Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR357E
Obtención e renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
- Regulación da concesión, utilización, renovación e perda da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, dos dereitos, facultades e obrigas derivados da súa obtención e do logotipo con que se representará.
- Creación e regulación do Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
De acordo co artigo 112 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, poderán solicitar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, para distinguiren con ela os seus produtos ou os seus servizos, as empresas, sexan de capital público ou privado, e as entidades do terceiro sector que teñan o seu domicilio social en Galicia ou que conten con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación aberta no territorio da Comunidade Autónoma, sempre e cando, ademais diso, teñan persoal contratado nela.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Unidade Administrativa de Igualdade
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997256
Email: igualdade.emprego@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Unidade Administrativa de Igualdade
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881997380
Email: igualdade.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
De acordo coa disposición adicional segunda do decreto, as solicitudes para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade poderán presentarse a partir da entrada en vigor da orde prevista na disposición derradeira primeira
1. As empresas e as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non ter sido sancionadas con carácter firme nos dous anos anteriores á solicitude no caso das infraccións graves, ou nos tres anos anteriores a esta no caso de infraccións moi graves, por infracción grave ou moi grave en materia de igualdade de oportunidades e non discriminación, ou por infracción moi grave en materia social, de acordo co disposto no texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, ou na norma que o substitúa.
b) Contar cun plan de igualdade negociado e inscrito no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo, dependente da autoridade laboral, estatal ou autonómica, de acordo co establecido na lexislación laboral vixente. Este requisito exixiráselles tamén ás empresas e entidades do terceiro sector para as cales a elaboración e implantación de plans de igualdade é voluntaria, de acordo co disposto no artigo 45.5 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
c) Ter implantadas, como mínimo, o 25 por cento das medidas recollidas no plan de igualdade. En todo caso, terán que ter implantadas a totalidade das medidas programadas para o período comprendido entre a data de aprobación do plan de igualdade e a data da aprobación do informe de avaliación e seguimento pola correspondente comisión ou órgano paritario a que se refire a alínea d), aínda que supere a porcentaxe do 25 por cento.
d) Presentar un informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade, que se deberá elaborar, cando menos, despois de transcorrer un ano desde a súa aprobación. O informe, elaborado pola empresa ou a entidade solicitante, deberá ser aprobado no mes anterior á data de presentación da solicitude pola Comisión ou órgano paritario de seguimento e avaliación do plan de igualdade a que se refire o artigo 9 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, e deberá recoller cales son as medidas programadas no plan igualdade para o período comprendido entre a data de aprobación do plan e a data de aprobación do informe, identificando as medidas realizadas. Xunto co informe, a empresa ou entidade deberá achegar o compromiso de realización nos prazos previstos da parte do plan que non estea executada.
e) Acreditar, se é o caso, a composición equilibrada de mulleres e homes no Consello de Administración, en que a presenza de persoas de cada sexo non supere o 60 por cento nin sexa menor do 40 por cento.
Malia o anterior, cando se trate de consellos de administración formados polo número mínimo de tres membros, entenderase acreditada a composición equilibrada deste cando estea integrado por unha persoa dun sexo e dúas do outro.
Como medida de acción positiva para a participación cidadá feminina en espazos de toma de decisións, as empresas ou entidades con consello de administración dedicadas á promoción da igualdade entre mulleres e homes, quedarán exentas de cumprir o requisito de composición equilibrada no Consello de Administración tal como está establecido con carácter xeral nesta alínea e), e neste caso será exixible que acrediten a presenza de mulleres no seu consello de administración nunha porcentaxe mínima do 40 por cento.
f) Ter contratado na Comunidade Autónoma de Galicia, como mínimo, seis (6) persoas traballadoras de media nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
g) Estar inscrita como empresa ou entidade do terceiro sector na Seguridade Social de conformidade coa normativa aplicable.
h) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, así como non ter pendente ningunha débeda coa Administración xeral da Comunidade Autónoma.
i) Ter subscrito, con anterioridade á presentación da solicitude do distintivo, un compromiso explícito en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social.
Este compromiso deberá constar por escrito e terse feito público a través da web ou dos medios de comunicación habitualmente utilizados pola entidade.
j) Cumprir as seguintes condicións de igualdade:
1º. Que a política de imaxe da empresa ou da entidade, o uso da linguaxe e a publicidade non sexistas contribúan á eliminación e prevención das situacións de discriminación.
2º. Que na comunicación interna e externa se atenda ao principio de igualdade.
3º. Que as persoas que representan a empresa ou entidade, na Comisión Negociadora e na comisión ou órgano paritario de seguimento do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude recibisen unha formación mínima de oito horas en igualdade laboral.
4º. Que acrediten ter implantadas medidas que garantan a aplicación de criterios igualitarios de retribución de mulleres e homes, así como a adecuada valoración de postos de traballo para acadar a igualdade na retribución por traballos de igual valor, seguindo a normativa en materia de igualdade, ou ben que se comprometen a acreditar tal implantación no período de vixencia do distintivo.
No caso de solicitude de renovación da Certificación, deberán acreditar ter implantadas as medidas referidas no parágrafo anterior.
5º. Que a prevención de riscos laborais se execute tendo en conta a perspectiva de xénero, de conformidade co artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
2. O contido da memoria xustificativa e a documentación que se deberá achegar para acreditar o cumprimento das condicións establecidas na alínea j) do punto anterior serán determinados mediante orde.
3. As empresas e entidades que obteñan a certificación poderán solicitar a súa renovación sempre que cumpran os requisitos do número 1 deste artigo e presenten a solicitude de renovación no prazo previsto no artigo 3.2. Ademais do informe de seguimento e avaliación previsto na alínea d) do punto anterior, referido ao tempo transcorrido entre a data de aprobación do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude e a data de aprobación do informe pola comisión ou órgano paritario, as empresas e entidades solicitantes deberán presentar os informes de seguimento e avaliación final dos plans de igualdade aplicados durante o período inicial de vixencia da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade ou, de ser o caso, da última renovación, nos cales se recollan as medidas implantadas, a avaliación dos seus resultados e reflictan a situación de igualdade na empresa ou entidade do terceiro sector, de conformidade co establecido no artigo 9.6 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro.
Ademais dos requisitos establecidos no artigo 4 para poder obter ou, de ser o caso, renovar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade será necesario acadar na valoración dos criterios de igualdade relacionados neste artigo (artigo 5 ) a puntuación mínima establecida para o efecto.
A puntuación mínima que deberán acadar as empresas e entidades e o método de valoración e ponderación destes criterios de igualdade serán determinados mediante orde.
Solicitudes.
O procedemento para obter e renovar a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade (con código TR357E) iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude que poderán presentar as empresas e entidades do terceiro sector que cumpran os requisitos establecido no artigo 4
As solicitudes de obtención e renovación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación:
a) Copia da escritura de constitución da empresa ou entidade solicitante, se se trata dunha persoa xurídica; acreditación do domicilio social e documentación acreditativa da representación, no caso de actuación por medio de representante.
b) Documentación acreditativa de que a empresa ou entidade do terceiro sector consta inscrita na Seguridade Social de conformidade coa normativa aplicable.
c) Informe de vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da empresa ou entidade en Galicia, correspondentes aos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
d) Indicación do código de identificación da inscrición do plan de igualdade vixente no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo (Rexcon), xunto coa seguinte documentación:
1º. Textos íntegros do diagnóstico de situación e do plan de igualdade negociado, así como a documentación que complementa un e outro, entre a cal debe estar a auditoría retributiva e a valoración de postos de traballo cos contidos establecidos no Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.
2º. O rexistro retributivo, de conformidade co Real decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.
3º. Protocolo de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo, con indicación, de ser o caso, do código de identificación do seu depósito no Rexcon.
Cando estes documentos consten no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, non será necesaria a súa achega.
e) Informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade vixente no momento de presentar a solicitude, segundo o previsto no artigo 4.1.d), e ademais, no caso de solicitude de renovación, os informes de seguimento e avaliación final dos plans de igualdade que se aplicasen durante o período inicial de vixencia da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade ou, de ser o caso, da última renovación, de conformidade co establecido no artigo 9.6 do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro.
f) Documentación acreditativa da implantación das medidas recollidas no plan de igualdade vixente que foron executadas.
g) Respecto á parte do plan en vigor que non estea executada, o compromiso da súa realización nos prazos previstos.
h) Compromiso explícito en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, organización e funcionamento interno da entidade e responsabilidade social, e a documentación acreditativa de terse feito público a través da web ou dos medios de comunicación habitualmente utilizados pola entidade.
i) De ser o caso, a documentación acreditativa da composición equilibrada no Consello de Administración (artigo 4.1.e).
j) Unha memoria xustificativa e a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións exixidas no artigo 4.1.j), segundo o que estableza a orde prevista na disposición derradeira primeira.
k) Calquera documentación que a empresa ou entidade considere pertinente, relacionada cos criterios de igualdade obxecto de valoración.
2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada ou a lei especial aplicable requira o seu consentimento expreso.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal, de acordo co establecido no artigo 28.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias á AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Positivo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade (DOG nº 209 do 29 de outubro de 2025).
-
Corrección de Erros . Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade (DOG nº 211 do 31 de outubro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.
Aberto todo o ano
Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública
Aberto todo o ano
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano