Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CO300H
Subvención para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural (código de procedemento CO300H).
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).
Actuacións subvencionables
1. A actuación subvencionable é a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.
O investimento máximo subvencionable é de 60.000,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 80 % do dito investimento máximo subvencionable.
2. Considéranse gastos subvencionables:
a) O deseño e desenvolvemento do marketplace: a inclusión e xestión das tendas cos seus correspondentes usuarios, a inclusión e xestión de catálogos en liña, a xestión de stocks e pedidos, a adaptación móbil coa tecnoloxía responsive, o proxecto de posicionamento orgánico SEO, o dominio e o aloxamento web dentro da Unión Europea.
b) As campañas de márketing e publicidade: a xestión SEM/Adwords, a xestión do social media, a fotografía e descrición dos produtos e a creación de promocións e estratexias publicitarias e comerciais a través de medios e canles dixitais.
c) A xestión integral do marketplace: a comunicación cos clientes a través da multiexperiencia como chatboxs, asistentes virtuais ou redes sociais e a xestión dos pagamentos en liña a través de pasarelas de pagamento.
d) O deseño e creación de produtos sostibles de packaging.
A creación e lanzamento das plataformas de marketplace deberá reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo II da orde de convocatoria.
3. Non se consideran gastos subvencionables os gastos de persoal.
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007:
a) Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.
Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Federacións de asociacións de comerciantes, legalmente constituídas, de ámbito superior ao municipal.
c) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.
Son obrigas das entidades beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
f) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión.
g) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.
i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.
j) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Comercio e Consumo
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981 54 55 99
Email: cei.dxc.axudas@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
31/08/2021 00:00 - 30/09/2021 23:59
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude, anexo III, a seguinte documentación:
a) Concellos:
– Xustificante de que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
– Declaración do concello de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia (anexo III).
b) Federacións de asociacións de comerciantes:
– Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, as modificacións posteriores, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
– Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.
c) Grupos de desenvolvemento rural (GDR):
– Certificación da/do presidenta/e da entidade co acordo do órgano competente polo que se acorda participar nesta convocatoria.
– Escritura de constitución.
d) Documentación común para todas as entidades solicitantes:
– Memoria detallada das actuacións para as cales se solicita a subvención, que incluirá unha descrición pormenorizada, os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar.
– Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado dos gastos previstos para a realización da actuación para a que se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación dos servizos, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:
a) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante con independencia da contía dos investimentos.
b) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.
c) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores nos seguintes casos:
– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.
– Cando, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. De conformidade co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesións de subvencións e axudas.
i) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo III)
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración doutras axudas (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 166 do 30 de agosto de 2021).
-
Extracto da Orde do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 166 do 30 de agosto de 2021).
-
Resolución do 27 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá públicidade do esgotamento de crédito da Orde do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 215 do 9 de novembro de 2021).
-
Orde do 4 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 217 do 11 de novembro de 2021).
-
Resolución do 22 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 3 do 5 de xaneiro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Bonos Activa comercio.
Prazo aberto: 20/05/2025 00:00 - 31/12/2025 23:59
Obtención/renovación do selo de mercado excelente.
Aberto todo o ano
Autorización para o visado dos documentos de acompañamento R(CE) 436/2009.
Aberto todo o ano
Adhesión á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Aberto todo o ano