Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
ED504G
Actividades formativas STEMweek en lingua inglesa.
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O obxecto desta orde é aprobar as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e da competencia científico-tecnolóxica ou STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o curso 2017/18.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas aos formularios de inicio na sede electrónica da Xunta de Galicia, denomínase «Actividades formativas STEMweek».
Actividades de formación convocadas.
1. As quendas, lugar de celebración, datas, número de alumnos/as e cursos a que van destinadas as actividades que se convocan son:
Quenda: 1ª / Lugar: CDR A Coruña / Datas: 26 agosto-1 setembro de 2018 / Idioma: Inglés / Nº de alumnos/as: 100 Curso: 3º ESO
Quenda: 2ª / Lugar: CDR A Coruña / Datas: 2-8 setembro de 2018 / Idioma: Inglés / Nº de alumnos/as: 100 / Curso: 4º ESO
O lugar onde se realizará esta actividade será o CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, Burgo-Acea de Ama, s/n, Culleredo 15670), en réxime de internado de domingo ao sábado seguinte.
En cada quenda, o alumnado entrará o domingo entre as 18.00 e as 19.30 horas e sairá o sábado entre as 12.00 e as 13.30 horas. As familias ou titores legais dos menores serán os responsables de levar e recoller o alumnado ata o lugar de realización da actividade, e os gastos que isto ocasione serán a cargo deles. O resto das actividades será gratuíto para o alumnado adxudicatario das prazas ofertadas.
2. A organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.
3. O custo total de cada actividade inclúe:
a) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
b) Os gastos de docencia e o material escolar.
c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
d) Os gastos de mantenza e aloxamento.
e) O certificado de realización da actividade.
f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo
Servizo de Ordenación Educativa
Edif. Adm. San Caetano, B-III,
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997635 / 981546510 / 981546515
Email: licenzas.fprofe@edu.xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
13/06/2018 00:00 - 12/07/2018 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2017/18, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as materias no curso 2016/17. De ser adxudicada unha praza obxecto desta convocatoria a un/unha alumno/a de 4º de ESO que non teña superadas todas as materias do curso 2017/18, deberá renunciar a ela.
c) Ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.
d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.
e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II debidamente cuberto.
b) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos e/ou fillas.
No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar.
c) No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I (familia monoparental, divorcio ou separación, viuvez, titoría legal, discapacidade ou outras), deberán acreditalas documentalmente.
d) Certificado de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou do NIE do/da solicitante e da nai, do pai, do titor ou titora ou da persoa representante.
b) Certificación dos ingresos totais da unidade familiar; datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) correspondente ao ano 2016.
c) Certificación de estar ao día de pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas da nai, do pai ou do titor ou titora.
d) Certificación de estar ao día de pagamento coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da nai, do pai ou do titor ou titora.
e) Certificación de estar ao día de pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, da nai, do pai ou do titor ou titora.
f) Certificación de que o alumnado solicitante destas axudas está cursando 3º ou 4º da ESO en centros sostidos con fondos públicos.
g) Certificación de ter superadas todas as materias no curso 2016/17.
h) Certificación de ter acadado no curso 2016/17 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.
Os datos contidos nas letras f), g) e h) serán consultados a través da aplicación Xestión administrativa da educación (Xade).
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
i) Título de familia numerosa.
j) Certificación do grao de discapacidade da persoa solicitante, da nai, do pai, ou do titor ou titora, ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.
k) Certificación do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade de pensionista de grande invalidez da situación de pensionista de grande invalidez da nai, do pai ou do titor ou titora.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de solicitude (anexo I), e achegar os correspondentes documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.
5. A Consellería poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED504G) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código (ED504G) e o órgano responsable do procedemento (a Consellería), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Fase de Solicitude
- Comprobación de datos (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
- Fase de Xustificación
- Aceptación ou renuncia da axuda concedida (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 23 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se convocan axudas para a realización de actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG nº 111 do 12 de xuño de 2018).
-
Extracto da Orde do 23 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se convocan axudas para a realización de actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG nº 111 del 12 de xuño de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas da formación profesional inicial
Aberto todo o ano
Solicitude de exención de módulos de formación en centros de traballo (FCT) pola correspondencia coa practica laboral
Aberto todo o ano
Homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias.
Aberto todo o ano
Equivalencia de estudos estranxeiros coa escolaridade dos cursos 2º ou 3º de educación secundaria obrigatoria para efectos laborais ou profesionais.
Aberto todo o ano