Guía de procedementos e servizos

TR852B

Axudas destinadas a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 28/01/2025 00:00 - 27/02/2025 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter intersectorial e sectorial.

Subliña II.1: realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter intersectorial: accións de información e promoción do cumprimento da normativa, xornadas de sensibilización de carácter intersectorial, estudos de carácter tamén intersectorial e accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.

Subliña II.2: realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, de carácter sectorial: accións de información e promoción do cumprimento da normativa, xornadas de sensibilización de carácter sectorial, estudos de carácter tamén sectorial e accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.

1. Subliña II.1:

Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.1 as asociacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Esta subliña II.1 ten un orzamento total de 380.830,20 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1 e código de proxecto 2023 00244, procedente de fondos finalistas do Estado e que se distribuirá do seguinte xeito, 190.415,10 € para as asociacións empresariais intersectoriais e 190.415,10 € para as organizacións sindicais intersectoriais.

2. Subliña II.2:

Poderán ser entidades beneficiarias da subliña II.2:

a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Esta subliña II.2 ten un orzamento de 253.886,80 € con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.324A.481.1, código de proxecto 2023 00244, procedente de fondos finalistas do Estado e que se distribuirá do seguinte xeito: 126.943,40 € para as asociacións empresariais e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e 126.943,40 € para as organizacións sindicais e fundacións sectoriais paritarias.

3. Conforme o disposto no artigo 25.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos ditados no expediente enténdense condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

4. No caso de que o solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos previstos nesta orde, e non poderán concorrer na convocatoria, as solicitudes da dita fundación coas da organización sindical ou asociación empresarial da que formen parte; darase prioridade neste suposto ás solicitudes presentadas por estas últimas.

5. Cando a entidade beneficiaria sexa unha persoa xurídica, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta da primeira terán, igualmente, a consideración de entidades beneficiarias.

6. Debe designarse unha única persoa responsable e de contacto co órgano instrutor, para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todas as accións incluídas na solicitude, que se identificará no anexo de solicitude, polo seu nome, teléfono e correo electrónico.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Relacións Laborais

Servizo de Relacións Laborais, Seguridade e Saúde Laboral

Edificio Administrativo San Lázaro

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957758

Email: relacionslaborais.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

28/01/2025 00:00 - 27/02/2025 23:59

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante debe presentar unha solicitude de axudas por subliña de cada liña, agás o recollido no artigo 3.2.b) desta orde. Nos restantes casos, cando se presentase máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.

3. Para as accións previstas nas liñas I.1 e II.1 que soliciten as organizacións que se integren noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I e/ou anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No suposto previsto no artigo 3.7, deberase achegar:

1º. Certificado expedido por quen desempeñe estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, en que se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.

2º. Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade.

3º. Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

b) Documentación para a solicitude de accións:

1º. Acción solicitada, segundo o anexo III. Na solicitude deberase recoller o conxunto de todas as accións solicitadas, individualizando por cada unha delas no anexo III, especificando o seu custo. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, se é o caso, a cantidade que achega. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, debe manterse, polo menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.

2º. Memoria que deberá conter o proxecto sinalando as accións que se van levar a cabo.

3º. Vida laboral da entidade solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da solicitude, ou un certificado asinado pola persoa competente de que a entidade non ten persoas traballadoras contratadas.

4º. Orzamento total do solicitado por accións (anexo IV).

5º. De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, agás o establecido no artigo 17.3 desta orde de convocatoria.

6º. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

c) No caso de presentar a solicitude para accións de información e promoción do cumprimento da normativa e/ou accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais:

1º. No caso de que un mesmo proxecto implique distintas accións, no encabezamento do anexo III delas deberá constar:

– A subliña de axudas a que se opta.

– Na denominación da acción proposta terase que definir o contido da acción evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

2º. Presentarase unha memoria que deberá conter o proxecto que se desenvolva e co contido mínimo que a seguir se indica, sinalando de forma independente e separada as accións que se van levar a cabo, que poderán consistir no emprego dos seguintes produtos:

– Xornadas, seminarios.

– Estudos e traballos técnicos.

– Libros e manuais.

– Publicacións periódicas.

– Dípticos, trípticos, folletos, pegatinas e carteis.

– Vídeos.

– Anuncios en medios de comunicación escritos e audiovisuais.

– Soportes informáticos, páxinas web/app.

– Material publicitario.

Cada memoria expoñerá, de forma numerada e separada, o contido dos seguintes elementos:

– Denominación da organización ou entidade solicitante.

– A denominación da acción proposta acorde co seu contido.

– Datas da realización desta, ou previsión delas no caso de non telas executadas.

Se se trata dunha xornada deberá indicarse, ademais dos elementos indicados nos puntos anteriores:

– O programa que se vai impartir, indicando de forma separada os seus módulos.

– As horas de duración.

– A titulación ou formación da persoa formadora da xornada ou seminario.

– O importe de cada un dos produtos empregados.

3º. No caso de entidades que queiran levar a cabo xornadas en modalidade de teleformación ou aula virtual, deberán presentar como documentación complementaria unha declaración responsable de que a entidade lle facilitará a todo o alumnado da xornada os suficientes medios técnicos e didácticos, con enumeración de cales son estes medios que, ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta á disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo.

As ditas entidades deben acreditar, ademais, que dispoñen dunha plataforma que deberá conter, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Infraestrutura tecnolóxica mínima que permita a xestión dun número mínimo de 100 participantes cunha velocidade de resposta axeitada a un funcionamento de 24 horas e 7 días á semana.

– Capacidade de xestionar as ditas accións de xeito independente e xerar un número mínimo.

– Software: compatibilidade co estándar SCORM e paquetes de contidos LMS.

– O servidor da plataforma de teleformación ou aula virtual debe cumprir con todos os requisitos establecidos sobre protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Compatibilidade tecnolóxica e posibilidades de integración con calquera sistema operativo, base de datos, navegador da internet dos máis usuais ou servidor web.

– Servizo de soporte ao alumnado.

– Visualización que se adapte ao tipo de pantalla que se utilice, así como a distintos dispositivos.

– Facilidade de utilización de código de terceiros; a plataforma debe permitir integrar ou incrustar elementos externos como vídeos ou presentacións no contido.

No caso das entidades que soliciten a utilización de aula virtual para a impartición total ou parcial da xornada tamén deberán presentar:

– Acreditación técnica e documental de que a formación se estrutura e se organiza de forma que se garanta, en todo momento, que exista conectividade sincronizada entre a persoa formadora e o alumnado participante, así como a bidireccionalidade nas comunicacións.

– Acreditación técnica e documental de existencia dun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada xornada desenvolvida a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de impartición da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control previstas nesta orde.

d) No caso de presentar a solicitude para a realización de estudos, deberase xustificar a súa necesidade e o obxectivo que se pretende acadar, así como indicar o seu carácter innovador. Non serán subvencionables aqueles estudos que non sexan innovadores e que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato así como os subvencionados en anos anteriores ou os que xa estean realizados por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.

Forma de presentación da documentación.

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electrónicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa por parte da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

1º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

2º. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3º. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

– Certificado de estar ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para tal efecto no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025 (códigos de procedemento TR852A e TR852B) (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025 (códigos de procedemento TR852A e TR852B) (DOG nº 17 do 27 de xaneiro de 2025).

    • Resolución do 25 de xuño de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se procede á publicación das axudas concedidas en virtude da Orde do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e, se procede, á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025 (DOG nº 136 do 17 de xullo de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano