Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA304A
Premios de innovación en saúde.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Sanidade
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a primeira edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2019, así como as dos pacientes. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas cales os seus profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.
Características dos Premios de innovación en saúde.
1. Os premios consistirán en:
• Modalidade de idea de profesionais: o premio consistirá nunha visita organizada a un centro innovador de ámbito internacional, a asistencia a cursos de formación ou a congresos relacionados coa innovación e contará cunha dotación económica máxima de 6.500 € para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención, cun límite de 1.625 € por persoa.
• Modalidade de idea de pacientes: o premio terá unha dotación económica máxima de 2.000 €, que se deberán empregar para a formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione.
2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior impútase á aplicación orzamentaria 2019.12.A1.411A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019.
As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e a ACIS encargarase de contratar e pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade e aplicará as retencións fiscais que procedan sen superar en ningún caso os importes indicados.
3. Os gañadores das dúas modalidades de premios recibirán un diploma acreditativo.
4. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar ano e organismo que convoca os premios.
5. As candidaturas que sexan galardoadas co premio deberán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para a seu posible desenvolvemento ou implantación no Servizo Galego de Saúde. O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema.
Tamén poderán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de Innovación Sanitaria para o seu acompañamento as catro ideas preseleccionadas e non galardoadas en cada unha das modalidades.
6. O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo cos ganadores dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa sua colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde tería o dereito, pero non a obriga, de protexelo sendo o Servizo Galego de Saúde o único titular deste, respectándolles a todos os seus participantes o dereito a seren recoñecidos como autores intelectuais e inventores seus.
1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante), que deberá describirse tal e como se recolle no artigo 7 desta resolución.
2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4 incluído o representante).
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria
Avda. Fernando de Casas Novoa nº 37 - 1º
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981568055
Email: innovacion.acis@sergas.es
Prazo de presentación: PECHADO
26/09/2019 00:00 - 29/11/2019 23:59
O prazo de presentación de candidaturas comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de novembro de 2019. O solicitante deberá conservar no seu poder a documentación acreditativa da súa presentación.
Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.
Na modalidade de idea de profesionais, tanto a persoa asinante como, se é o caso, todos os membros do seu equipo que presenten a candidatura, deberán ser persoal tanto ao servizo da consellería competente en materia de sanidade, do Servizo Galego de Saúde ou das restantes entidades instrumentais do sector público autonómico pertencentes ao Sistema Público de Saúde de Galicia, e deberán acreditar a súa vinculación con el.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público e, en concreto, para os profesionais do Servizo Galego de Saúde e as organizacións e asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.
Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As persoas interesadas deberán achegar xunto co anexo I a seguinte documentación (só se aplica á modalidade de idea de profesionais):
– Descrición do grupo de traballo (máximo 1 páxina cada CV en formato pdf) e un breve currículum vítae (CV) dos membros do grupo, indicando de maneira clara un responsable del que será o que presente a candidatura.
A información que debe figurar no anexo I é a seguinte:
a) Modalidade de idea de profesionais.
– Datos da persoa ou do grupo de traballo solicitante.
– Nome da idea.
– Necesidade detectada.
– Descrición da idea/solución.
– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.
– Impacto/beneficio esperado.
– Obxectivos e prioridades con que se aliña.
– Aspectos innovadores/tipo de innovación.
– Análise da situación (estado da arte).
– Fase da tecnoloxía ou produto.
– Factores críticos de éxito e barreiras.
– Descrición da incorporación de cidadáns ou pacientes no desenvolvemento da idea.
– Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.
b) Modalidade de idea de pacientes.
– Datos da persoa, organización ou asociación solicitante.
– Nome da idea.
– Necesidade detectada.
– Descrición da idea/solución.
– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.
– Impacto/beneficio esperado.
– Aspectos innovadores/tipo de innovación.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se presenta de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Todos os anexos deberán estar asinados polo representante da idea. Só se admitirán aquelas candidaturas que estean debidamente asinadas.
A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. Non se poderá presentar documentación adicional unha vez finalizado o prazo de admisión de candidaturas, salvo que sexa requirida polo órgano instrutor durante o período de emenda.
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
e) Certificado de estar ao día no pagamento da Axencia Tributaria de Galicia.
f) Certificado de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: 15 días hábiles contados desde a presentación da proposta polo xurado.
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2019).
-
Extracto da Resolución do 12 de setembro de 2019 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da I edición dos Premios de innovación en saúde 2019 no Sistema Público de Saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2019).
-
Outros procedementos relacionados
Inspección periódica dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios.
Aberto todo o ano
Autorización de laboratorios de autocontrol de salmonelas nas explotacións gandeiras.
Aberto todo o ano
Renovación da autorización de laboratorios de autocontrol de salmonelas nas explotacións gandeiras.
Aberto todo o ano
Pericias forenses a pedimento de particulares.
Aberto todo o ano