Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR804A
Axudas ás ONGD para execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
As entidades beneficiarias serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades aquela que estea formada por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.
Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos
1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, axustándose ao custo concedido para cada anualidade. Para estes efectos, considéranse vinculantes o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.
As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.
2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.
Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/
5 Os documentos e o material divulgativo publicados, tanto en papel como en soporte audiovisual e/ou electrónico, que sexan resultado de actuacións financiadas pola Xunta de Galicia, ademais de conter o logotipo e o nome da Xunta de Galicia como financiador, deberan incluír o seguinte parágrafo, traducido ás linguas en que se publiquen os documentos ou materiais divulgativos: «Esta publicación realizouse co apoio financeiro da Xunta de Galicia. O contido da dita publicación é responsabilidade exclusiva de <NOME ENTIDADE> e non reflicte necesariamente a opinión da Xunta de Galicia».
6. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, a metodoloxía e os formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e a avaliación dos proxectos rexeranse polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e pola propia Unión Europea.
7. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.
O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Rúa do Horreo, 61, 2º andar
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015 / 881999028
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
08/07/2020 00:00 - 07/08/2020 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:
1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.
b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2017 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia, a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos dos proxectos:
a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2020, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2020. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.
b) Levarse a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.
c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8 «gastos do proxecto» desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e á imputación adecuada dos gastos.
d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado; ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.
e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.
As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras. Deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación
1. Xunto coa solicitude (anexo II), deberá achegarse a seguinte documentación, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto (de formulación técnica e do orzamento do proxecto) e que poderá descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org. A documentación das carpetas 1 e 2 presentarase obrigatoriamente en soporte electrónico e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
As ONGD solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ben en agrupación con outras entidades.
Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento.
Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá xuntar de cada unha das agrupadas.
a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.
b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.
c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado ou, de ser o caso, o Plan continuo de mellora da entidade.
d) No caso de agrupación de entidades deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que exerzan a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que exerza a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:
a) Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.
b) Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.
As entidades agrupadas distintas da solicitante deberán xuntar unha declaración de que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e nas obrigas de reintegro de subvencións e de non estaren incursas en ningunha das restantes circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.
A agrupación non poderá disolverse, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado pola presente convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.
e) No caso de agrupación de entidades na que participen as universidades, estas incluirán unha certificación, expedida pola persoa que exerza a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a participación no proxecto e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.
f) No caso de agrupación de entidades en que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro, achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:
– Formulario de presentación do proxecto no documento normalizado.
– Orzamento do proxecto no documento normalizado.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirá a avaliación do proxecto se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 da presente orde. Só quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas alíneas a), b) e c) da carpeta 1, así como todos os da carpeta 2.
3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
1. NIF da entidade solicitante e agrupada, de ser o caso.
2. DNI ou NIE da persoa representante.
3. Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias.
4. Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
5. Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas.
6. Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
7. Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
8. Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar que se atopan ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non que teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma e que non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Xustificación técnica final (Anexo VI)
- Xustificación económica e de resultados (Anexo VII)
- Xustificación da 1ª anualidade (Anexo V)
- Declaración artigo 10 Lei de Subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante - xustificación (Anexo III)
- Solicitude de pagamento anticipo (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria (DOG nº 134 do 07 de xullo de 2020).
-
Extracto da Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global por parte das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria (DOG nº 134 do 07 de xullo de 2020).
-
Resolución do 2 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 227 do 10 de novembro de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
Prazo pechado: 21/05/2025 00:00 - 20/06/2025 23:59