Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SI435A
Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Entidades locais
Consellería de Política Social e Igualdade
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2021 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de programas, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a prevención e o tratamento da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de prestarlles unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación socio laboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se atopen nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.
Coa dita finalidade establécese o seguinte programa:
- Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, en diante, Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero (SI435A).
Accións subvencionables e contía da axuda
1. Ao abeiro deste programa son subvencionables accións directas de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero, que poderán consistir nalgunha das seguintes medidas:
1.a) Actuacións de promoción da igualdade, prevención da violencia de xénero e tratamento das vítimas, que incorporen na súa metodoloxía un enfoque de xénero, orientadas a previr a violencia de xénero e a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes, e dirixidas a impulsar unha atención profesional de maior calidade. As actuacións subvencionables poden ser: accións de empoderamento, autoestima, accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado, de atención directa a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, todas elas na procura da recuperación da súa identidade e autonomía e da restauración dos seus proxectos vitais, e de apoio na súa orientación persoal, social e laboral. Así mesmo consideraranse elixibles as actuacións de fomento do respecto ás persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ para acadar os mesmo dereitos e lograr a integración plena na sociedade.
As medidas estarán dirixidas específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, tanto ás mulleres vítimas de violencia de xénero segundo o indicado no parágrafo anterior e ás mulleres que polas súas circunstancias persoais ou polo seu contorno familiar ou social requiran ou aconsellen este tipo de intervención como medida preventiva, como a mulleres en situación de vulnerabilidade, segundo o disposto na Disposición adicional única desta resolución.
1.b) Actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular; encamiñadas a mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres que se atopan nesa situación, a través de accións de información, atención, orientación e para a mellora da súa situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado.
Así mesmo, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades propias do programa que con motivo da crise do coronavirus se realicen en modalidades de carácter non presencial, así como os gastos de persoal necesarios para a adaptación das actividades a esta modalidade non presencial, sempre que en ambos os dous casos se garanta unha pista de auditoría suficiente mediante probas de que o gasto e a actividade se realizaron.
O número de persoas participantes neste programa non poderá ser inferior a 10, agás casos debidamente xustificados, que precisarán de memoria xustificativa e autorización da Secretaría Xeral da Igualdade.
2. Cada entidade local, individual ou agrupada, só poderá presentar solicitude de subvención para unha das medidas previstas no punto 1 anterior.
3. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 10 desta resolución.
Só serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.
O importe máximo dos custos directos de persoal que se pode presentar para optar a esta axuda é de 30.000 euros; para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que o reaxuste.
4. O cálculo do gasto subvencionable determinarase segundo o método de custos simplificados de financiamento a tipo fixo, en función do importe dos custos directos de persoal subvencionables máis o 40 % dos ditos custos para o financiamento doutros gastos directos e indirectos vinculados á medida subvencionada.
En todo caso, a contía máxima da axuda será de 12.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 25.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
O importe da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida na valoración realizada segundo o establecido no artigo 16 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda que corresponda ou, de ser inferior, da contía solicitada.
5. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. Se é o caso, a subvención concedida será minorada nun 2 % cando o número de persoas participantes sexa inferior en máis dun 40 % ás previstas na solicitude e sempre que se acade o número mínimo exixido. No caso de concorreren ambas as causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.
En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 40 % do custo do persoal ou cando non se teña acadado o número mínimo de persoas participantes segundo o establecido no punto 1 do artigo 7 desta Resolución, agás que exista unha xustificación de non ter chegado a ese número de persoas participantes debido a causa sobrevida ou relacionada co COVID-19, para o que se requirirá informe motivado e xustificado.
Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade
Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547397
Email: igualdade@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
13/03/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
1. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións, comúns ou específicos de cada un dos programas de axuda ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.
2. Ademais do anterior, para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.
Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo, mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.
3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2019 ao Consello de Contas de Galicia; e, ademais, no caso dos CIM deberá ter presentada a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2020 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 deste artigo.
Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións
1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.
2. As entidades locais que se agrupen ou asocien para o programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, para o de conciliación ou para o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, así como os titulares de CIM que se agrupen entre eles ou ben con outros concellos non titulares, deberán:
a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor.
Se non se achega o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desiste da súa solicitude. Non obstante, para o caso de que se trate dunha solicitude do programa de apoio aos CIM, poderase tramitar como solicitude individual do CIM sempre que o manifeste expresamente e por escrito no dito prazo.
b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Secretaría Xeral da Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención. No caso dos agrupamentos, para a prestación do servizo CIM, a representación corresponderá á persoa titular da alcaldía dun concello que teña acreditado o CIM.
c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.
d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.
3. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.
4. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a que se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Sen prexuízo do anterior, considerarase que cumpren o requisito de xestión compartida os agrupamentos para a prestación do servizo de CIM. No programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, no de conciliación e no de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, mesmo de se realizaren actuacións independentes en cada concello, considerarase cumprido este requisito cando na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.
Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que a actuación e/ou servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación
1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude (anexo I.2), a documentación común e a específica de cada programa que se relaciona a seguir:
a) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro do correspondente programa e do compromiso do financiamento do custo da actuación ou medida obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación ou medida para a cal se solicita a subvención.
b) Anexo II-bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 5 desta resolución.
c) Anexo III: memoria descritiva do programa/medida para a cal solicita a subvención (só para o programa de conciliación e para o programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero): memoria descritiva da medida que se propón e das actuacións que se vaian realizar para desenvolvela, con indicación da duración e das datas de comezo e finalización estimadas, do importe dos custos directos de persoal, número estimado de persoas participantes, obxectivos e resultados esperados coa medida e actuacións para as cales se solicita subvención, así como a tipoloxía dos gastos directos que se van imputar á subvención acordes co establecido no artigo 10, debidamente asinada pola persoa que teña a representación da entidade solicitante.
d) Memoria descritiva do programa/medida para o que se solicita a subvención, específico para o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, na que se describa a medida proposta e as actuacións que a desenvolverán, con mención expresa do tipo de material e da tiraxe, cando se trate de edición de material, cartelaría, folletos, etc. que se pretenden editar e difundir (segundo o modelo que aparece publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade).
e) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).
f) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios).
2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Memoria Xustificativa (Anexo IX)
- Declaración de axudas e do cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social (Anexo VI)
- Certificación de cumprimento da normativa de contratación (Anexo VIII)
- Declaración do cumprimento das obrigas tributarias e coa seguridade social (Anexo VII)
- Solicitude de pagamento (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 49 do 12 de marzo de 2021).
-
Extracto da Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 49 do 12 de marzo de 2021).
-
Resolución do 9 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se resolven as subvencións previstas na Resolución do 2 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 117 do 22 de xuño de 2021).
-
Resolución do 23 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía e redistribúe a dotación orzamentaria da Resolución do 2 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 145 do 30 de xullo de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano