Guía de procedementos e servizos

MT809F

Axudas económicas aos custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 06/01/2026 00:00 - 05/02/2026 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

TRAMITAR PRESENCIALMENTE
Sobre o procedemento

Establecer unha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques de lobo, coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, incentivando a adquisición de elementos preventivos (valados fixos) dos danos que poida ocasionar esta especie.

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas

Servizo de Caza e Pesca Fluvial

San Lázaro, s/n

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881 997 212 / 981 546 084

Email: caza.pesca@xunta.gal

http://www.cmati.xunta.es/

Dirección Xeral de Patrimonio Natural
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

06/01/2026 00:00 - 05/02/2026 23:59

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remate o último día do mes.

As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e non estaren incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas ou as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste defecto concreto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución na cal se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

2. A solicitude de axuda segundo o anexo II desta orde (procedemento MT809F), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Declaración do cumprimento dos requisitos e das condicións establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e das condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de ter solicitado as licenzas e autorizacións preceptivas que resulten de aplicación ou ter efectuado as comunicacións previas preceptivas segundo o réxime de autorización aplicable.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta co acordo dos/das partícipes para solicitar a subvención. Cando se trate dunha comunidade de bens, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común, o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da Secretaría.

• Deberá acreditarse a dispoñibilidade sobre os terreos onde se pretendan realizar as actuacións a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

• Deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto ou anteproxecto que desenvolva os puntos enumerados no anexo VI.

• No suposto de actuar por representación, acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera dos medios sinalados no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste defecto (presentación presencial) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución pola que desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante.

e) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega).

i) Consulta do censo gandeiro da explotación referido a unha data posterior á da entrada en vigor desta orde de axudas, obtido da base de datos da aplicación informática da Consellería do Medio Rural.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da instalación de valados fixos, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 2 do 5 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da instalación de valados fixos, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 2 do 5 de xaneiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR239O

Recoñecemento como entidade colaboradora.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/02/2026 00:00 - 20/03/2026 23:59

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360C

Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano