Guía de procedementos e servizos

IN607E

Axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 03/02/2018 00:00 - 02/03/2018 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Gain para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento, aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, as devanditas axudas para o ano 2018 (código de procedemento IN607E), cofinanciadas polo fondo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (prioridade de investimento 1.1 e obxectivo específico 1.1.2), en consonancia co establecido no artigo 2.91 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Actividades subvencionables.

1. Serán subvencionables as infraestruturas de investigación ligadas ao desenvolvemento dunha mesma liña ou liñas de I+D+i no marco de cadeas de valor estratéxicas para Galicia da Estratexia RIS3 (anexo VI) agrupadas nun mesmo proxecto. De xeito coherente co preámbulo desta resolución, deberán ser infraestruturas de investigación de alta calidade para o desenvolvemento dunha investigación e unha innovación punteiras, servindo de apoio ao desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e a comunicación, así como das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

2. Estas infraestruturas poderán consistir exclusivamente na adquisición de equipamento científico e técnico e/ou de programas e aplicacións informáticas de carácter especializado e técnico, os cales se deberán agrupar nun único proxecto (proxecto de infraestrutura) que será obxecto dunha mesma solicitude.

3. Establécese un orzamento mínimo subvencionable de 100.000 euros (cen mil) para cada proxecto de infraestrutura. Ademais, cada centro deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de infraestrutura e non haberá limitación no número de proxectos que cada centro presente.

4. As infraestruturas deberán estar orientadas, no marco dun contexto de cooperación interrexional, ao dobre obxectivo de mellora:

a) Da excelencia investigadora do centro tecnolóxico, fortalecendo as súas capacidades para mellorar o seu posicionamento a nivel internacional.

b) Das súas tarefas de transferencia ao tecido produtivo, de xeito que se ofrezan os servizos necesarios de experimentación e proba para poñer no mercado produtos e servizos innovadores que melloren a súa competitividade.

5. As infraestruturas deberán estar, ademais, destinadas á obtención de resultados, de xeito que cada proxecto de infraestrutura deberá acompañarse dun plan de explotación no que cada centro indique cales son os seus obxectivos concretos de xeración de coñecemento e de transferencia.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia validamente inscritos, no momento da presentación da súa solicitude, no rexistro estatal de centros regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

2. Consonte o establecido no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, cando un destes centros leve a cabo actividades económicas (oferta produtos ou servizos nun determinado mercado), ademais das actividades non económicas ligadas ás súas actividades primarias como organismo de investigación e de difusión de coñecemento, o financiamento, os custos e os ingresos desas actividades deberán contabilizarse por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

3. Non poderán acceder ás condicións de beneficiario/a as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Praza de Europa, 10A, 3º

15707  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981957386 / 981957437 / 981957303

Email: axudas.gain@xunta.gal

http://gain.xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

03/02/2018 00:00 - 02/03/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

As infraestruturas apoiadas ao abeiro destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) De xeito coherente co seu dobre obxectivo, poderán desenvolver actividades económicas e non económicas, pero é imprescindible que o financiamento, os custos e os ingresos de cada tipo de actividade se consignen polo centro de xeito separado, con base en principios de contabilidade de custos aplicados con coherencia e xustificables de maneira obxectiva.

b) O acceso ás infraestruturas estará aberto a varias entidades usuarias de xeito transparente e non discriminatorio. No caso de que unha empresa financie polo menos un 10 % dos custos da infraestrutura, esta poderá beneficiarse dun acceso preferente en condicións máis favorables. Non obstante, co fin de evitar unha compensación excesiva, o dito acceso será proporcional á contribución da empresa, e as condicións faranse públicas.

c) O prezo que se cobre polo funcionamento ou utilización das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.

d) As infraestruturas apoiadas deben cumprir os requisitos do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 relativos ao efecto incentivador. As axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo da actividade. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha entidade de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a entidade incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio das actividades presentadas non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data efectiva de comezo destas.

e) Tal e como se recolle no anterior artigo 3.3, establécese un orzamento mínimo subvencionable de 100.000 euros (cen mil) para cada proxecto de infraestrutura.

  • A solicitude estará composta polo seguintes documentos:

    • a) Formulario de solicitude (segundo o anexo I), que inclúe as seguintes declaracións responsables relativas ao centro solicitante:

      • 1º. Declaración responsable de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).

      • 2º. Declaración responsable de non estar suxeito/a a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarara unha axuda ilegal ou incompatible co mercado común.

      • 3º. Declaración de que non pode ser considerada unha empresa en crise consonte o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

      • 4º. Declaración de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo das actividades para as que se solicita (efecto incentivador).

      • 5º. Declaración responsable de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nesta declaración no momento en que se produza.

      • 6º. Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, consonte o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007 e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

      • 7º. Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

      • 8º. Declaración de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria na que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular.

      • 9º. Declaración responsable, no caso de que o centro leve a cabo actividades económicas e non económicas, de que se dispón dunha contabilidade separada que permita distinguir con claridade os dous tipos de actividades.

      • 10º. Declaración responsable, no caso de que a infraestrutura solicitada se empregue para o desenvolvemento de actividades económicas e non económicas, de que dispón dunha contabilidade separada que permita distinguir con claridade os dous tipos de actividades.

      • 11º. Declaración responsable, que no caso de dispor dun plan de igualdade implantado no centro, o manterá durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 24.j) destas bases reguladoras.

      • 12º. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto de infraestrutura para o que se solicita a axuda.

    • b) Anexo II: declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

    • c) Documentación técnico-económica:

      • 1º. Anexo III: ficha do proxecto de infraestrutura que se solicita.

      • 2º. Memoria descritiva do proxecto de infraestrutura que se solicita, redactada consonte o índice que se inclúe no anexo IV.

      • 3º. Plan de explotación do proxecto de infraestrutura, redactada consonte o índice que se inclúe no anexo V.

Tanto a memoria como o Plan de explotación deberanse entregar en formato electrónico, concretamente deberán ser ficheiros PDF.

  • d) Documentación administrativa:

    • 1º. Copia do poder cumprido co que actúa o representante legal do centro.

    • 2º. Copia da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no rexistro mercantil ou industrial.

    • 3º. Tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. No caso de non escoller a oferta más económica, deberá xustificarse o motivo.

    • 4º. No caso de solicitudes dun centro tecnolóxico que inclúan un plan de explotación conxunto do equipamento solicitado con outro/s centro/s, deberá presentarse a documentación a través da cal se poida acreditar debidamente ese uso compartido.

Os anexos I (solicitude), II (declaración doutras axudas ) e III (ficha), estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

  • Comprobación de datos, consentimentos e autorizacións.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

  • c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que o centro solicitante se opoña a esta consulta, deberá indicalo no cadro correspondente no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ao centro solicitante a presentación dos documentos correspondentes.

Se a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable e o centro solicitante deba presentar estes certificados en fase de emenda, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5. A Gain informará ás entidades beneficiarias que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación, onde figurarán os nomes das entidades beneficiarias, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada e outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

6. Consonte o disposto no artigo 20.8 da Lei 38/2003, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade afectada. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999.

7. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar, agás nos supostos legalmente establecidos. Así mesmo, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade, a través do Portal de transparencia e Goberno aberto, dos datos referidos á subvención referida. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

Se algún dos centros interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase a data de presentación da solicitude será aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 https://sede.xunta.gal/chave365

  • Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos. Presumirase que esta consulta está autorizada polas entidades interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación aquela que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 24 do 2 de febreiro de 2018).

    • Corrección de erros. Resolución do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 30 do 12 de febreiro de 2018).

    • Resolución do 15 de maio de 2018 pola que se conceden as axudas para o fortalecemento dos centros de xeración do coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, convocadas pola Resolución do 31 de decembro de 2017 (DOG nº 99 do 25 de maio de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS104A

Acceso á información contida na Historia Social Única Electrónica.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA009C

Aprobación dos modelos oficiais de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

Aberto todo o ano

IN603A

Rexistro de instalacións con equipos de presión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605A

Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano