Guía de procedementos e servizos

PR471A

Admisión ao curso para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 30/12/2025 00:00 - 04/01/2027 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Que é e para que serve

O obxecto do procedemento é a realización dun curso de formación para habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recretativas.

Quen pode solicitalo

Este curso vai destinado ás persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público no que se realicen.

Requisitos

Os requisitos para participar neste curso son os seguintes:

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.

c) Carecer de antecedentes penais.

d) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4 do Decreto 48/2021, do 11 de marzo.

Cando se pode solicitar

Prazo de presentación: ABERTO

30/12/2025 00:00 - 04/01/2027 23:59

O prazo para a presentación das devanditas solicitudes, vinculada co procedemento PR471A, abrirase ao día seguinte de que se publique esta resolución no DOG e permanecerá aberto ata o día 4 de xaneiro de 2027.

As solicitudes para unha edición concreta do curso admitiranse ata como máximo 10 días hábiles antes da realización da dita edición do curso, segundo o calendario das edicións do curso para o ano 2026, que se publica como anexo II a esta resolución.

Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a Agasp programará a súa realización e publicará na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e as excluídas en cada edición que se realice e, ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e un sms, indicándolles toda a información relativa ao curso (a data de realización e o horario).

Como se tramita

Podes presentar esta solicitude de dous xeitos:

  • Por internet, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Presencialmente, nunha oficina de rexistro ou noutros lugares autorizados.

Se pertences a algún destes grupos, tes que presentar a solicitude electronicamente:

  • Persoas xurídicas.
  • Entidades sen personalidade xurídica.
  • Profesionais que deban estar colexiados para exercer a súa actividade.
  • Empregados públicos, cando realicen un trámite por razón da súa condición de empregado público.
  • Traballadores e traballadoras autónomos.
  • Estudantes universitarios.
  • Persoas que representen a calquera dos grupos anteriores.

Tramitar en liña

A solicitude pódela presentar electronicamente a través do botón “Tramitar en liña” dispoñible nesta páxina. 

Para presentar a solicitude en liña:

  • Pulsa o botón «Tramitar en liña» desta páxina.
  • Identifícate electronicamente.
  • Firma a solicitude cun sistema de sinatura electrónica admitido.

Podes consultar os sistemas de identificación e firma admitidos na sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón.

Tramitar presencialmente

Se non estas obrigado a presentar a solicitude electronicamente podes facelo de forma presencial.

Podes presentar a solicitude en:

  • As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia.
  • As oficinas de rexistro doutras administracións públicas, como os concellos.
  • As oficinas de Correos.
  • As embaixadas e os consulados de España no estranxeiro.
  • Outros lugares autorizados na normativa reguladora do procedemento.

As oficinas de asistencia en materia de rexistro da Xunta de Galicia pódelas consultar en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se prefires que te atendan a unha hora concreta, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Que documentación hai que presentar

A documentación que debes presentar depende do tipo de solicitude que realices.

A Administración poderá comprobar automaticamente algúns datos necesarios para a tramitación.

Se non pode comprobalos, indicarémosche que documentos debes achegar.

Nalgúns casos, terás que completar e presentar formularios adicionais, chamados anexos.

Podes descargalos desde a ligazón que aparece xunto ao nome de cada formulario.

Documentación

Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal que figura como anexo I (código de procedemento PR471A).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

As persoas interesadas na realización do curso de formación deberán achegar coa solicitude o certificado de aptitude psicolóxica. Este certificado poderá ser expedido por un centro médico-psicotécnico debidamente autorizado consonte o disposto no Real decreto 170/2010, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de centros de recoñecemento destinados a verificar as aptitudes psicofísicas dos condutores, ou por persoal colexiado coa titulación de Psicoloxía ou Medicina.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos devanditos datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os referidos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Que vai pasar despois de que o presente

Como podes consultar ou realizar trámites despois de presentar a solicitude?

Unha vez que presentes a solicitude e se inicie o expediente (conxunto de documentos e actuacións relacionados coa túa solicitude), podes realizar trámites electrónicos a través da Carpeta cidadá (espazo privado onde podes consultar as túas xestións coa Administración) na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde a Carpeta cidadá podes:

  • Consultar o estado do teu expediente.
  • Acceder á documentación.
  • Realizar os trámites que estean dispoñibles.


Se non estás obrigado a relacionarte electronicamente coa Administración, tamén podes realizar estes trámites de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (oficinas onde podes presentar documentos e recibir axuda para os teus trámites). 

Podes consultar a localización destas oficinas en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/oficinas-de-atencion 

Nestas oficinas non é necesario solicitar cita previa. 

Se desexas garantir a túa atención nunha hora determinada, solicita cita previa en: 

https://012.xunta.gal/servizos-destacados/cita-previa

Onde obter máis información

Podes obter máis información chamando ao teléfono 012 ou ao 981 900 643, servizo de información da Xunta de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Avda. da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886 206 116/ 886 206 109

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal

Órgano responsable

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Normativa
    Ámbito Autonómico
    • Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen (DOG nº 56 do 24 de marzo de 2021). Ligazón á normativa

    • Resolución do 19 de decembro de 2025 pola que se fixan os criterios reguladores do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas durante o ano 2026, e se convoca a súa realización (DOG nº 250 do 29 de decembro de 2025). Ligazón á normativa

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR468A

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal colaborador.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR469C

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal voluntario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR470A

Rexistro de Protección Civil: sección de entidades colaboradoras.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano