Guía de procedementos e servizos

ED311B

Premios extraordinarios de formación profesional de grao superior.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 13/04/2021 00:00 - 12/05/2021 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (código de procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2019/20 para o alumnado que realizou e que rematou os seus estudos no ano 2020.

Número, orzamento e características dos premios.

1. Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 19.550 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2021, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 16 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción e farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais. O alumnado premiado poderá concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Alumnado que realizou e que rematou os seus estudos no ano 2020.

Obrigas das persoas beneficiarias.

1. O alumnado gañador, para poder recibir a dotación económica do premio, non poderá estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo do anexo IV. O dito anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase por vía electrónica, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Para a presentación do mencionado anexo IV poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo

Servizo de Avaliación do Sistema Educativo

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997383/ 981540274/ 881996509

Fax: 981546550

Dirección Xeral de Formación Profesional
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

13/04/2021 00:00 - 12/05/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2019/20 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2020.

2. Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos no artigo 50 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Forma de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».

De acordo co previsto no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas aspirantes, en función dos requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria, deben posuír a capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para tramitar a súa solicitude.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

 Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta convocatoria e segundo o modelo do anexo II.

b) Documentación xustificativa dos méritos, onde consten expresamente o número de horas de duración da actividade, a data de inicio, a data de finalización e o organismo que convoca.

c) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Documento de identidade, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 18 de marzo de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 67 do 12 de abril de 2021).

    • Extracto da Orde do 18 de marzo de 2021 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2019/20 (DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021).

    • Resolución do 21 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se designan os membros e se fai pública a composición do xurado que seleccionará, analizará e valorará as solicitudes das persoas aspirantes aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2019/20 (DOG nº 82 do 3 de maio de 2021).

    • Orde do 17 de agosto de 2021 pola que se publica a concesión dos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior correspondentes ao curso 2019/20, convocados pola Orde do 18 de marzo de 2021 (DOG nº 170 do 3 de setembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED317A

Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial

Aberto todo o ano

ED317B

Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral

Aberto todo o ano

ED434A

Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.

ED434B

Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.