Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR353A
Subvención a obradoiros duais de emprego
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.
Persoas beneficiarias participantes.
1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.
2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.
3. Se a formación para impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, será necesario que o perfil do alumnado se axuste aos requisitos de acceso sinalados na normativa vixente en materia de certificados profesionais.
4. No caso de que a persoa candidata participase con anterioridade noutro obradoiro de emprego, con independencia de que o rematase con resultado de superado ou non, non poderá optar á selección para recibir formación no mesmo certificado profesional, excepto que o certificado que curse sexa de nivel superior.
5. En ningún caso, poderán participar en obradoiros duais de emprego persoas que xa tivesen participado en tres obradoiros con anterioridade a esta convocatoria, agás cando se trate de participación en obradoiros para cursar especialidades formativas correspondentes ás familias profesionais agraria ou de seguridade e ambiente, referidas na exposición de motivos desta orde, caso en que non aplica esa limitación de ter participado en tres obradoiros.
Terán prioridade en todo caso as persoas candidatas que non participasen nun obradoiro dual de emprego ou nun programa de emprego de garantía xuvenil nas cinco convocatorias inmediatamente anteriores.
6. Na medida en que o uso dos fondos finalistas o permita, aplicarase a protección ás mulleres en situación de discriminación múltiple e interseccional nos termos previstos na Lei 7/2023, do 30 de novembro.
Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
1. Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.
Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertence a ela.
2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. Ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2024 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2024 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.
Cada concello ou entidade pública vinculada a este poderá participar unicamente nun proxecto, computando igualmente para estes efectos que sexa individual, colectivo, en condición de promotor ou como parte dunha agrupación. A participación dun concello ou entidade nun proxecto exclúe a posibilidade de participar noutro proxecto, sendo unicamente compatible coa presentación de solicitude polas mancomunidades. Para a comprobación deste requisito xuntarase con cada solicitude de subvención unha declaración individual de cada un dos concellos implicados en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nese proxecto concreto, sexa como entidade promotora ou como asociada (anexo VI). Se aínda así se dá o caso de que un concello ou entidade vinculada concorra en máis dunha solicitude, rexeitaranse en primeiro lugar aquelas en que actúe como promotor. Se participa en máis dun proxecto como asociada terase en conta unicamente a solicitude que entrase en primeiro lugar e poñerase de manifesto á entidade promotora das seguintes solicitudes esta circunstancia para que no prazo máximo de dez días poida presentar un cambio do seu proxecto, de forma que a entidade ou agrupación resultante cumpra o requisito regulado neste parágrafo, e quedará inadmitida en caso de non emendar esta deficiencia.
4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais, no caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cumprisen coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)
Rúa Concepción Arenal 8
36201 Vigo (Pontevedra)
Teléfono: 986817022-33
Email: escolas.obradoiro.ctr.vi@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo
Ronda da Muralla, 70
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294257-905
Email: obradoiros.emprego.lugo@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense
Avda da Habana, 79
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386820/27
Email: obradoiros.emprego.ourense@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña
Avenida Salvador de Madariaga, 9-1º
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 881881597-79
Email: obradoirosdeemprego.traballo.coruna@xunta.gal
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego
Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego
San lázaro s/n
15801 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547224/25/27
Email: obradoiros.emprego.santiago@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
26/11/2025 00:00 - 26/12/2025 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Procedemento de selección do alumnado-traballador.
1. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego pola correspondente oficina de emprego. Con carácter previo ou no mesmo momento en que se envíe a oferta á oficina de emprego, a entidade promotora remitirá á propia oficina e mais ao departamento territorial competente as bases reguladoras do proceso de selección. A oferta deberá observar como requisitos mínimos que deben cumprir as persoas candidatas preseleccionadas os seguintes, tendo en conta o establecido no artigo 2 desta orde:
- Ter 18 ou máis anos de idade.
- Estar desempregadas, entendéndose nesta situación as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.
- Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia, co obxecto de ter vinculación mediante un contrato de tales características ao obradoiro dual de emprego, desde a súa incorporación ao proxecto, en aplicación do previsto nos artigos 2 e 5 desta orde.
- Cando a formación que se vai impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados profesionais de nivel de cualificación 2 ou 3, cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.
2. Na oferta de emprego que se tramite terán preferencia as persoas que solicitasen este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, terán prioridade aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral con anterioridade á resolución da convocatoria, sempre que se encontren dentro dalgunha das especialidades que se vaian impartir no obradoiro.
Ademais, terán prioridade as persoas demandantes que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como as persoas paradas de longa duración; as persoas emigrantes retornadas; as mulleres en xeral; as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; as persoas maiores de cincuenta e dous anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados profesionais de nivel de cualificación 3 en que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.
3. A entidade promotora realizará a selección de entre a relación de persoas desempregadas remitidas pola oficina de emprego, que deberá conter, sempre que sexa posible, tres persoas candidatas por posto.
4. O alumnado que se seleccione deberá manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.
5. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como beneficiarias participantes, no modelo que se establecerá e publicará na dita instrución.
6. O alumnado seleccionado será contratado, pola entidade promotora, desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade do contrato de traballo de formación en alternancia. De acordo co disposto no número 1 da disposición adicional segunda do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a estes contratos non lles será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) do dito estatuto. Así mesmo, nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.
7. Os contratos de traballo do alumnado formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, e deberá facerse constar a denominación do proxecto para o cal se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@, marcando a opción específica ET/CO/TE/FD, que figura na epígrafe Datos específicos do contrato. Unha vez indicada esta opción, aparecerá un despregable que permitirá elixir de entre varias opcións a correspondente a Alumno/Traballador.
8. As incidencias e reclamacións que poidan xurdir, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.
Procedemento de selección do persoal formador, directivo e de apoio.
1. A selección do persoal formador, directivo e de apoio que se contrate para a execución do proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada pola entidade promotora do obradoiro mediante o procedemento que considere axeitado e atendendo á normativa vixente, tendo en conta as prioridades do proxecto, os itinerarios formativos e os criterios de igualdade e obxectividade.
2. Na selección do persoal formador, directivo e de apoio poderase empregar a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a convocatoria pública ou ambas.
Así mesmo, as entidades promotoras poderán propoñer a continuidade do persoal contratado anteriormente noutros proxectos xestionados por aquela, incluído o que adquirise a condición de fixo do seu cadro de persoal ou contratado indefinido das entidades beneficiarias, segundo o establecido no artigo 34.2 do Real decreto 818/2021, que regula os programas comúns de activación para o emprego do SNE.
As entidades promotoras poderán imputar ao obradoiro de emprego persoal propio da entidade beneficiaria que estea asignado ao proxecto, persoal contratado laboralmente ou persoal con nomeamento interino para o proxecto.
Os candidatos e as candidatas a docentes, para seren validados, deben cumprir os requisitos dispostos no artigo 168 do Real decreto 659/2023, tanto se a súa proposta procede dun proceso de selección como se se trata da continuidade de persoal contratado anteriormente.
3. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, nos criterios de selección de todo o persoal formador, directivo e de apoio do obradoiro dual de emprego, considerarase a maior adecuación da cualificación ao posto de traballo ofertado como un criterio estratéxico e, polo tanto, prioritario. Estes criterios deberán respectar os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e na instrución da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego que a desenvolva. No caso de que se utilicen criterios de valoración subxectivos e obxectivos deberá facerse de forma independente valorando primeiro os criterios subxectivos e con posterioridade, e despois de facelos públicos, realizarase a valoración obxectiva.
4. As bases reguladoras do proceso de selección do persoal formador, directivo e de apoio do obradoiro dual de emprego aprobadas polas entidades promotoras deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego, así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do obradoiro e, se é o caso, dos concellos asociados.
5. En caso de facer uso da oferta de emprego e/ou da convocatoria pública, corresponderalle á entidade promotora determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, establecer os baremos e, se e o caso, as probas que poidan aplicarse, así como elaborar as convocatorias ou preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procede. As ditas ofertas de emprego serán publicadas no Portal de emprego de Galicia.
A selección definitiva deberá realizarse entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso.
No proceso de selección poderase valorar positivamente que as persoas candidatas completasen na súa totalidade contratos anteriores como docentes en obradoiros de emprego ou programas de emprego para persoas mozas subvencionados pola consellería competente en materia de emprego da Xunta de Galicia.
Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se atopen en situación de desemprego.
6. Rematado o procedemento de selección, a entidade promotora remitirá á oficina de emprego e ao departamento territorial correspondente a documentación xustificativa do procedemento e a relación das persoas seleccionadas como persoal formador, directivo e de apoio. Non se poderá formalizar a súa contratación con anterioridade a que as persoas seleccionadas sexan validadas polo persoal técnico do departamento territorial.
7. A entidade promotora contratará o persoal formador, directivo e de apoio que fose seleccionado de acordo co procedemento establecido a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada tendo en conta o disposto no punto dous da disposición adicional novena da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.
8. En caso de optar por seleccionar o persoal formador, directivo e de apoio empregando unha oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, a entidade promotora deberá informar a oficina correspondente da finalización do proceso selectivo co fin de proceder ao peche da oferta correspondente.
9. As incidencias e reclamacións que poidan xurdir, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.
Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:
a) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicado no correspondente diario oficial, ou mediante certificación expedida para o efecto.
b) Os concellos, as mancomunidades ou calquera outro tipo de asociación dos concellos galegos, así como o resto de entidades a que alude o artigo 3, deberán presentar certificación expedida pola persoa titular da secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración adoptado polo órgano competente e, no caso das agrupacións de concellos, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e o convenio de colaboración asinado entre eles para estes efectos.
O convenio de colaboración deberá reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, a repartición do alumnado-traballador entre as distintas entidades e as actuacións que se realizarán en cada concello. Cada un dos concellos asociados deberá contar, polo menos, cunha persoa alumna-traballadora.
c) No caso dunha asociación de concellos, cada unha das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.
d) Declaración asinada polos representantes de cada unha das entidades asociadas, no caso dunha asociación de concellos, de que se dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda, que se recolle no anexo VI.
e) Declaración responsable, que se recolle no anexo VI, pola que cada un dos concellos asociados, se é o caso, asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o importe que asume no número 6.4 do anexo III.
f) Declaración responsable individual de cada un dos concellos asociados implicados, no caso de agrupación de concellos, en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade asociada ou como promotora (anexo VI).
g) No caso dunha agrupación de concellos, cada unha das entidades asociadas presentará unha declaración responsable en que faga constar que cumpre con todos os requisitos para ser beneficiaria desta axuda, así como as circunstancias indicadas nas alíneas d), e) e f) deste punto (anexo VI).
2. De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros duais de emprego deberán achegar a seguinte documentación:
a) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos contados desde o ano de inicio do programa, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver obradoiros duais forestais, en que abondará co permiso outorgado polo órgano competente das comunidades propietarias de veciños e veciñas para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a 25 anos no caso de obradoiros duais forestais en que non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para a propiedade, sendo abondo cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.
b) Certificado expedido pola persoa titular da secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se é o caso, que faga constar que non son necesarias.
c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado, sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes da fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro, e sempre antes do inicio das actuacións, con obriga do envío aos departamentos territoriais correspondentes da dita documentación.
d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención segundo o modelo que se achega como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 25 páxinas. Esta memoria, que será única aínda no caso de que a solicitude estea presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:
• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.
• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de maneira que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados profesionais (grao C) ou, na súa falta, especificaranse os módulos profesionais da ocupación (grao B), indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos, así como, de ser o caso, as accións formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.
• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.
• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 16 desta orde.
• Datas previstas de comezo e finalización da formación, prácticas profesionais e, se é o caso, os contratos do obradoiro dual de emprego.
• Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión das previsións, o máis concretas posible, de inserción laboral do alumnado-traballador participante ao finalizar a súa participación no proxecto.
e) De ser o caso, compromisos de solicitude de incentivos á contratación por parte de empresas para ocupacións do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo de anexo IV.
f) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación ou documentación acreditativa equivalente. Para obter puntos por esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
g) De ser o caso, declaración responsable da entidade solicitante ou dalgunha das entidades asociadas ao respecto de ter sido afectada por incendios forestais no ano 2025, para os efectos do indicado no artigo 21.1.e).ii desta orde.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I, e achegar os ditos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Compromiso de solicitude de incentivos á contratación(Anexo IV)
- Modelo orientativo da convocatoria de axudas (Anexo V) - Informativo
- Declaración das axudas solicitadas para o mesmo proxecto ou finalidade (Anexo II)
- Declaración responsable de cada unha das entidades asociadas (Anexo VI)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 228 do 25 de novembro de 2025).
-
Extracto da Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 228 do 25 de novembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.
Aberto todo o ano
Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.
Aberto todo o ano
Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción
Aberto todo o ano
Cualificación como empresa de inserción
Aberto todo o ano