Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR349Z
Subvención para organismos intermedios que contraten persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no Marco do programa FSE+GALICIA 2021-2027
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro para a contratación, durante un período mínimo de nove meses, de persoas mozas inscritas como demandantes nos servizos públicos de emprego, e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral
Poderán ser beneficiarios deste programa:
• Os organismos intermedios sen ánimo de lucro que, na data de publicación da presente convocatoria, estean constituídos e inscritos no correspondente rexistro (de asociacións, de clústeres empresariais, de asociacións profesionais de traballadores autónomos, de agrupacións empresariais, etc) e dispoñan de centro de traballo en Galicia (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores, de acordo coas definicións do artigo 5 destas bases reguladoras). Incluiranse dentro destas entidades:
– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.
– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.
– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliadas en Galicia), que representen a un colectivo de empresas galegas.
– Clústeres empresariais.
– Asociacións de persoas autónomas.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Programas de Cooperación
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981545604/ 981957739/ 981957737/ 981544174/ 981544612
Email: programascooperacion.sxe@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
12/06/2026 00:00 - 13/07/2026 23:59
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Requisitos xerais dos servizos que se prestarán polas entidades beneficiarias
Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitarlles ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo en tarefas relacionadas cos fins das entidades beneficiarias (tanto entidades locais como organismos intermedios), que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia europea (entenderase por actividade económica calquera actividade consistente na subministración de bens ou servizos nun mercado determinado), e deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas cos fins da entidade beneficiaria, sexa como mínimo de 9 meses e a xornada a tempo completo, ao ser esa a duración e a xornada máxima subvencionable.
d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao amparo desta orde, de ser o caso.
Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
As entidades solicitantes deberán indicar no formulario normalizado (anexo I.B), o grupo de cotización a que pertencen as persoas mozas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas mozas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección, debendo existir coherencia entre o CNO solicitado e o grupo de cotización.
Para os efectos orientativos, as entidades solicitantes teñen á súa disposición a páxina web: https://emprego.xunta.gal/gl/buscador-de-ocupacions-mais-demandadas, na cal poden consultar o número de persoas mozas (garantía xuvenil), con dispoñibilidade para o emprego por concello, provincia, comarca ou en toda Galicia.
2. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
4. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
Documentación complementaria
1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I.B), deberá anexarse a seguinte documentación:
– Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación do organismo intermedio, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido pola persoa secretaria, ou acta onde se determine a dita representación. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os ditos documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o organismo intermedio interesado se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF do organismo intermedio solicitante.
c) Código conta de cotización.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia tributaria de Galicia.
f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de pertenza da entidade a un parque científico ou tecnolóxico, se é o caso.
j) Consulta de acreditación de que a entidade ten carácter sectorial, de ámbito autonómico ou superior, se é o caso.
k) Consulta de inscrición da entidade no rexistro de centros tecnolóxicos, se é o caso.
l) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
m) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada, dos últimos 12 meses.
n) Certificado de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, nas datas de referencia (selección e contratación).
ñ) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
o) Inscrición como beneficiaria no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil nas datas de referencia (selección e contratación).
2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración coas entidades locais e cos organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 108 do 11 de xuño de 2026).
-
Extracto da Orde do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración coas entidades locais e cos organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 108 do 11 de xuño de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)
Aberto todo o ano
Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59
Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).
Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59