Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
IN417Y - Subvencións para auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión, e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Y).
2. Convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.
Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética, que cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases piodan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.
3. As axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial e servizos obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7, axudas para a protección do ambiente, do capítulo III como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38). O citado Regulamento 651/2014 no artigo 1.3.b) establece que este non se aplicará ás axudas concedidas no sector da produción agrícola primaria a excepción, entre outras, das axudas para a protección do ambiente.
Proxectos que se subvencionan
1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 26.
2. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética
a) Serán elixibles os custos de investimentos adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinarase do seguinte xeito:
1º Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.
2º En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda. A diferenza entre o custs de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.
Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,4 kWh por € de investimento elixible por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética. Esta ratio redúcese a 0,3 para medianas empresas e 0,2 para pequenas empresas para ter en conta o seu menor poder de mercado para negociar os prezos de adquisición de enerxía.
Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética, cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.
b) Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a continuación:
1ª Os investimentos en substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo do sector industrial, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 5 % respecto do consumo inicial.
2ª A renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.
3ª A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.
4ª Os investimentos en substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do sector servizos, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía, que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.
5ª Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas. Entenderase por intelixencia artificial aqueles desenvolvementos que de xeito sistemático sexan capaces de reaxustar algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo enerxético. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que inclúan en detalle a actuación subvencionada salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente. Será subvencionable a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a Norma ISO 50.001 por entidade acreditada durante o período de xustificación que contribúan a medir o aforro enerxético derivado da actuación.
Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo ubicados en Galicia.
Considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 10.2 e 12.
Tamén serán subvencionables as actividades previstas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.
Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das indicadas no alínea a) e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.
As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.
2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.
3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Obrigas dos beneficiarios
Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.
3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.
4. Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuasen polo Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que realicen polo organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e , se fro o caso, os órganos de Control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto, no caso de grandes empresas, o período mínimo será de cinco anos, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.
Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.
7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará aos beneficiarios da data a partir da cal se realizará o cómputo anterior.
No caso das operacións non previstas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.
8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberán constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.
9. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:
a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».
b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) Facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Unión. b) Colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (de un tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio excepto cando o importe da axuda supere os 500.000 €.
Durante a execución de toda operación de financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficie dunha axuda de Feder superior a 500.000 €, o beneficiario colocará un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público.
O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:
1ª A contribución pública total á operación supera os 500.000 euros.
2ª A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.
O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma na que se debe crear o emblema e as súas características técnicas e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.
– Inega facilitarán modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.
10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
11. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facienda: http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx
1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ser centros consumidores de enerxía as persoas particulares (comunidades de propietarios).
3. Cando se trate de axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial ou servizos non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 1.3 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, entre as que figuran as empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.
4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013 , nos seguintes ámbitos:
a) Investimentos para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.
b) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) núm. 651/2014.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
R/ Avelino Pousa Antelo, 5 San Lázaro
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541500
www.inega.gal
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)
Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).
Extracto da Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).(DOG núm. 10 do 18 de xaneiro de 2021).
Resolución do 3 de decembro de 2021 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021 (DOG nº 240 do 16 de decembro de 2021).
Resolución do 19 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (DOG nº 18 do 27 de xaneiro de 2022).
Resolución do 8 de agosto de 2022 sobre ampliación dos prazos establecidos no artigo 26 da Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores de industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 156 do 18 de agosto de 2022).
Prazo de presentación: PECHADO
20/01/2021 00:00 - 15/10/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.
1. As solicitudes subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionares a través de medios electrónico para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, así o dispón o artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.
3. Para formular a solicitude, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:
– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude.
– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en función da tipoloxía da actuación.
4. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima a que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.
De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles para unha liña de axudas as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solictitud na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa e unha parte técnica.
a) Documentación administrativa:
i. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades previstas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.
ii. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se conceda a axuda (Modelo dispoñible na páxina web do Inega).
iii. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 € o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que se debe achegar é copia do contido de cada unha das ofertas.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.
Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 € o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.
iv. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.
v. As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.
vi. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.
vii. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:
a. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.
b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.
viii. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberase achegar ademais:
a. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.
b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.
b) Documentación técnica:
i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) ou modelo «Memoria técnica PAE_ILU» para proxectos de mellora de iluminación.
ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) en que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuel óleo, gasóleo,…) do período anual tomado como referencia (2020 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto. Non será preciso a presentación desta ficha no caso de proxectos de iluminación.
iii. Fotografías da instalación actual. Incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipos sobre os que se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.
iv. Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos.
v. Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.
vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achegar oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que se podería realizar de forma crible sen subvención (investimento de referencia).
vii. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar unha declaración responsable asinada por un técnico cualificado (especificar no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento «Memoria técnica PAE_ILU»), o seu uso, e se declare que tras os estudos lumínicos realizados se constata o cumprimento da norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, se é o caso. Nas estancias en que o fluxo luminoso total despois da mellora sexa inferior ao fluxo luminoso inicial e a potencia final instalada sexa superior a 1kW, deberá achegarse estudo lumínico en que se xustifique o nivel de iluminancia mantida (Em) é adecuado á actividade prevista.
viii. Ademais, nas instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación do HE3, xuntar escrito xustificativo dos motivos.
ix. Ademais, nos casos en que proceda tamén se debe achegar memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios segundo modelo «Memoria técnica adicional edificios PAE» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).
x. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que e van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos (5MB) ou ten un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi Sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación de este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.
b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda Autonómica.
c) DNI/NIE da persoa solicitante.
d) NIF da entidade solicitante.
e) Consulta administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.
f) NIF da entidade representante.
g) DNI/NIE da persoa representante.
h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Concesión de subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución: Catro meses
Sentido do silencio: Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Adhesión ao Plan Renove de Fiestras.
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.