Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR340E
Incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Subdirección Xeral de Emprego
Servizo de Emprego por Conta Allea
San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544610/ 981957731
Fax: 981957748
Email: secretaria-xeral.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
10/04/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.
2. Para poder acceder ás distintas modalidades de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.
3. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Tampouco poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias as solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no formulario normalizado dispoñible (anexo I).
Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, e serán válidas unicamente as solicitudes que se presenten no modelo establecido.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria.
1. As solicitudes deberán presentarse no formulario normalizado (anexo I) que figura como anexo desta orde, e deberán ir acompañadas da documentación, común e específica, que se relaciona nos números 2 e 3 do artigo 15 desta Orde.
2. Documentación xeral para todas as axudas:
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas, cando se trate de persoa xurídica.
3. Documentación específica:
a) Subvención á creación directa de emprego estable:
I. Documentación acreditativa da exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia, da persoa traballadora contratada.
II. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.
III. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.
IV. Documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao rexistrado ao nacer, no caso de solicitar o incremento por persoa trans.
V. No caso de que as persoas traballadoras se opuxesen á comprobación de datos, documentos acreditativos das condicións necesarias para que o contrato sexa subvencionable.
b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:
Facturas ou outros documentos acreditativos e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.
c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
I. Libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, co nome das persoas titulares da familia e dos fillos e das fillas menores de doce anos. De ser o caso, documentos acreditativos do carácter monoparental da familia.
II. No caso de axuda por coidado de maiores de 70 anos e/ou dependencia ou discapacidade, certificación da acreditación do grao de parentesco e acreditación do empadroamento no mesmo enderezo.
III. Facturas e/ou recibos de haberes ou outros documentos acreditativos do gasto e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, das mensualidades xa aboadas na data da solicitude. Na súa falta, orzamentos, facturas pro forma ou outros documentos acreditativos do custo da mensualidade, da gardaría e/ou do centro especializado ou da persoa coidadora que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.
d) Subvención ao apoio á función xerencial:
Facturas, contratos ou outros documentos acreditativos da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe e o correspondente xustificante bancario do seu pagamento. Na súa falta, orzamento, factura pro forma ou outro documento acreditativo en que conste a previsión do custo que se terá en conta para o cálculo da subvención.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade solicitante ou representante.
c) Alta no IAE.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria de Galicia.
f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta do código da conta de cotización.
h) Consulta de concesión pola regra de minimis.
i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.
k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
l) Titulación universitaria da persoa traballadora contratada.
m) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia da persoa traballadora contratada.
n) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.
ñ) Contrato laboral da persoa traballadora contratada.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.
b) Consulta de datos de residencia con data de última variación no padrón da persoa traballadora contratada.
c) Certificado de prestacións sociais públicas da persoa traballadora contratada.
3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
5. A persoa solicitante asinará, na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo IV. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola que se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farao constar na dita declaración responsable e, consecuentemente, presentará os documentos que os acrediten.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 25 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 69 do 9 de abril de 2024).
-
Extracto da Orde do 25 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 69 do 9 de abril de 2024).
-
Resolución do 31 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.
Aberto todo o ano
Accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade.
Aberto todo o ano
Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas.
Aberto todo o ano
Cualificación iniciativas de emprego.
Aberto todo o ano