Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
MR331A - Accións de cooperación para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a realización de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2022. O seu código de procedemento é MR331A.
As iniciativas de innovación traduciranse na implantación de proxectos piloto ou no desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agrícola, alimentario, e forestal e agroalimentario.
O desenvolvemento poderá entenderse tanto na incorporación de novidades como na aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se utilizaron previamente. Non obstante, non se poderán financiar proxectos xa realizados en territorios e condicións similares. En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental.
Actividades subvencionables .
1. As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:
a) Xestión sustentable dos recursos naturais.
• Sistemas de produción agrosilvopastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados, centrados nas áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandaría de vacún, ovino e cabrún; pasteiros, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).
• Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sustentable de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o medio, en concreto, no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.
• Xestión de recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sustentable e eficiente na rega de cultivos, control de canais e prevención de inundacións.
• Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrientes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais pola agricultura galega.
• Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.
• Mitigación do cambio climático nas explotacións agrarias para fomentar o paso a unha economía baixa en carbono, lograr mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitar o uso de fontes renovables de enerxía.
• Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sustentables e con reducido impacto ambiental.
b) Sistemas agrarios de produción.
• Aumento da sustentabilidade e competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúense o desenvolvemento e a obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.
• Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica, que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto á súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, malas herbas e axentes patóxenos.
• Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sustentable en sanidade vexetal.
• Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.
• Mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (gran e forraxe) para alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos.
• Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos sistemas de produción agraria.
• Mellora e extensión dos métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sustentabilidade e seguridade da produción alimentaria.
c) Industria agroalimentaria.
• Tecnoloxías de creación de valor no marco dun sector agroindustrial sustentable e competitivo, orientado á obtención de produtos seguros e saudables.
• Tecnoloxías para asegurar a calidade e autenticidade alimentaria.
• Mecanismos e procedementos para a redución do consumo de enerxía e a optimización dos procesos de control para lograr un procesamento de alimentos máis sustentable e competitivo.
• Produción de alimentos tradicionais en pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) alimentarias, relacionadas cos beneficios da dieta atlántica galega.
• Biodispoñibilidade de constituíntes funcionais de alimentos en produtos vexetais e animais e a súa relación cos sistemas de produción extensivos e ecolóxicos.
• Mantemento da actividade biolóxica de ingredientes funcionais durante o procesamento e a conservación de alimentos.
• Busca de novas fontes de ingredientes funcionais adaptadas á realidade produtiva galega, incluíndo o aproveitamento de subprodutos da industria alimentaria.
• Explotación da diversidade bioquímica das plantas a través do desenvolvemento do concepto de biorrefinaría.
d) Cadea agroalimentaria.
• Tecnoloxías para asegurar a seguridade e a autenticidade na cadea alimentaria.
• Medida da pegada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.
• Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.
e) Bioeconomía.
• Custos de produción dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.
• Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sustentable.
• Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da agricultura galega.
• Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidas especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.
f) Aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación (en diante, TIC) ao sector.
2. A duración da iniciativa de cooperación será de tres anualidades.
Gastos subvencionables
Poderán subvencionarse os custos directos vinculados aos proxectos aprobados. En particular, gastos de infraestruturas estritamente necesarias para o desenvolvemento dos proxectos, equipamento e material inventariable, gastos de funcionamento, subministracións e material funxible, gastos de persoal investigador ou auxiliar, custo de colaboracións externas e outros custos indirectos nas condicións establecidas polo artigo 68 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader) e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.
As axudas previstas nesta resolución para a implantación e desenvolvemento de proxectos destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a seguir se detallan.
1. Custos directos:
a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal técnico propio que participe no proxecto calcularanse atendendo aos seguintes importes por hora traballada e para cada categoría laboral. Os ditos importes subvencionables serán os que resultan de dividir as cantidades seguintes entre 1.720, cun máximo anual equivalente á suma total establecida para cada categoría:
• Titulado superior: 38.500,00 euros anuais.
• Titulado medio: 31.500,00 euros anuais.
• Técnico de FP de grao superior: 24.000,00 euros anuais.
• Categorías laborais distintas das anteriores: 20.500,00 euros anuais.
b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:
1º. Material inventariable:
– Adquisición de equipamento estritamente necesario para a realización da actuación, na medida e durante o período en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estea debidamente xustificado. Se o material inventariable se vai poder utilizar despois do remate do proxecto, só se considerarán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados mediante o método lineal e considerando un nulo valor residual do referido material. No caso de adquisición de equipamentos de segunda man, deberán respectarse as condicións do artigo 13, letra b), do Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, debendo, ademais, achegar certificado do taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.
– Adquisición de fondos bibliográficos relacionados coa actividade.
2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.
3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta, que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial da entidade solicitante. As actividades que vaia desenvolver cada un dos axentes cooperantes na iniciativa de cooperación non se considerarán como un servizo tecnolóxico externo.
Con base no establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá subcontratar, total ou parcialmente, a actividade, xustificando debidamente a non dispoñibilidade de medios propios para levala a cabo.
4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.
5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificadas, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, e Resolución do 29 de decembro de 2005, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 2005, sobre a revisión da contía da indemnización por uso de vehículo particular e a das axudas de custo en territorio nacional, establecidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que a substitúa).
6º. Gastos relacionados coa organización de xornadas, participación como relator ou edición de material de difusión (publicacións, webs, asistencia a congresos ou feiras e visitas recibidas con relación ao proxecto).
7º. Custos derivados do alugamento de equipamentos, instalacións ou predios destinados á realización das actuacións.
8º. Custos derivados da divulgación e transferencia de resultados, así como aqueles relativos á protección dos resultados (rexistro de patentes incluído).
2. Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados no número 2 do artigo 2 desta resolución. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no punto 1 deste mesmo artigo. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será exixible a todo tipo de gasto, e respecto aos gastos de persoal, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da Seguridade Social, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), etc.).
Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a entidade solicitante.
3. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.
4. O imposto sobre o valor engadido (en diante, IVE) só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, polo tanto, non recuperable. Será precisa a presentación dunha declaración responsable sobre a exención de declaración de IVE. No caso de non presentar esta declaración, entenderase que o IVE é recuperable e, polo tanto, non subvencionable.
5. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos á investigación básica ou fundamental nin os relativos á investigación independente.
6. Custos indirectos. En aplicación do previsto no artigo 68.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, o custo subvencionable para este concepto será o resultante de aplicar a porcentaxe do 15 % sobre o importe dos custos directos de persoal imputados ao proxecto segundo a solicitude presentada.
1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das subvencións obxecto da presente resolución:
a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.
b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
Non poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións obxecto da presente resolución os centros de investigación e experimentación e centros tecnolóxicos.
2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, e poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:
a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades (ambas as dúas sen ánimo de lucro) dedicadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura, así como á transformación do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación.
c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentable dos recursos naturais.
e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación, excepto no caso de produtores primarios que acrediten a súa participación activa no proxecto.
3. Na acción de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous axentes e, cando menos, un deles deberá ser un dos indicados no punto 1 deste artigo e o outro, un dos axentes cooperantes a que se fai referencia no punto 2 deste mesmo artigo.
1. As entidades beneficiarias da acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención de subvención ou axuda pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.
d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Unha mesma entidade non poderá ser beneficiaria de máis de dúas axudas nesta convocatoria. No caso das entidades que teñan máis de dúas solicitudes que superen a fase de avaliación, só serán admitidas aquelas dúas solicitudes que acadasen a maior puntuación nesta fase.
Xunta de Galicia
Consellería do Medio Rural
Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)
Área de Formación, Innovación e Investigación
Avenida do Camiño Francés, 10
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546662
Fax: 981546651
Email: transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal
Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)
Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 18 do 27 de xaneiro de 2022).
Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 18 do 27 de xaneiro de 2022).
Resolución do 15 de setembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (DOG nº 181 do 22 de setembro de 2022).
Resolución do 17 de xaneiro de 2023 pola que se dá publicidade ás subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022. (DOG nº 17 do 25 de xaneiro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
28/01/2022 00:00 - 28/02/2022 23:59
As solicitudes estarán dirixidas á Axencia Galega da Calidade Alimentaria e presentaraas a persoa interesada, que debe cumprir o disposto nos artigos 2 e 3 da presente resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Presentación das solicitudes .
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Memoria cega do proxecto en que se fará, segundo as epígrafes do anexo II, a descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto sobre os usuarios potenciais da innovación e relevancia na súa contribución ao obxectivo da Asociación Europea da Innovación (en diante, AEI). Ademais, sinalaranse as áreas prioritarias de actuación en que se encadra a iniciativa de cooperación. Nesta memoria non se poderá pór ningún nome propio ou dato identificativo do persoal nin das entidades participantes; o feito de non cumprir esta condición será causa de inadmisión da solicitude (anexo II).
b) Relación do persoal participante no proxecto e unha estimación das horas de dedicación ao proxecto (anexo III).
c) Memoria científico-técnica para todas as actividades das entidades participantes na acción de cooperación (anexo IV), en que conste:
1º. Un resumo do proxecto en que se xustifique en que consiste a innovación que se vai desenvolver.
2º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema no cal se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.
3º. Achegas concretas ao estado actual do coñecemento e a ciencia.
4º. Viabilidade da innovación proposta.
5º. Obxectivos e resultados potenciais do proxecto, que incluirá argumentos que avalen a innovación (claros e específicos).
6º. Metodoloxía usada no proxecto que avale a consecución dos obxectivos propostos.
7º. Plan de traballo para desenvolver no tempo de execución, no cal se inclúan as actividades que se van realizar por cada unha das partes que colaboran.
8º. Cronograma do proxecto trasladado a un diagrama de Gantt en que se inclúa as actividades que se van realizar por cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal.
9º. Plan de divulgación dos resultados detallando e especificando individualmente os medios e alcance da publicación autonómica, nacional ou internacional, así como a programación temporal das actividades de divulgación. Os beneficiarios comprometeranse á divulgación dos resultados, polo menos a través da internet, dos proxectos piloto e/ou desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, respectando a súa confidencialidade para salvagardar os intereses dos participantes.
10º. Beneficios que poidan derivar do proxecto cara ao sector implicado, desde o punto de vista da súa repercusión económica, ambiental e social.
11º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.
12º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes cooperantes que colaboran nel, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 5 desta resolución. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polas entidades na solicitude da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os solicitantes das axudas deberán achegar coa solicitude tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, os solicitantes achegarán unha memoria xustificativa.
d) Xustificación detallada do custo da participación no proxecto de cada unha das entidades beneficiarias participantes no proxecto (anexo V).
e) Contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinado polos representantes legais dos participantes na acción de cooperación. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinado polos representantes legais das partes.
f) De ser o caso, declaración responsable sobre a exención de declaración de IVE. En caso de non presentar esta declaración, entenderase que o IVE é recuperable e, polo tanto, non subvencionable.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación debidamente cuberta considerarase mínima imprescindible para a tramitación das solicitudes:
a) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I).
b) Memoria cega do proxecto en que se fará, segundo as epígrafes do anexo II, a descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto sobre os usuarios potenciais da innovación e relevancia deste. Ademais, sinalaranse as áreas prioritarias de actuación en que se encadra a iniciativa de cooperación. Nesta memoria non se poderá pór ningún nome propio ou dato identificativo do persoal nin das entidades participantes; o feito de non cumprir esta condición será causa de inadmisión da solicitude (anexo II).
c) Memoria científico-técnica con todos os seus puntos cubertos, na cal se describan todas as actividades das entidades participantes na acción de cooperación (anexo IV).
Non serán admitidas aquelas solicitudes que non presenten a antedita documentación debidamente cuberta e asinada. Nestes casos, emitirase resolución de inadmisión.
6. No suposto de que a solicitude, no referente á documentación non incluída no punto 5 deste artigo, non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de acceso ao requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, e arquivaranse as actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante, cando se trate dun empresario individual.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT).
e) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban que realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán relacionarse coa Administración competente e realizar os trámites necesarios para a tramitación do procedemento, consultar o seu estado de tramitación e coñecer os actos de trámite realizados con indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo A - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo D - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo F - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo C - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo E - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo B - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
- Documentación para solicitude de pagamento e xustificación da subvención modelo G - Solicitude de pagamento (Anexo VI)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Axudas a actividades de demostración e accións de información.
Inscrición de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria.
Autorización para impartición de actividades de formación contínua e transferencia de tecnoloxía agraria.
Axudas a intercambios e visitas a explotacións.