Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
PE205G - Axudas a proxectos innovadores no sector extractivo
Esta orde ten por obxecto a convocatoria para o ano 2022 e establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á realización de proxectos innovadores no sector extractivo, incluída a transformación e comercialización e tamén operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños, co fin de fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.
As axudas terán como finalidade:
Proxectos innovadores; entenderase por tales os que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir produtos e equipamentos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos ou técnicas novas ou perfeccionadas ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados no sector extractivo, tamén na transformación e comercialización (procedemento: PE205G).
1. Poderán ser beneficiarios:
a) Propietarios de buques pesqueiros.
b) Organizacións ou asociacións dos anteriores, incluídas as confrarías de pescadores.
2. Cómpre a colaboración dun organismo científico ou técnico segundo o artigo 2, letra a), punto I) desta orde, que desenvolverá as operacións e validará o resultado destas. Para iso deberá existir un contrato ou acordo de asociación/cooperación onde exista unha clara distribución de tarefas e responsabilidades deste último, para validar os resultados da operación.
O organismo científico ou técnico deberá ser adecuado segundo a finalidade do proxecto. Cando se considere que o organismo non é o axeitado, requirirase para que o solicitante presente outro no prazo de dez días hábiles.
3. Cando a asociación ou organización pesqueira dispoña, dentro da súa organización, de unidades que se dediquen ao I+D+i e sexan estas participantes no proxecto, só poderá encargarse ao organismo científico ata o 50 % do investimento máximo subvencionable e, se é o caso, do importe xustificado polo beneficiario.
Requisitos xerais
1. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde, e non poderán estar finalizados nin pagados antes da data de presentación da solicitude.
2. O investimento non poderá aumentar a capacidade de pesca do buque nin o equipamento aumentar a capacidade de detectar peixe.
3. A persoa solicitante non pode estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A persoa solicitante debe atoparse ao corrente no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. A persoa solicitante non pode ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.
6. A persoa solicitante non pode ter cometido infracción grave:
– Da PPC definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.
– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.
7. No marco do FEP ou FEMP, a persoa solicitante non pode ter sido declarada culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).
8. A persoa solicitante non pode estar nin ter estado involucrada, nos últimos 24 meses, na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
9. A persoa solicitante debe atoparse en posesión de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
10. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, a persoa solicitante debe estar ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
11. Coa solicitude xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 3 a 10 deste artigo.
Requisitos específicos
1. Se o solicitante é un propietario dun buque pesqueiro:
– O buque ten que estar na 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e Empresas Navieiras.
– Ter o seu porto base na Comunidade Autónoma galega e estar de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.
– Constituír un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.
2. Se o solicitante é unha organización ou asociación dos anteriores debe ser de ámbito autonómico.
Xunta de Galicia
Consellería do Mar
Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria
Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981540099
Email: sxmar.cmrm@xunta.gal
Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).
Corrección de erros.-Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 218 do 11 de novembro de 1999).
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121 do 25 de xuño de 2007).
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20 do 29 de xaneiro de 2009).
Corrección de erros. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 61 do 30 de marzo de 2009).
Lei 3/2009, do 23 de xuño, pola que se modifica o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 126 do 30 de xuño de 2009).
Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG nº 30 do 15 de febreiro de 2016).
Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases e se regulan os procedementos para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2022, tramitados como expedientes anticipados de gasto (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases e se regulan os procedementos para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2022, tramitados como expedientes anticipados de gasto (DOG nº 17 do 26 de xaneiro de 2022).
Resolución do 16 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se dá publicidade das axudas concedidas correspondentes á convocatoria do exercicio 2022. (DOG nº 21 do 31 de xaneiro de 2023).
Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.
Reglamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os Reglamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Reglamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.
Prazo de presentación: PECHADO
27/01/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59
Para esta convocatoria de 2022 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Segundo o tipo de axuda que se solicite: anexo I.A de solicitude de axudas a proxectos innovadores no sector extractivo, código de procedemento (PE205G); anexo I.B de solicitude de axudas a operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños, código de procedemento (PE205H).
De conformidade do artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Os interesados poderán actuar por medio de representante para os efectos de presentación da solicitude; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo XI da presente orde.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Anexo II. Ficha-resumo do proxecto.
– Segundo o tipo de axuda, anexo de indicadores FEMP: anexo III.A de axudas a proxectos innovadores no sector extractivo ou anexo III.B de axudas a operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños.
– Anexo IV. Memoria resumo da persoa solicitante.
– Anexo V. Custo do proxecto, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos. Indicaranse as facturas pro forma, se é o caso.
– Anexo VI. Memoria de colaboración do organismo científico/técnico: memoria do proxecto ou operación innovadora respecto da colaboración realizada, asinada polo organismo científico, que conteña, polo menos: obxecto do proxecto ou operación, descrición detallada do proxecto ou operación indicando duración e fases, metodoloxía, responsable, resultados esperados e plan de difusión de resultados. Tamén se incluirá a descrición do proceso de validación dos resultados e o seu responsable. Ademais, terá que constar en detalle o custo da colaboración.
A memoria deberá avaliar a viabilidade técnica do proxecto.
– Anexo VII. Compromiso do organismo científico ou técnico que colabora na realización, validación dos resultados do proxecto e autorización para a exposición pública destes.
– Anexo VIII. Currículo do persoal do organismo científico ou técnico que colabora na realización do proxecto/operación e na súa validación.
– Anexo IX.1. Pluralidade de persoas físicas, se é o caso.
– Anexo IX.2. Agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.
– Anexo XI. Nomeamento de representantes para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.
– Anexo XIII. Compromiso de contratación de persoal especificamente para a realización do proxecto, se é o caso.
– Anexo XV.1, declaración relativa á condición de peme de persoa/s física/s solicitante/s.
– Anexo XV.2, declaración relativa á condición de peme de persoas xurídicas.
– Anexo XV.3, declaración de persoa física partícipe en persoa xurídica.
– Anexo XVI, declaración responsable de non inicio do investimento, se é o caso.
2. A documentación complementaria está formada por:
I) Se o solicitante é unha persoa física:
a) Declaración da renda da persoa solicitante dos dous últimos exercicios económicos pechados para os que se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.
II) Se o solicitante é unha persoa xurídica:
a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.
b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.
c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais, depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso. Certificación actualizada do rexistro correspondente das contas anuais depositadas no último exercicio económico, incluído informe de auditoría, se é o caso. No caso de que non estea obrigado a presentar as contas anuais en ningún rexistro ou organismo, deberá achegar as contas anuais aprobadas polo órgano correspondente, do último exercicio económico, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.
d) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado, no que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.
e) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas polo solicitante ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas onde o solicitante estea incluído por consolidación, do último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.
f) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
III) Cando as solicitudes correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado, e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada nos anexos I.A e I.B deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes. A documentación complementaria está formada por:
a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo IX.2).
b) No caso dunha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estea en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas, dos dous últimos exercicios económicos pechados para os que se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.
c) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.
d) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
e) Declaración da renda das persoas solicitantes dos dous últimos exercicios económicos pechados para os que se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.
Outra documentación complementaria:
IV) Contrato ou acordo de asociación/cooperación entre a persoa solicitante e o organismo científico que desenvolverá as operacións e validará os resultados, no que se especifique a distribución de tarefas e responsabilidades entre ambos.
V) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado ou, no caso de non realizala, as liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do último exercicio económico pechado para as que se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.
VI) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio en curso para as que se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.
VII) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, de cada solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á data de publicación da orde.
VIII) Cando o importe do gasto unitario iguale ou supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
IX) Facturas pro forma dos investimentos para os cales se solicita subvención, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipos e sistemas que as integran, achegando, no seu caso, os planos, esbozos ou vistas 3D necesarias para a súa correcta definición e, de ser o caso, certificado de importación.
X) Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, ou solicitude da dita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da devandita certificación, previa a ditarse a proposta de resolución, dos buques que interveñan no proxecto, de ser o caso.
XI) Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de solicitala, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución, dos buques que interveñan no proxecto, de ser o caso.
XII) Seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros, dos buques que interveñan no proxecto, de ser o caso.
XIII) Se a realización do investimento require proxecto técnico ou planos, deberá achegarse e estar asinado por técnico competente. Tamén deberá achegarse en soporte informático (formato jpg ou pdf). Así mesmo, deberán achegarse os planos anteriores e posteriores á realización do investimento que se solicita.
XIV) Declaración doutras axudas (xa incluído no anexo I.A e no anexo I.B), no caso doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto. Só se presentará a resolución de concesión no caso de que se opoña expresamente á súa consulta.
XV) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.
XVI) Plan de financiamento do proxecto:
a) Informe no cal se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, nel especificarase se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento.
b) Documentación xustificativa do tipo de financiamento:
Recursos propios:
Certificados bancarios actualizados, debidamente asinados e selados, das contas do solicitante onde conste/n o/os titular/es delas, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos, etc.; as contas de crédito considéranse recursos alleos) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberá indicar a súa dispoñibilidade ou, en caso contrario, o prazo de vencemento.
– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/os certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s deste.
Recursos alleos:
Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida ante notario.
Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario actualizado debidamente asinado e selado, onde identifique o número da póliza de crédito a que fai referencia, o límite da póliza e o importe dispoñible e disposto.
Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestatario, certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s deste e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, se é o caso.
Noutros casos, achegar a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou tales documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.
b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante, nomeada para os efectos da presentación da solicitude.
c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.
d) NIF da persoa xurídica solicitante, da entidade ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens, segundo corresponda.
e) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
f) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
g) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.
h) Consulta de atoparse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga).
i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade correspondente da Consellería do Mar.
j) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.
k) Informe acreditativo de non cometer infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Estes certificados deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
m) Consulta de non ter sido declarado culpable de cometer fraude segundo o sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública, no marco do FEP ou FEMP.
n) Consulta de non estar nin ter estado, nos últimos 24 meses, involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
ñ) Autorización ou solicitude de autorización da Consellería do Mar para a realización do investimento previsto, no caso de que esta sexa necesaria.
o) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
p) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica de Galicia.
- Fase de Solicitude
- Custo do proxecto (Anexo V)
- Compromiso de contratación de persoal especificamente para a realización do proxecto (Anexo XIII)
- Declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica (Anexo XV.3)
- Pluralidade de persoas físicas (Anexo IX.1)
- Solicitude (Anexo I.A)
- Declaración Responsable de non inicio (Anexo XVI)
- Compromiso do organismo científico/técnico que colabora na realización, validación dos resultados do proxecto e autorización para a exposición pública (Anexo VII)
- Currículo do persoal do organismo científico/técnico que colabora na realización do proxecto/operación e a súa validación (Anexo VIII)
- Memoria Resumo da persoa solicitante (Anexo IV)
- Memoria de colaboración do organismo científico/técnico (Anexo VI)
- Declaración relativa á condición de peme (persoas xurídicas) (Anexo XV.2)
- Nomeamento de representante (Anexo XI)
- Ficha Resumo do proxecto (Anexo II)
- Indicadores FEMP (Anexo III.A)
- Declaración relativa á condición de peme (persoas físicas) (Anexo XV.1)
- Agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens (Anexo IX.2)
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Seis meses
Sentido do silencio:
Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Axudas a investimentos produtivos en acuicultura.
Axudas para o incremento da eficiencia enerxética e o fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables.
Axudas a investimentos que potencien os efectos positivos no medio ambiente, a eficiencia dos recursos e a redución do uso da auga e químicos.
Axudas a investimentos produtivos, incremento da eficiencia enerxética e fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, e para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura.
Axudas a operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños
Axudas para compensar aos acuicultores que tiveran perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote de Covid-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).