Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU983F
Subvencións para o mantemento das axencias de viaxe.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da normal actividade das axencias de viaxes para o ano 2021.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante a partir do 1 de xaneiro do ano 2021 ata o 30 de xuño, con respecto aos gastos que derivan do mantemento do establecemento físico para a prestación do servizo.
En concreto serán subvencionables:
– Os gastos derivados do alugamento dos locais en que se desenvolve a actividade da empresa.
– Os gastos derivados dos préstamos hipotecarios sobre os locais en que se desenvolve a actividade da empresa.
2. Considéranse locais en que se desenvolve a actividade da empresa aqueles establecementos que se destinan única e exclusivamente ao obxecto ou fins das axencias de viaxes descritos no artigo 3 do Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo.
3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais, nin ningún outro fóra dos especificados no punto dous deste artigo.
4. O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 12.000,00 euros. Cando o gasto subvencionable supere esta cantidade, o importe da subvención será do 80 %.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de opoñerse á súa consulta ou non prestar o consentimento expreso, de conformidade co disposto no artigo 8. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase aquela para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.
g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en que se fará constar a subvención concedida pola Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.
Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).
Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.
h) A subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para que a Axencia Turismo de Galicia cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.
i) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.
– Por ter obtido a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas ou ocultación daquelas que o impedirían.
– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou por non adoptar o comportamento que fundamentou a subvención.
– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou por incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.
– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
2. Cando a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son tamén obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:
a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.
b) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectuar os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.
d) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.
f) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
g) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.
h) Segundo o establecido no artigo 15, punto 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo VI destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidos no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
i) Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404/ 981546364
Email: fomento.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
25/02/2021 00:00 - 24/03/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
1. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e a representación, teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Así mesmo, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.05.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
3. As entidades solicitantes deberán manter a súa operatividade durante todo o exercicio do 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación. Esta atención poderá ser de carácter presencial, telefónica ou telemática. A Administración autonómica poderá requirir a documentación que considere pertinente que acredite esta circunstancia.
4. Para efectos das axudas minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Así mesmo, terán a consideración de empresa, para os efectos de poderen ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.
5. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
6. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos dous anos.
– As axencias de viaxes que teñan o seu domicilio social e fiscal fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Documentación complementaria e declaracións responsables.
1. As persoas interesadas achegarán coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación para a tramitación do procedemento:
a) Solicitude de axuda, presentada polas persoas beneficiarias ou polo seu representante segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
b) Acreditación da representatividade suficiente para actuar no nome da entidade solicitante.
c) Memoria explicativa da petición da subvención.
d) Copia fidedigna do contrato ou contratos, así como copia fidedigna da formalización do préstamo hipotecario, debidamente formalizados a nome da entidade solicitante, así como calquera outro título que probe suficientemente a súa dispoñibilidade a favor do solicitante e para o fin do obxecto do gasto subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 2 destas bases reguladoras.
e) Documentación acreditativa do pagamento do último trimestre de 2020 dos custos de alugueiros e/ou aboamento das cotas do préstamo hipotecario.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se considerará que desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, solicitaron, ou non, ou recibiron, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita a subvención.
b) Se, en relación con outras axudas de minimis concedidas ou solicitadas, solicitaron, ou non, ou recibiron, ou non, algunha outra axuda de mínimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.
c) Que non están incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Que non están incursas en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.
e) Que están ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
f) Que cumpren o requisito de manteren a súa operatividade durante todo o exercicio do 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación.
g) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
h) Que se comprometen a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.
i) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).
No caso de que a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), as entidades solicitantes deberán, ademais, declarar responsablemente:
a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
d) Que conta cun sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
e) Que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (art. 125.4.d e 140.1 do Regulamento 1303/2013).
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa solicitante.
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de cobro da subvención (Anexo IV)
- Renuncia (Anexo III)
- Declaracións (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 19 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxes para mantemento do establecemento, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2021).
-
Extracto da Resolución do 19 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxes para mantemento do establecemento, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2021).
-
Resolución do 30 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 19 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxes para mantemento do establecemento, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 197 do 13 de outubro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano