Guía de procedementos e servizos

PL500D

Bolsas de formación para proxectos de investigación no centro 'Ramón Piñeiro' para a Investigación en Humanidades.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 23/06/2026 00:00 - 22/07/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

A convocatoria do concurso público de once bolsas de formación en proxectos de investigación dirixida a persoas licenciadas ou diplomadas, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora, nos proxectos de investigación concretos que se sinalan na convocatoria.

Serán as destinatarias destas bolsas as persoas  graduadas universitarias nas titulacións exixidas nos distintos proxectos de investigación.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Secretaría Xeral da Lingua

Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Rúa San Roque, nº 2

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996136

Email: crpih@cirp.gal

https://www.cirp.gal/

Secretaría Xeral da Lingua
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

23/06/2026 00:00 - 22/07/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Poderán solicitar estas bolsas as persoas graduadas universitarias que non incorran en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos de cada proxecto, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario exixido no proxecto para o que presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no curso académico 2007/08 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega co Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión da titulación en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non ter sido beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou de contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

As persoas solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas, e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro de 2003), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET), e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Solicitudes

1. Debido á capacidade técnica das persoas físicas a que van dirixidas estas bolsas, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos recursos electrónicos necesarios para se relacionaren por este medio co sector público autonómico e realizaren todos os trámites electronicamente neste procedemento.

Así, de conformidade co artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos, polo que as solicitudes deben ser presentadas a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Certificación académica oficial completa (non extracto do expediente virtual), en que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.

c) Currículo, acompañado da documentación que acredite os méritos que desexe alegar.

d) Certificado do coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou equivalente, non expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberase indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselles solicitar novamente a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante, da persoa representante ou NIF da entidade representante.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Certificados do coñecemento da lingua galega, Celga 4 cando sexan expedidos pola Secretaría Xeral da Lingua.

d) Títulos oficiais non universitarios.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos ditos documentos.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, poderán ser requiridas para que, nun prazo de dez días, emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante a publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (www.cirp.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 8 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2026, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (DOG nº 115 do 22 de xuño de 2026).

    • Extracto da Orde do 8 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público, correspondente ao ano 2026, de once bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (DOG nº 115 do 22 de xuño de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PL500E

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/05/2026 00:00 - 29/06/2026 23:59

PL500F

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/05/2026 00:00 - 29/06/2026 23:59

PL500A

Axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios

Tramitar en liña

Prazo pechado: 14/01/2026 00:00 - 13/02/2026 23:59

PL500B

Axudas para os proxectos de fomento do uso do Galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de Niveis Universitarios

Tramitar en liña

Prazo pechado: 14/01/2026 00:00 - 13/02/2026 23:59