Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR813A
Adhesión á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
A creación e regulación do funcionamento da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, que se configura como un instrumento de actuación formado por entidades que colaboran no marco definido no presente decreto.
Ámbito de aplicación
1. O ámbito de aplicación deste decreto é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para o cumprimento dos obxectivos previstos pola Rede Eusumo, en particular para aqueles que teñan alcance transfronteirizo, poderán establecerse instrumentos de colaboración específicos con entidades doutros ámbitos territoriais.
O obxectivo da Rede é o fomento do cooperativismo e a economía social, con especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. O dito obxectivo concrétase arredor dos seguintes eixos:
a) Información, formación, orientación e asesoramento en temáticas vinculadas ao cooperativismo e a economía social, fomento do autoemprego e o emprendemento a través do acompañamento e asesoramento de proxectos cooperativos e de economía social.
b) Posta á disposición de medios necesarios para o emprendemento, entre os cales se inclúen as instalacións precisas para albergar o inicio de proxectos empresariais de economía social.
c) Reforzo da presenza de asociacións e entidades de economía social en redes de intercooperación de carácter nacional e internacional para a promoción do cooperativismo e a economía social.
d) Promoción e fomento das tecnoloxías da información e comunicación, así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede.
e) Apoio á comercialización e internacionalización, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.
f) Realización de análises e estudos en temáticas de interese para a economía social, así como para o desenvolvemento local.
g) Elaboración de materiais divulgativos e formativos sobre cooperativismo e economía social.
h) Acompañamento de proxectos empresariais de economía social.
i) Achegamento aos cidadáns dos recursos e infraestruturas das entidades colaboradoras, procurando incrementar a rendibilidade social dos recursos postos á disposición da Rede.
A Rede realizará todo tipo de actividades encamiñadas ao cumprimento dos obxectivos indicados no artigo 3 deste Decreto. Entre elas destácanse as seguintes:
a) Información e asesoramento nos centros.
b) Accións formativas dirixidas aos posibles emprendedores.
c) Prospección dos xacementos de emprendemento e selección de destinatarios/as das accións de asesoramento, información e formación.
d) Acompañamento de proxectos, titorización e asesoramento para a conformación da empresa e durante os primeiros anos de actividade.
e) Apoio ao emprendemento mediante a posta á disposición de viveiros para empresas de economía social.
f) Fomento da coordinación de accións e promoción de proxectos de carácter internacional.
g) Promoción e dinamización do traballo en rede para a colaboración en temas comúns, tales como a comercialización e a apertura conxunta de mercados.
h) Realización de accións formativas en materia de novas tecnoloxías.
i) Establecemento de centros de documentación para a súa consulta por parte de entidades de economía social, persoas emprendedoras e público en xeral.
j) Promoción da asistencia conxunta a feiras nacionais e internacionais e da mellora das estratexias de comercialización.
k) Establecemento dunha liña permanente de investigación sobre posibilidades de desenvolvemento local para o territorio.
l) Desenvolvemento de estudos sectoriais promovendo a cooperación con entidades do territorio.
m) Campañas publicitarias de divulgación e difusión das potencialidades, valores e realidades da economía social.
Poderán ser entidades colaboradoras da Rede:
a) As administracións públicas, así como as entidades públicas instrumentais dependentes destas.
b) As asociacións de entidades de economía social e as agrupacións destas, constituídas para a representación e defensa dos seus intereses conforme o establecido no artigo 7.1 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social.
c) As sociedades cooperativas galegas.
d) As fundacións e asociacións.
e) As universidades.
f) As cámaras de comercio, organizacións profesionais, empresariais e sindicais.
g) Outras entidades sen ánimo de lucro.
A condición de entidade colaboradora non leva consigo contrapartida financeira e ten carácter indefinido mentres se manteñan as condicións que permitiron a súa adhesión e non se produza a denuncia ou revogación do convenio de colaboración.
Son obrigas das entidades colaboradoras adheridas á Rede Eusumo as seguintes:
a) Cumprir cos requisitos establecidos no artigo 8 do Decreto.
b) Participar nas actividades de asesoramento, información e formación que se deseñen para o fomento do emprendemento cooperativo e a economía social, sen que por iso se vexan afectadas as actividades e funcións propias da entidade.
c) Instalar nos centros integrados, en lugares visibles, paneis informativos e rótulos co distintivo de identificación da Rede Eusumo.
d) Facer constar en toda difusión pública, impresa ou verbal, que as actividades se realizarán en colaboración coa consellería competente en materia de traballo, o Fondo Social Europeo e a Rede Eusumo, cando así proceda.
e) Remitir á dirección xeral competente en materia de cooperativas e economía social toda a información xerada neste ámbito de actuación.
f) Manter as condicións que permitiron a súa adhesión á Rede e a comunicación de todos os cambios que se produzan.
g) Designar un único interlocutor válido para todas as cuestións relacionadas co funcionamento da Rede. É responsabilidade da entidade adherida e dos seus encargados impartir todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices aos seus traballadores, sendo a Administración pública allea por completo a estas relacións laborais. Corresponde, así mesmo, á entidade adherida a vixilancia do horario de traballo dos traballadores, as posibles licenzas horarias, os permisos ou calquera outra manifestación das facultades do empregador.
h) Cumprir o disposto no presente decreto e no convenio de colaboración que se subscriba.
As entidades colaboradoras adheridas á Rede obterán as seguintes vantaxes:
a) Utilización dos diferentes centros da Rede para as actividades da propia entidade, sempre que estas se adecuen aos obxectivos xerais da Rede especificados no artigo 3. Estas actividades deberán ser incorporadas na programación da Rede Eusumo, logo de autorización expresa da entidade colaboradora titular do centro.
b)Terán prioridade no aproveitamento de recursos, medios e publicacións que a consellería competente en materia de traballo elabore para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Edificios Admvos. San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544666
Fax: 981544659
Prazo de presentación: Aberto todo o ano
As entidades interesadas en adherirse á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Recoller dentro das súas actividades o desenvolvemento do cooperativismo e da economía social, o apoio ao emprendemento ou o desenvolvemento local.
b) Poñer á disposición da Rede Eusumo algún dos medios susceptibles de utilización para o fomento do cooperativismo e a economía social, tales como:
1º Recursos para o desenvolvemento de actividades formativas e de asesoramento a persoas emprendedoras.
2º Recursos para a realización de estudos e análises dos distintos sectores produtivos.
3º Recursos para a prospección de novas oportunidades de emprego e de emprendemento con base cooperativa e de economía social.
4º Local/is idóneo/s para servir como punto de información e asesoramento.
5º Local/is idóneo/s para albergar actividades formativas.
6º Local/is idóneos para funcionamento de viveiros de empresas de economía social.
Solicitude segundo o Anexo I.
Memoria explicativa segundo o Anexo II (artigo 11.3.a).
Acta/Acordo de nomeamento da persoa que asina o convenio de colaboración.
Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.
Acreditación da personalidade xurídica: Acta de constitución, estatutos e inscrición en rexistro público (agás para as Administración públicas, Sociedades cooperativas galegas e as súas asociacións, Universidades e Cámaras de Comercio).
Comprobación de datos.
Os documentos relacionados serán obxecto de consulta ás administracións públicas. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo e achegar unha copia dos documentos.
NIF da entidade solicitante.
DNI/NIE da persoa representante.
Prazo de resolución: Seis meses
Sentido do silencio: Positivo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento (DOG nº 226 do 27 de novembro de 2012).
-
Corrección de erros. Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento (DOG nº 227 do 28 de novembro de 2012).
-
Outros procedementos relacionados
Obtención/renovación do selo de mercado excelente.
Aberto todo o ano
Autorización para o visado dos documentos de acompañamento R(CE) 436/2009.
Aberto todo o ano
Mediación en conflitos colectivos
Aberto todo o ano
Conciliación previa á xurisdición laboral
Aberto todo o ano