Guía de procedementos e servizos

PR461C

Inscrición no proceso de acceso por promoción interna, categoría de oficial de Policia Local.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

Cubrir  mediante proceso de acceso por promoción interna prazas dos corpos de Policía Local, categoría de oficial, escala básica que se detallan no Anexo III que regula esta convocatoria.

Funcionarias e funcionarios de carreira aspirantes á categoría de oficial dos corpos de Policía Local.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Secretaría Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

Servizo de Coordinación, Planificación e Selección

Rúa da Cultura, s/n

36680  Estrada, A  (Pontevedra)

Teléfono: 886206127

Email: seleccion.agasp@xunta.gal

https://agasp.xunta.gal/es

Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

Segundo a publicación no BOE da Resolución do 24 de novembro de 2025, ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes de vinte (20) días hábiles.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns oficiais das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

a) Ter nacionalidade española.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para acceder á condición de funcionario do subgrupo C1, conforme a normativa de función pública (bacharelato, técnico ou equivalente).

Para os efectos de equivalencia da titulación, haberá que aterse ao disposto na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario de que a persoa fose separada ou inhabilitada.

Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser persoal funcionario de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de policía local no concello no que se pretende promocionar.

h) Estar en servizo activo na categoría de policía local no corpo de policía do concello no que se pretende promocionar.

i) Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de policía. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.

  • Inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos ( 30.03.04)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

Solicitude

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude é o anexo I desta orde (código de procedemento PR461C).

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o enunciado do primeiro exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

Taxas

1. Aboamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacción reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

O pagamento da taxa poderá facerse:

a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria do titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).

b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13.

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19.

Taxa: denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos Corpos da Policía Local de Galicia. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente ou a falta de xustificación desta, en prazo, determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación do xustificante do aboamento das taxas non supoñerá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

2. Exención e bonificación no aboamento da taxa. Sempre que se cumpra o resto de requisitos.

a) Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

– Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– Persoas membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:

– Persoas membros de familias numerosas de categoría xeral.

– Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.

Documentación que hai que presentar para participar no proceso.

a) Solicitude (anexo I) debidamente cuberta e asinada (código de procedemento PR461C).

b) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04 dentro do prazo establecido, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente, dado que o xustificante da taxa se xeraría de forma automática ao realizar o pagamento na sede electrónica.

c) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o devandito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

d) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

e) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

f) Relación dos méritos que se acrediten, por cada un dos puntos de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo IV.

g) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados, que deberá presentarse na orde en que figura cada un dos méritos na relación de méritos citada no punto anterior.

h) Certificado acreditativo de cumprir os requisitos recollidos nesta convocatoria nos puntos 2.1.g), 2.1.h) e 2.1.i):

– Ser persoal funcionario de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de policía local no concello en que se pretende promocionar.

– Estar en servizo activo na categoría de policía local no corpo de policía do concello en que se pretende promocionar.

– Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de policía. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.

i) Documentación acreditativa da representación.

Comprobación de datos

Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

Comúns aos dous procedementos: promoción interna (PR461C) e mobilidade (PR461H):

a) DNI da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais non universitarios.

d) Títulos oficiais universitarios.

f) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Titulo de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.

Nos dous procedementos (promoción interna e mobilidade), no caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Ley 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locales (DOG nº 85 del 3 de mayo de 2007).

    • Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos de policías locais, para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada. (DOG nº 22 do 2 de febreiro de 2009)

    • Decreto 115/2017, de 17 de noviembre, por el que se regula la cooperación de la Administración general de la Comunidad Autónoma de Galicia con los ayuntamientos en la selección de los miembros de los cuerpos de policía local, vigilantes municipales y auxiliares de policía local (DOG nº 222 del 22 de noviembre de 2017).

    • Decreto 15/2023, de 12 de enero, por el que se desarrolla la Ley 4/2007, de 20 de abril, de coordinación de policías locales.

    • Orde do 24 de outubro de 2025 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461C) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461H) nos corpos de Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial (DOG nº 213 do 04 de novembro de 2025).

    • Orde do 21 de novembro de 2025 pola que se modifica a Orde do 24 de outubro de 2025 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461C) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461H) nos corpos de Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de oficial (DOG nº 227 do 24 de novembro de 2025).

    • Resolución do 4 de novembro de 2025, da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se publica a convocatoria do proceso selectivo de acceso por promoción interna e proceso de provisión por mobilidade nos corpos de Policía Local de Galicia, escala Básica, categoría de Oficial (BOE núm. 270, do 10 de novembro de 2025)

    • Resolución do 24 de novembro de 2025, da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se publica a modificación da convocatoria do proceso selectivo para acceso por promoción interna e proceso de provisión por mobilidade nos Corpos de Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de Oficial (BOE núm. 290, do 3 de decembro de 2025)

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR461H

Inscrición no proceso de provisión por mobilidade, categoría de oficial de Policía local.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/11/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR467A

Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR468A

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal colaborador.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano