Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU983F
Subvencións para o mantemento das axencias de viaxe.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da normal actividade das axencias de viaxe para o ano 2021.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles nos que incorrese a entidade solicitante a partir do 1 de xullo do ano 2021 ata o 31 de outubro con respecto aos gastos que se derivan do mantemento do establecemento físico para a prestación do servizo.
En concreto serán subvencionables:
– Os gastos derivados do alugueiro dos locais nos que se desenvolve a actividade da empresa.
– Os gastos derivados dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que se desenvolve a actividade da empresa.
2. Considéranse locais nos que se desenvolve a actividade da empresa aqueles establecementos que se destinan única e exclusivamente ao obxecto ou fins das axencias de viaxe descritos no artigo 3 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.
3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais, nin ningún outro fóra dos especificados no punto dous deste artigo.
4. O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000,00 euros. Cando o gasto subvencionable supere esta cantidade, o importe da subvención será do 80 %.
Poderán ser beneficiarios das subvencións, as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404/ 981546364
Email: fomento.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
11/09/2021 00:00 - 11/10/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
1. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e a representación, teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Así mesmo deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
3. As entidades solicitantes deberán manter a súa operatividade durante todo o exercicio do ano 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación. Esta atención poderá ser de carácter presencial, telefónica ou telemática. A Administración autonómica poderá requirir a documentación que considere pertinente que acredite esta circunstancia.
4. Para efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Así mesmo, terán a consideración de empresa para os efectos de poder ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.
5. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
6. Non poderán obter a condición de beneficiario:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
– As axencias de viaxe que teñan o seu domicilio social e fiscal fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Documentación complementaria e declaracións responsables.
1. As persoas interesadas achegarán coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación para a tramitación do procedemento:
a) Solicitude de axuda, presentada polas persoas beneficiarias ou o seu representante segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
b) Acreditación da representatividade suficiente para actuar no nome da entidade solicitante.
c) Memoria explicativa da petición da subvención.
d) Copia fidedigna do contrato ou contratos, así como copia fidedigna da formalización do préstamo hipotecario, debidamente formalizados a nome da entidade solicitante, así como calquera outro título que probe suficientemente a dispoñibilidade deste a favor do solicitante e para o fin do obxecto do gasto subvencionable de conformidade co disposto no artigo 2 destas bases reguladoras.
e) Documentación acreditativa do pagamento do último trimestre de 2020 dos custos de alugueiros e/ou aboamento das cotas do préstamo hipotecario.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibíu, ou non, ningunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se, en relación con outras axudas de minimis concedidas ou solicitadas, se solicitou, ou non, ou se recibíu, ou non, ningunha outra axuda de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.
c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.
e) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que cumpren o requisito de manter a súa operatividade durante todo o exercicio de 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación.
g) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
h) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.
i) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio).
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaracións (Anexo V)
- Renuncia (Anexo III)
- Solicitude de cobro da subvención (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para mantemento do establecemento, e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 175 do 10 de setembro de 2021).
-
Extracto da Resolución do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para mantemento do establecemento, e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 175 do 10 de setembro de 2021).
-
Resolución do 11 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 2 de setembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para o mantemento do establecemento e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 218 do 12 de novembro de 2021).
-
Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxes para o mantemento do establecemento, e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 4 do 7 de xaneiro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano