Guía de procedementos e servizos

PL400B

Subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 23/04/2026 00:00 - 22/05/2026 23:59

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Sobre o procedemento

Axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios, segundo establece a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Poderán solicitar estas subvencións

As empresas mercantís do sector editorial que elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto desta orde, sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que, estando legalmente constituídas, cumpran os requisitos establecidos nestas bases. Ademais, non deberán estar incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin incumprir os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, de medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Xunta de Galicia

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Secretaría Xeral da Lingua

Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística

Rúa San Roque, 2

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996331 / 881996325

Email: sxpl.subvencions@xunta.gal

https://www.lingua.gal/

Secretaría Xeral da Lingua
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

23/04/2026 00:00 - 22/05/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Considerarase último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo for inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

1. As empresas solicitantes deberán dispor dun departamento de edición na Comunidade Autónoma de Galicia, na epígrafe «edición de libros», que acreditarán coa copia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Os materiais ou proxectos propostos deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do día 12 de xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que, cando menos, o 50 % da proposta se realice en lingua galega e nos cales as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego, única lingua que se terá en conta para a valoración e subvención correspondente destas publicacións.

– Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible, a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

– Os materiais terán que estar destinados á venda e haberá que acreditar o correspondente número de ISBN e a referencia do depósito legal definitivo, este requisito non será necesario para as obras en formato electrónico ou noutros soportes análogos ou similares. De ser o caso, o depósito legal terá unha data posterior ao 31 de decembro de 2024. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal (anexo I).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude (anexo I) remitirase a seguinte documentación:

1.1. Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, que será:

• Se a empresa fose unha persoa xurídica, a copia da escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional, e de modificación, se é o caso, inscrita no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose exixible conforme a lexislación que lle fose aplicable.

1.2. Xustificación da representación con que actúa a persoa asinante da solicitude:

• Cando a persoa asinante da solicitude actúe no nome dunha persoa xurídica, a copia dos estatutos ou dos acordos sociais dos cales se deduza a antedita representación, ou do poder notarial correspondente, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, agás que a persoa representante presente a solicitude cun certificado dixital de representación. Neste caso, non será necesario presentar a devandita documentación se o certificado utilizado está vixente e non expirou o límite temporal de 2 anos desde a súa expedición.

1.3. Copia do último recibo do imposto de actividades económicas onde consta que a empresa editorial dispón dunha sede na Comunidade Autónoma de Galicia na epígrafe de «edición de libros».

1.4. Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado, se o houbese, coa persoa autora ou tradutora da obra, que respectará o establecido no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

1.5. Un exemplar completo da maqueta definitiva para os recursos didácticos en formato presencial e, no caso dos de soporte informático e recursos multimedia ou electrónicos, o contido definitivo das obras para as que se solicita a subvención ou ben os guións e as imaxes cando se trate de vídeos didácticos.

1.6. No caso de que as obras estean xa editadas, achegarase un exemplar de cada título e, nas publicacións electrónicas, a clave para a súa lectura, con todos os manuais e o software que as acompañe. De ser o caso, deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2024. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.

1.7. Unha certificación da persoa que posúa a condición de editora pola que se compromete a ter editada, se non o estivese, a obra subvencionable o día 1 de setembro de 2026 como data límite (anexo III).

1.8. Unha certificación do importe que se solicita, desagregado por conceptos, referido ao orzamento do custo de execución da obra, no cal, ademais, deberá constar expresamente a tiraxe de exemplares. No caso das publicacións electrónicas, cando non exista ningún soporte tanxible, achegarase unha estimación das licenzas que se prevé comercializar.

1.9. Deberá achegarse unha descrición da obra para a cal se solicita a subvención (anexo II ).

1.10. Unha memoria explicativa na cal se recollan as características técnicas, a temporalización da edición e as persoas destinatarias.

2. Ademais da documentación indicada nos puntos 1.1 a 1.10 deste artigo, a persoa solicitante deberá xuntar unha declaración e indicar se solicitou ou non axudas para este mesmo proxecto, e en caso afirmativo, declarar cales foron e, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, tamén deberá indicar nela o conxunto de todas as axudas de minimis recibidas durante os tres anos previos, suxeitas ao citado regulamento ou a outros regulamentos de minimis.

Esta declaración atópase incluída no anexo I e, na súa virtude, comprométese, igualmente, a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña en réxime de minimis doutras administracións públicas e doutros entes públicos nacionais e internacionais a partir da declaración inicial contida no referido anexo.

A aplicación do Regulamento (UE) núm. 2023/2831 implica que a empresa beneficiaria, como única empresa, de conformidade coa definición outorgada no artigo 2.2 daquel, non pode percibir axudas de minimis procedentes de administracións ou entidades públicas ou privadas financiadas con cargo aos orzamentos públicos por un importe superior a 300.000,00 € durante os tres anos previos á data de concesión desta subvención.

3. As publicacións trimestralizadas consideraranse como un único proxecto subvencionable. Tratarase igualmente a edición de cadernos, separatas, unidades didácticas e demais publicacións que se precise adquirir conxunta ou separadamente co libro de texto durante o mesmo curso académico, e que se precisen para desenvolver o currículo. Polo tanto, terán que se presentar como unha soa solicitude de subvención.

4. Así mesmo, cando unha empresa editorial presente varias solicitudes da mesma obra ou publicación, en distintos soportes e/ou formatos, considerarase como un proxecto global e concederáselles unha única subvención, que determinará a aplicación dos criterios de valoración e concesión ao conxunto de todos os formatos ou soportes en que se achegue a obra subvencionable.

5. A documentación especificada nos puntos 1.1 a 1.3 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de achegar varias solicitudes de subvención.

6. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos recursos didácticos curriculares e complementarios subvencionables no modelo de solicitude que figura como anexo I, xunto coa documentación e no prazo establecido, e achegar a documentación correspondente aos puntos 1.1 a 1.3 para a primeira solicitude e, de ser o caso, os documentos dos puntos 1.4 ao 1.10 para as sucesivas.

7. Desestimaranse as solicitudes que non se axusten estritamente aos requisitos das epígrafes anteriores e os expedientes arquivaranse sen máis trámite.

8. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

9. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

10. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

11. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. Se a solicitude non cumpre os requisitos dos puntos anteriores ou non reúne os datos de identificación ou algún dos aspectos previstos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a entidade ou o solicitante, de conformidade co establecido no artigo 68 da dita lei, para que nun prazo de dez días emende as faltas ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, cos efectos previstos no artigo 21 da mesma lei.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se é persoa física.

b) Se é o caso, NIF da entidade representante. DNI ou NIE se é persoa física.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

g) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Ley 3/1983, de 15 de junio, de normalización lingüística.

    • Orde do 7 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 74 do 22 de abril de 2026).

    • Extracto da Orde do 7 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 74 do 22 de abril de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

ED104H

Cursos preparatorios para os certificados en língua galega, Celga, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Prazo pechado: 20/08/2016 00:00 - 02/01/2017 23:59

ED106A

Subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 12/05/2018 00:00 - 11/06/2018 23:59

PL400A

Subvencións ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega

Tramitar en liña

Prazo pechado: 08/04/2026 00:00 - 07/05/2026 23:59