Guía de procedementos e servizos

BS420D

Axudas para o funcionamento e fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 01/09/2022 00:00 - 30/11/2022 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).

Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.

O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de agosto de 2023.

O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2022 polas prazas ocupadas por segundos fillos/as e sucesivos e entre o 1 de setembro de 2022 ao 31 de agosto de 2023 pola totalidade do alumnado para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.

2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estadía na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

3. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde, os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

Servizo de Conciliación Familiar

Edificio Administrativo San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997411/ 881995389

Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal

https://politicasocial.xunta.gal/gl/areas/familia

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

01/09/2022 00:00 - 30/11/2022 23:59

Prazo ordinario: Desde: 01/09/2022  Ata:  30/09/2022: O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día 1 de setembro e finaliza o día 30 de setembro de 2022.

Prazo excepcional: Desde: 01/10/2022  Ata: 30/11/2022: No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso, pero finalizará, en todo caso, o 30 de novembro de 2022.

1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que dispoña de permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

b) Que a escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade autónoma de Galicia.

c) Que a escola infantil para a cal se solicitan as axudas estea aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

2. Que a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Que a entidade local estea ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que a escola infantil indicada dispón de proxecto educativo e proposta pedagóxica, de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, e que se encontra á disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para calquera comprobación que sexa precisa.

c) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.

d) Que a escola infantil está aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

f) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

g) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

Documentación complementaria.

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación específica para a liña 2. Compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa:

a) Certificación en que se indique o número de nenos segundos irmáns e sucesivos que asistiron á escola infantil 0-3/punto de atención á infancia desde o 1 de xaneiro ao 31 de agosto de 2022 e o importe que lle correspondería aboar en concepto de atención educativa.

b) Certificación en que se indique o número de nenos matriculados na escola infantil 0-3/punto de atención á infancia para o curso 2022/23 e o importe que lle correspondería aboar en concepto de atención educativa e matrícula, de ser o caso.

As entidades solicitantes da axuda deberán cubrir, con data límite do último día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a relación nominal de todo o alumnado que asiste á escola ou escolas infantís/punto de atención á infancia, na aplicación informática Escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb. Estes datos deberán estar actualizados en todo momento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Permiso de inicio de actividades do centro para o cal se solicita a subvención.

d) Tarifa de prezos, adaptada ao disposto na letra c) do artigo 3.

e) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 147 do 3 de agosto de 2022).

    • Extracto da Orde do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 147 do 3 de agosto de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS423A

Título de familia numerosa / Carné familiar.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS426A

Inscrición no Rexistro de Mediadores e Mediadoras Familiares de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS426B

Mediación e designación de Mediadores ou Mediadoras Familiares.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS426C

Consentimento de mediación e designación de Mediadores ou Mediadoras Familiares para solicitudes individuais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano