Guía de procedementos e servizos

CT141A

Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos Camiños de Santiago.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 10/03/2018 00:00 - 09/04/2018 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases reguladoras da concesión do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social. Inclúese, así mesmo, a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, teña contribuído especialmente á posta en valor do Camiño. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

2. Ao expediente derivado desta orde incorporarase un informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural onde se documente o cumprimento efectivo dos obxectivos da orde conforme indicadores que se corresponden cos criterios de valoración reflectidos no artigo 13 destas bases.

3. Ao premio aplicaráselle a correspondente retención fiscal e poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

4. A asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre as persoas galardoadas.

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural

Servizo de Protección e Fomento

Edificio administrativo san Caetano. Bloque 3-2º

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544893 / 98154801

Fax: 981544870

Email: proteccion.patrimonio.cultural@xunta.gal

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

10/03/2018 00:00 - 09/04/2018 23:59

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

- Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

- Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas nas cales se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que fosen premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

  • Xuntarase a seguinte documentación, mediante documento electrónico:

    • a) Anexo I cuberto.

    • b) Acreditación da representación da persoa que a asine en nome da entidade.

    • c) Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

    • d) Memoria xustificativa do labor realizado neste campo en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos no artigo 13 destas bases e polo período de cinco anos, co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración. A memoria incluirá, como anexo, unha táboa resumo da memoria xustificativa onde se enumeren, baixo as súas correspondentes catro epígrafes, as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio; os traballos de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; as accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo; e as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, con indicación de datas, ámbitos territoriais, autoría e, se é o caso, persoas destinatarias e a súa cuantificación.

    • e) Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que avale a candidatura, pola súa importancia e relevancia no ámbito cultural, ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que acrediten o desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • NIF da entidade solicitante.

  • DNI ou NIE da persoa representante.

  • Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

  • Certificado de estar ao día nos pagamentos á Consellería de Facenda.

  • Certificado de estar ao día nos pagamentos á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos nos termos previstos regulamentariamente.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda, de conformidade co número 4 do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da entidade premiada e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Un mes

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago e se convoca a súa XX edición para o ano 2018 (DOG nº 49 do 9 de marzo de 2018).

    • Extracto da Orde do 20 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago e se convoca a súa XX edición para o ano 2018 (DOG nº 49 do 9 de marzo de 2018).

    • Resolución do 11 de xuño de 2018 pola que se concede o XX Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos valores dos Camiños de Santiago, así como a mención especial (DOG nº 119 do 22 de xuño de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128A

Inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT128B

Cancelación da inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

CT403B

Subvencións á creación escénica.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 24/12/2025 00:00 - 23/01/2026 23:59