Guía de procedementos e servizos

MR325A

Listas de contratación de persoal investigador da AGACAL.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Pechado

Consellería do Medio Rural

Sobre o procedemento

Estas bases constitúen un conxunto de instrucións, normas e especificacións que rexerán o proceso de presentación das solicitudes e elaboración de listas previas por categorías da Agacal, segundo a previsión do artigo 59.2 da Lofaxga.

Listas.

As necesidades de investigación na Agacal determínanse en tres sectores de actividade: agropecuaria, forestal e viticultura-enoloxía. Cada sector ten distintas áreas e cada área desagrégase en liñas de investigación específicas codificadas segundo o anexo I.

Persoal investigador asociado a proxectos vinculados ao catálogo de liñas de investigación dos centros de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Avenida do Camiño Francés, 10

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881996290

Email: agacal@xunta.gal

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

Abrir un prazo de 20 días hábiles para a presentación de solicitudes de incorporación nas listas no ano 2021, contados desde as 00.00 do día seguinte ao da publicación ata as 23.59 do vixésimo día hábil posterior.

Requisitos xerais no momento da contratación.

a) Ter nacionalidade española, ou ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as; ou ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

Tamén poderán participar, calquera que for a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún Estado a que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Ter feitos os 18 anos e non ter acadado a idade de xubilación.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude do expediente disciplinario nin inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas

e) Coñecemento do idioma galego acreditado mediante o certificado do Celga ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou compromiso de adquisición de coñecementos se o contrato é de duración dun ano ou superior.

f) Capacitacións para traballar con animais de experimentación, segundo a Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo, pola que se establecen os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou subministrados con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia. Naqueles proxectos que impliquen a utilización de animais de experimentación e que a normativa aplicable así o requira, será requisito indispensable estar en posesión das capacitacións habilitantes para o desempeño da función requirida. Neste caso, de entre as persoas candidatas que figuren na lista de contratación da liña de investigación seleccionada, só se terán en conta aquelas que teñan acreditado estar en posesión da devandita capacitación segundo as funcións precisas para o desenvolvemento do proxecto. As funcións que, de ser o caso, deberán acreditarse, son o coidado dos animais, eutanasia dos animais, realización dos procedementos, deseño dos proxectos e procedementos, asunción da responsabilidade da supervisión in situ do benestar e coidado dos animais e asunción das funcións do veterinario designado.

Requisitos específicos.

As persoas aspirantes deberán acreditar estar en posesión dos seguintes requisitos:

a) Titulación requirida segundo os sectores de actividade en que se integran as áreas e liñas de investigación:

Sector agropecuario:

Grao en Enxeñaría Agraria ou equivalente, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Veterinaria ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

Sector forestal:

Grao en Enxeñaría de Montes, grao en Enxeñaría Agraria, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

Sector viticultura e enoloxía:

a) Grao en Enxeñaría Agraria ou equivalente, grao en Enxeñaría de Montes ou equivalente, grao en Bioloxía ou equivalente, grao en Ciencias Ambientais ou equivalente, grao en Bioinformática ou equivalente, grao en Química ou equivalente, grao en Bioquímica ou equivalente, grao en Farmacia ou equivalente, grao en Tecnoloxía dos Alimentos ou equivalente, grao en Economía ou equivalente, grao en Estatística ou equivalente.

b) Formación específica (requisito indispensable): doutoramento en campos científicos aplicables ás liñas de investigación no catálogo, así como aquelas persoas que teñan acadado a suficiencia investigadora ou o DEA nas mesmas liñas, ou que, estando matriculados nos cursos de doutoramento, acrediten ter superado, cando menos, un curso completo.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requirimento non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Solicitudes.

1. En aplicación do artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a obrigatoriedade de emprego dos medios electrónicos na presentación da solicitude, considerando que os potenciais interesados, pola súa condición de titulados universitarios, dispoñen necesariamente da necesaria capacidade técnica e funcional.

2. As solicitudes presentaranse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo II).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude indicaranse expresamente as liñas de investigación (anexo I) obxecto de interese da persoa solicitante, que se valorarán independentemente, segundo o baremo establecido.

4. O enderezo que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos de notificacións e son responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto os erros na consignación como a falta de comunicación de cambio de domicilio.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI da persoa solicitante.

• DNI da persoa representante.

• Certificado de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante.

• Verificación do título de doutor/a.

• Certificado do Celga ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Currículo.

• Certificado equivalente ao Celga non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• No caso de non dispoñer do título de doutoramento, título ou copia do documento que acredite a obtención da suficiencia investigadora ou o DEA, ou de estaren matriculados en cursos de doutoramento para a obtención do doutoramento con indicación das materias que sexan susceptibles de aplicación aos campos científicos das liñas de investigación do catálogo e,

• De ser o caso, documento oficial acreditativo de ter superado dous anos, ou máis, dos cursos de doutoramento.

• Cando proceda, acreditación de atoparse no terceiro ano ou superior como doutorando, tendo superadas todas as materias dos cursos de doutoramento.

• Certificación acreditativa ou copia da condición de bolseiro/a en formación onde conste o tempo de duración da bolsa e permita avaliar a vinculación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo.

• Contratos ou copia dos contratos de traballo como investigador e dos documentos que permitan acreditar o tipo de participación (como investigador principal ou como colaborador), no caso de que non se especifique no documento do contrato, e que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e/ou sectores do catálogo.

• Certificación ou copia que acredite a participación en proxectos de investigación de convocatorias públicas (autonómica galega, nacional ou internacional) con indicación do título, convocatoria, tipo de participación (como investigador principal ou como colaborador) e tempo traballado no proxecto e que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo emitida polo director do centro onde se execute ou executou o proxecto.

• Publicacións científicas: presentaranse só a/s páxina/s ou copia da páxina ou páxinas onde figure o título, resumo, revista, ano de publicación e DOI, de ser o caso. No caso de publicacións aceptadas, pero aínda non publicadas, presentarase o documento acreditativo da aceptación para a publicación. No caso de comunicacións a congresos, documento acreditativo da presentación destas. Libros e capítulos de libros, presentarase soamente a páxina onde figure o título, autores, ano de publicación, editorial e número de rexistro. En ningún caso é preciso presentar as publicacións completas. No caso de non poder realizar o cotexo destas é preciso indicar o enderezo da web da revista en que se publicou. En calquera caso, da documentación achegada deberase desprender claramente a relación directa coas materias vinculadas á liña, área e/ou sector que se vai avaliar.

• Título ou copia do título de propiedade industrial (patentes e modelos de utilidade) onde figuren os inventores, e que permita avaliar a vinculación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo.

• Actividades de transferencia: certificación ou copia que acredite a participación en actividades de transferencia con indicación da tipoloxía de acción, título, convocatoria, tipo de participación (como responsable ou como cooperante) que permita establecer a relación directa coas liñas, áreas e sectores do catálogo, emitida polo director do centro onde se execute ou executou a actividade de transferencia.

• Certificación ou copia dos certificados de coñecemento do idioma inglés.

• Certificación do tempo de uso de permisos por parto, adopción ou acollemento nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de uso do outro proxenitor de permisos por nacemento, acollemento ou adopción nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de redución de xornada usado nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

• Certificación do tempo de excedencia para o coidado de familiares usados nos 5 anos anteriores á data de publicación da resolución.

A documentación presentarase en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. A documentación presentada en idioma distinto ao galego ou castelán deberá ir acompañada da tradución oficial.

Para calquera consulta ou información adicional, os interesados poderán poñerse en contacto telefónico no seguinte número 881 99 72 76, en horario das 9.00 ás 14.00 horas de luns a venres ou a través do correo electrónico agacal@xunta.gal, poñendo no asunto Listas de contratación Agacal.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e perante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados, agás que conste oposición expresa.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

30 días desde a publicación da lista provisional.

Sentido do silencio: Non especificado

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 7 de maio de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán o proceso de elaboración das listas propias desta axencia para a contratación temporal de persoal investigador e se abre o prazo de presentación de solicitudes en 2021 (DOG nº 94 do 21 de maio de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

MR324A

Rexistro de sociedades agrarias de transformación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR516C

Programas sanitarios excepcionais e de investigación ou experimentación en apicultura.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR560A

Autorización de entidades que imparten cursos de capacitación de persoal que traballa con animais para experimentación e outros fins científicos, incluída a docencia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

SA680A

Inscrición de laboratorios que realicen ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano