servizos comunitarios.

i) Actividades orientadas a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores e a crear unha imaxe máis social e dinámica deste colectivo.

j) Actividades orientadas a fomentar a cooperación interxeracional entre persoas mozas e persoas maiores, como xeito de aprendizaxe mutua.

k) Actividades novidosas adaptadas ao novo escenario xerado para facer fronte á COVID-19.

2. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022. As xornadas diarias serán de 3 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 3 horas.

3. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo I indicando, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias coas que se conta para súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

4. Non se subvencionarán proxectos en que participen máis de 8 persoas voluntarias por proxecto.

5. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar proxectos coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto.

6. No caso de que a solicitude a presentasen varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

7. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar a súa participación no proxecto subvencionable antes de que este remate, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante. A cada unha delas aboaranse os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6 desta orde.

As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Voluntariado sénior no ano 2022.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Xuventude

Servizo de Voluntariado e Participación

San Lazaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957915

Email: voluntariado@xunta.gal

Dirección Xeral de Xuventude
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/05/2022 00:00 - 27/06/2022 23:59

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Para poder ser entidade beneficiaria destas axudas, de conformidade co establecido nos artigos 8 e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do referido Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Ter cumprida a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.

2. As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

3. Non poderán solicitar as subvencións convocadas en virtude desta orde aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do proxecto subvencionado.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS508C) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. Na falta de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar. As ditas entidades non poderán presentar solicitude de subvención, a título individual, para o mesmo ou distinto proxecto.

3. Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

Documentación complementaria.

1. As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir este.

O órgano instrutor deste procedemento poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1.e) consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 11 de maio de 2022 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 101 do 27 de maio de 2022).

    • Extracto da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 101 do 27 de maio de 2022).

    • Resolucion do 12 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica o requirimento de emenda da documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 141 do 26 de xullo de 2022).

    • Resolución do 31 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 24 de agosto de 2022 de concesión das subvencións presentadas ao abeiro da Orde do 11 de maio de 2022, pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 172 do 9 de setembro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS308A

Inclusión no censo de entidades xuvenís.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano