Guía de procedementos e servizos

TR358E

Axudas para a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras na Comunidade Autónoma de Galicia solicitadas por persoas xurídicas e por persoas físicas

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 16/05/2026 00:00 - 15/07/2026 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Esta liña de axudas está destinada, para a rehabilitación de vivendas das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, a:

a) Empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que destinen esa vivenda a vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.

b) Persoas físicas ou xurídicas que teñan subscrito con algunha das empresas referidas no apartado a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas traballadoras que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

1. Poderán solicitar as subvencións:

a) As empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos, e que vaian ser destinadas á vivenda habitual de persoas traballadoras coas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo.

b) Persoas físicas ou xurídicas que dispoñan de vivendas, das que sexan propietarias, usufrutuarias ou cesionarias do seu uso por un prazo mínimo de 10 anos e que teñan subscrito con algunha das empresas referidas na letra a) o oportuno instrumento xurídico onde acorden destinar a vivenda a rehabilitar a vivenda habitual de persoas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo con esa empresa.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Santiago de Compostela

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981 545 675 / 981 545 552

Email: axudasvivenda.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

16/05/2026 00:00 - 15/07/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Non poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

- No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza pública ou privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) n° 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do correspondente formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Deberá empregarse o anexo I.I para o procedemento TR358E.

A presentación electrónica será obrigatoria para os concellos e para as persoas xurídicas, de acordo co artigo 3.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e co artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que ten a representación legal da persoa xurídica correspondente ou persoa debidamente acreditada.

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria

1. As persoas físicas ou xurídicas que presenten solicitudes para o procedemento TR358E deberán presentar, xunto coa solicitude da axuda (anexo I.I), a seguinte documentación:

a) Escritura de constitución e/ou modificación da persoa xurídica, de ser o caso.

b) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa física ou xurídica solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito.

c) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade, do usufruto do inmoble ou da cesión de uso deste.

No caso de propietarios ou usufrutuarios múltiples, deberá achegarse declaración responsable das demais persoas propietarias ou usufrutuarias do inmoble sobre a súa conformidade coa solicitude da subvención. Neste suposto deben figurar todas as persoas propietarias ou usufrutuarias ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.

Ademais, no caso de usufruto, deberá achegarse a conformidade dos/das nus/núas propietario/as coa solicitude de subvención.

Do mesmo xeito, no caso de cesión de uso, deberá achegarse a conformidade da persoa propietaria do inmoble coa solicitude de subvención.

d) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar co orzamento de execución material, que deberá especificar o calendario de execución da actuación.

O proxecto ou memoria deberá incluír a información e os documentos necesarios para acreditar, de ser o caso, os criterios de valoración establecidos no artigo 17, segundo consta a continuación:

1º. Acreditación da distancia da vivenda, segundo proceda, co centro de traballo, cunha parada de transporte público e cunha vía de alta capacidade.

2º. Memoria asinada por un técnico cualificado en que se indique a valoración da mellora de eficiencia enerxética en termos porcentuais de redución do consumo de enerxía primaria non renovable e a utilización de materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción ecolóxica para a valoración dos criterios establecidos no artigo 17, letra b).

3º. Memoria en que se incluirá a relación entre o investimento total e a axuda solicitada, así como a indicación do tipo de actividade económica da empresa empregadora para a valoración do criterio establecido no artigo 17, letra c.2).

e) Reportaxe fotográfica do estado actual do inmoble, preferiblemente en cor, respecto das actuacións para as que se solicita a axuda.

f) Licenza municipal ou xustificante de tela solicitada no momento de presentación da solicitude desta axuda, no caso de que esta sexa necesaria pola actuación a levar a cabo e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas.

Para o caso de actuacións non suxeitas á obtención de licenza urbanística, deberá presentarse a correspondente comunicación previa ao concello, que deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorridos máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

g) Os solicitantes previstos no artigo 6.1.b) deberán achegar, así mesmo, o instrumento xurídico asinado coas empresas que teñan subscrito ou subscriban contrato de traballo cos potenciais traballadores aos cales vaia destinada a vivenda obxecto de rehabilitación.

h) Compromiso de destinar a vivenda obxecto da rehabilitación a alugamento ou cesión de uso como vivenda habitual de persoas con contrato de traballo.

i) No caso de que a vivenda para rehabilitar sexa destinada a persoas con contrato de traballo derivado da súa participación nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, deberá achegarse xustificación da empresa de que participa nos referidos programas, así como do contrato de traballo derivado deste coa persoa destinataria da vivenda obxecto da actuación.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da empresa ou da persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 5 de maio de 2026, conxunta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, pola que se establecen as bases reguladoras destinadas á concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 5 de maio de 2026, conxunta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, pola que se establecen as bases reguladoras destinadas á concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a rehabilitación de vivendas destinadas a vivenda habitual de persoas traballadoras con contrato de traballo con empresas que dispoñan de centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026 e 2027 (DOG nº 89 do 15 de maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/09/2026 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano