Guía de procedementos e servizos

TR341E

Programa de axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 30/05/2025 00:00 - 30/06/2025 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

En concreto, esta liña de axudas está destinada a subvencionar a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas no título II desta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV do título II desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.

En todo caso, para o pagamento das axudas será necesario acreditar a dita cualificación e a inscrición da entidade e dos centros de traballo no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a condición de CEE de iniciativa social cando cumpra.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas neste título:

a) As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

Entenderanse por servizos de axuste persoal e social os que permitan axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos CEE teñan no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como na permanencia e progresión nel.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de teren unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Subdirección Xeral de Economía Social

Servizo de Fomento do Emprego en Economía Social

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545294 / 981957727

Fax: 981544678

Email: integracion.laboral.emprego@xunta.gal

https://conselleriaemprego.xunta.gal/es/axudas-subvencions

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

30/05/2025 00:00 - 30/06/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, a contar desde o oitavo día hábil seguinte ao da súa publicación no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do oitavo día hábil ao da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

1. Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición. Subvencionarase:

• A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.

• A transformación en indefinidos dos contratos temporais.

2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións como o gasto subvencionable deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria. Os contratos deben cumprir coa legalidade vixente e, no caso dos contratos fixo-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima de seis (6) meses ao ano. No caso de que os contratos se celebren a tempo parcial, para que sexan subvencionables deberán celebrarse por un mínimo do 25% da xornada a tempo completo.

3. O número de postos máximos subvencionables calcularase en función do ano de creación do CEE, da seguinte maneira:

• Durante os cinco primeiros anos desde a creación do CEE: será subvencionable un máximo de 7 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

• A partir do sexto ano: será subvencionable un máximo de 5 postos de traballo de carácter estable por centro especial de emprego.

4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE que soliciten as axudas recollidas neste artigo deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira, e supoñer a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto, que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.

Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento neto do persoal fixo das persoas traballadoras con discapacidade da entidade beneficiaria. Para calcular o devandito incremento, tomarase como referencia o cadro medio de persoas traballadoras en alta durante os trinta días naturais anteriores á celebración do contrato. Este novo nivel de emprego estable alcanzado debe manterse durante un período mínimo de dous (2) anos, non computándose para o cálculo as variacións que se produzan como consecuencia da renuncia voluntaria, do recoñecemento da incapacidade laboral permanente total ou absoluta ou gran invalidez, da xubilación, da baixa por defunción, das modificacións por redución voluntaria do tempo de traballo ou polo despedimento disciplinario procedente, así como, no caso de subrogacións, polas causas legalmente estipuladas. Tamén quedarán excluídas do cómputo aquelas persoas traballadoras con discapacidade que transitasen á empresa ordinaria.

Solicitudes

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nesta orde. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se publicarán con cada convocatoria de axudas como anexos I, II, III, IV-A, IV-B, XI e XII (segundo o tipo de axuda de que se trate) e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán anexar coa solicitude a documentación complementaria sinalada para cada un dos programas de axudas definidos nestas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou ditos documentos, que serán solicitados de forma electrónica a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a enmiende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento esíxao ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación dos mesmos de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Documentación complementaria especifica.

1. As persoas interesadas deberán anexar coa solicitude das axudas recollidas neste programa a seguinte documentación complementaria común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Orzamento detallado do gasto, conforme ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, debidamente asinado pola persoa representante do CEE, cun calendario de execución.

c) Orzamento detallado do gasto, indicado no parágrafo anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Documentos relacionados nos apartados b) e c). Segundo o tipo de axuda solicitada, achegaranse orzamentos, facturas proforma ou documentos que acrediten os custos salariais (incluídos os de Seguridade Social).

e) As tres ofertas e as memorias mencionadas no artigo 45, epígrafes 5 e 6, no seu caso.

f) Declaración responsable segundo o modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, na que se especificará o convenio colectivo de aplicación, así como que o CEE cumpre no pago dos salarios tanto co convenio de aplicación como co SMI aplicable en cada momento.

2. Documentación complementaria específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo:

a) De celebrarse os contratos polos que se solicita a subvención: Declaración responsable conforme ao modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, na que conste o persoal medio de traballadores en alta do CEE, en todos os seus códigos de conta de cotización, nos trinta (30) días naturais anteriores á celebración dos contratos polos que se solicita a subvención, desagregada segundo tipo de contrato, diferenciando entre traballadores con e sen discapacidade, e incluíndo información de altas e baixas producidas durante o período. Ademáis, Informe de Persoal Medio de Traballadores en Alta expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social dos trinta (30) días naturais anteriores á celebración dos contratos polos que se solicita a subvención, e Informe de Persoal Medio de Traballadores en Alta correspondente aos sete (7) días posteriores á celebración do contrato. No caso de que durante o período dos trinta (30) días naturais anteriores á celebración dos contratos producíronse baixas de traballadores con discapacidade con contratos indefinidos, o CEE deberá presentar igualmente documento xustificativo de ditas baixas, ofrecendo os datos anonimizados, mediante número de seguridade social do traballador que causase baixa.

b) Relación certificada das novas persoas con discapacidade contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, segundo o modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE. De non terse celebrado os contratos, relación certificada do compromiso de contratación polo que se pide subvención segundo o modelo que consta na páxina https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

c) A certificación indicada no apartado b) anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Plan de investimentos en activo fixo e xustificación da súa necesidade para a creación dos postos.

e) Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

f) Anexo V: autorización para o tratamento de datos das novas persoas con discapacidade contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, que terá validez para todas as fases da subvención e durante todo o período subvencionable.

g) Certificación de discapacidade das persoas polas que se solicita a subvención recoñecida fóra de Galicia, no seu caso.

h) De terse celebrado os contratos polos que se solicita a subvención, e no caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas no artigo 46.6. regra 2ª, deberá acreditarse, cando cumpra, as circunstancias de:

1º. Persoa emigrante retornada, mediante certificado expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vínculo con esta.

2º. Persoa trans, mediante a documentación xustificativa de obter ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

3º. Situación ou risco de exclusión social, mediante certificado en que conste dita situación ou risco.

Comprobación de datos.

1.Para a tramitación dos procedementos regulados neste título consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada opóñase á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao corrente nas súas obrigacións coa Seguridade Social a persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao corrente nas súas obrigacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao corrente nas súas obrigacións coa Axencia Estatal Tributaria a persoa solicitante.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, no seu caso.

k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas que se solicita a subvención e/o das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, no seu caso.

l) Informe da vida laboral das persoas polas que se solicita a subvención e/o das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, no seu caso.

m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas que se solicita a subvención e/o ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, no seu caso.

n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, no seu caso.

o) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas que se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

p) Titulacións universitarias/non universitarias.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 95 do 20 de maio de 2025).

    • Extracto da Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 95 do 20 de maio de 2025).

    • Corrección de erros. Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 115 do 18 de xuño de 2025).

    • Orde do 12 de novembro de 2025 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 224 do 19 de novembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR301L

Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano