Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR352A
Subvención para entidades sen ánimo de lucro que contraten persoas traballadoras desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Concesión de axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada das actuacións desenvolvidas no ano 2025 pola entidade solicitante. A devandita memoria deberá estar dispoñible antes da reunión da Comisión de Avaliación prevista no artigo 13.
As entidades deberán dispoñer polo menos dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta, e no cal se estean a levar a cabo programas de apoio a persoas con discapacidade, dependencia, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, menores, familias ou mulleres en situación de vulnerabilidade. É nese centro ou centros de traballo onde as persoas que se contraten ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolver as súas funcións.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Programas de Cooperación
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545604 / 981544714 / 981957739 / 981544725
Email: programascooperacion.sxe@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
23/07/2026 00:00 - 24/08/2026 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
1. Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.
c) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa dunha duración de nove meses e xornada a tempo completo, ou de doce meses e xornada a tempo parcial do 75 %.
No caso de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, a axuda pode estenderse ata os doce meses a xornada completa, e deberá iniciarse dentro do exercicio 2026.
e) En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica, conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.
f) Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.
Con tal finalidade, cubrirase a declaración responsable que se contén na solicitude, na cal se fará constar que ningunha das persoas que exercen funcións directivas na entidade, a partir da data de publicación da presente orde, nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, van ser contratadas o abeiro da presente subvención.
g) Como norma xeral e tendo en conta a súa natureza e finalidade, estes contratos non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia, de acordo coa Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia. Non obstante, e de existir xustificación suficiente e cando a natureza do posto o permita, o órgano concedente poderá autorizar excepcionalmente a prestación en modalidade mixta.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude con carácter presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/identificate/login).
A entidade deberá indicar no formulario normalizado o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección. Ademais, recoméndase que os CNO solicitados teñan dispoñibilidade de persoas solicitantes de emprego nas comarcas solicitadas ou en comarcas anexas, para o cal se pon á disposición das entidades a listaxe orientativa de persoas solicitantes, coa codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos, na páxina web (https://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html), para que as entidades poidan adaptar a solicitude á dita listaxe.
2. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras, e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.
4. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria, ou acta onde se determine a dita representación, segundo o modelo recollido na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0042.html).
b) Certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, expedido e/ou avalado por un organismo acreditado, segundo o establecido no artigo 14.1.d.1º desta orde, de ser o caso.
c) Informe da Seguridade Social do cadro medio de traballadores en situación de alta, correspondente ao ano 2025.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria con carácter presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
h) Comprobación de subvencións e axudas concedidas.
En relación coas persoas traballadoras:
i) DNI ou NIE da persoa traballadora.
j) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos doce meses.
k) Certificado de inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia.
l) Consulta do contrato de traballo.
Consultaranse os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
m) Condición de muller vítima de violencia de xénero, se é o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 7 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 136 do 22 de xullo de 2026).
-
Extracto da Orde do 7 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 136 do 22 de xullo de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59