Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IN606C
Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral.
Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
1. Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Gain, de apoio á etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481D e IN606C).
2. O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e da IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.
3. A finalidade é dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria a través dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación.
Número, duración e importe das axudas.
Convócanse 24 axudas (20 para as universidades do SUG e 4 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terá que ser a partir do 1 de marzo de 2021 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:
a) Un total de 38.000 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.
b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación coa seguinte desagregación por anualidades: 10.000 euros en 2021, 10.000 euros en 2022 e 5.000 euros en 2023.
Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.
c) Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.
Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada, deberá achegar a diferenza.
En ningún caso lles serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.
2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que se atopen, na data de peche da convocatoria, nalgún dos seguintes supostos:
– Que estivesen contratadas na modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2017 e que non renunciasen ao contrato.
– Que estivesen contratadas a través da modalidade A da convocatoria de axudas posdoutorais de 2016, que finalizasen o seu contrato con posterioridade ao 31 de xullo de 2019, que obtivesen unha avaliación positiva e que non concorresen previamente a unha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C.
– Que tivesen un contrato posdoutoral cunha das entidades establecidas no artigo 2 desta convocatoria e financiado pola Gain, que non renunciasen á dita axuda antes do seu remate e que finalizasen o seu contrato con anterioridade ao día 1 de outubro de 2019, que obtivesen unha avaliación positiva no programa e que non concorresen con anterioridade a ningunha convocatoria da modalidade B posdoutoral cos códigos de procedemento ED481D ou IN606C.
3. As persoas investigadoras que tiveron ou teñan unha interrupción e prórroga do contrato polas causas establecidas na lei e que non finalizasen o seu contrato na data límite de presentación de solicitudes poderán optar entre participar nesta convocatoria ou na do ano 2022. A participación nesta convocatoria impide participar na do ano 2022.
4. O contrato deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato da etapa inicial de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Axencia Galega de Innovación (GAIN)
R/ Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999213
Fax: 981541039
Email: axudas.gain@xunta.es
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Secretaría Xeral de Universidades
Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria
Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881995152/ 881995157
Fax: 881999135
Email: sxu@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
22/01/2021 00:00 - 22/02/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación de solicitudes.
1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481D (anexo I), no caso das universidades do SUG, e IN606C (anexo I bis) no caso das demais entidades, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
2. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo II, en que se fagan constar os seguintes aspectos:
– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria.
– A rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe.
– A declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade, para os casos de desempate.
b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente en que acepte a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo III).
c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, en que manifeste a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo IV).
d) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar durante o período de contrato, con especial referencia á liña propia de investigación que se pretende establecer e ao seu orzamento, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata.
e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/.
f) Documentos xustificativos dos méritos alegados, xunto coas copias ou ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc. que se citen no CV, que se presentarán nun único documento pdf precedido dun índice. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no CV durante o tempo de contrato no programa de formación posdoutoral. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Gain, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.
Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.
g) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada na etapa inicial de formación posdoutoral, cunha extensión de 2.000-3.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:
g.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.
g.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.
g.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).
g.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.
h) Certificado da entidade solicitante en que se faga constar que a persoa candidata foi contratada ao abeiro do programa de formación posdoutoral da convocatoria de 2017 e a data de finalización do contrato; ou que foi contratada ao abeiro da convocatoria de 2016 e a data de finalización do contrato; ou que tivo un contrato posdoutoral financiado pola Gain, de acordo coas características indicadas no punto 2 do artigo 2, e a data en que o finalizou.
i) Certificación acreditativa da entidade contratante dos períodos de interrupción do contrato posdoutoral que se recolle no artigo 2.2 desta convocatoria por algunha das causas que se indican no artigo 19.3, de ser o caso.
Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.
2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.
c) Certificado da entidade solicitante de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificado da entidade solicitante de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.
f) Informe de vida laboral da persoa candidata.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios I e I bis, ou no recadro correspondente do anexo II, e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 13 do 21 de xaneiro de 2021).
-
Extracto da Orde do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 13 do 21 de xaneiro de 2021).
-
Resolución do 22 de marzo de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se adxudican as axudas da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento ED481D e IN606C)(DOG nº 63 do 6 de abril de 2021)
-
Outros procedementos relacionados
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Rexistro de instalacións con equipos de presión.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.
Aberto todo o ano
Excepcionalidade para refuxios ou espazos libres en ascensores.
Aberto todo o ano